Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Ana Romaní
Noia


06/04/2019


Rosario Álvarez Blanco Luz Pozo Garza Manuel Rivas Barrós Margarita Ledo


Táctil resonancia. Da derrota dun esplendoroso veleiro, as voces flotantes e os cantos das baleas




Margarita Ledo


Ana Romaní (06/04/2019 - )
Xohana Torres Fernández (27/10/2001 - 12/09/2017)
Xosé María Álvarez Blázquez (28/11/1964 - 02/03/1985)
Aquilino Iglesia Alvariño (16/04/1949 - 29/08/1961)
Samuel Eiján Lorenzo (27/07/1941 - 14/12/1945)
Jaime Solá Mestre (22/04/1939 - 09/01/1940)
Andrés Martínez Salazar (04/09/1905 - 06/10/1923)


Figura imprescindible do xornalismo cultural e da poesía galega actual, Ana Romaní naceu no ano 1962 en Noia, territorio onde espertou á literatura e espazo tamén elixido para o seu ingreso como membro de número na Real Academia Galega. A escritora comparte raíces xeográficas con dous dos seus principais referentes, María Mariño e Antón Avilés de Taramancos, e ocupa desde o 6 de abril de 2019 a cadeira doutro, Xohana Torres. Literatura e comunicación marcan a súa traxectoria e conflúen en proxectos que converteron a radio en espazo de innovación creativa ao longo de tres décadas dunha frutífera carreira xornalística recoñecida con numerosos galardóns, o último deles o Premio Nacional de Periodismo Cultural do Ministerio de Cultura. Como poeta colleitou tamén distintos recoñecementos e a súa obra forma parte das principais antoloxías da poesía galega contemporánea.

O interese polo mundo cultural de Ana Romaní expresouse desde moi nova na súa localidade natal, coa que non perdeu contacto malia residir desde 1973 en Santiago de Compostela. Alí, canda outros mozos e mozas da vila, participou en proxectos como o Grupo de Animación Sociocultural Gueivota (1977), a revista artesanal Carabela de Xeada ou a creación da Asociación Cultural Catavento (1983). Nesa época participou tamén na creación da revista Festa da Palabra Silenciada (1983) e empezou a darse a coñecer como poeta.

O primeiro libro de poemas de Ana Romaní, Palabra de mar, chegaría uns anos despois, en 1987. Nestas páxinas emerxe xa o universo de elementos mariños e a ollada feminista que atravesa a súa creación, que teima no diálogo coa tradición poética de autoría feminina e o devezo do comunal. Séguenlle Das últimas mareas (1994), onde continúa o ronsel de Xohana Torres e o seu "Eu tamén navegar" e ofrece a súa reescrita do mito de Penélope; Arden (1998), onde incorpora outro elemento do seu discurso de ingreso na RAG, a balea, como símbolo de apoderamento feminino; Love me tender... 24 Pezas mínimas para unha caixa de música (2005), versos que esculcan na violencia e na tiranía a partir das informacións das agresións e asasinatos machistas; e Estremas (2010). O seu último poemario ata o momento foi recoñecido co Premio Ánxel Casal ao libro de poesía do ano 2010, concedido pola Asociación Galega de Editores, o de Creación Literaria dos Premios da Crítica Galicia 2011 e o Premio de Poesía da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (2011).

Como xornalista, tras un tempo traballando na emisora Radio 4 de Radio Nacional de España, en 1989 incorporouse á redacción da Radio Galega, onde dirixiu entre 1990 e 2018 o Diario Cultural. O programa converteuse neste tempo nun referente da información cultural, mais tamén en espazo de experimentación e xeración de novas dinámicas de creación baseadas na permeabilidade da radio á literatura. Con esta premisa promoveu e coordinou os proxectos Narradio. 56 historias no ar, un conxunto de narracións escritas para o programa por outros tantos autores e autoras, recollidas tras a súa emisión nun audiolibro publicado en 2003; o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que deu lugar desde 2006 a corenta e unha obras de teatro adaptadas e emitidas, e que propiciou a revisión do xénero e a emerxencia de novos certames deste tipo; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI, unha antoloxía sonora con versos inéditos de trinta e seis poetas arredor de versos de Rosalía de Castro, que tamén viu a luz posteriormente (2013) nunha edición impresa.

O Diario Cultural foi recoñecido durante ese tempo cos premios da Irmandade do Libro (1992), Xerais á cooperación no labor cultural (1999), San Martiño á Normalización Lingüística e Cultural (2002), o da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (2007), o de Fomento da Lectura na modalidade de radio da Federación de Gremios de Editores de España (2007), o Abrente de Honra da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (2013), o do Público do Culturgal (2014) e o Ínsua dos Poetas en medios de comunicación (2017).

Polo seu labor profesional, ademais do Premio Nacional de Periodismo do Ministerio de Cultura, a académica foi recoñecida anteriormente co Premio Atlántida á xornalista radiofónica do Gremi de Editors de Catalunya (2008), o Premio de Honra Marisa Soto da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (2009), o Premio Xiria da Mostra de Teatro Cómico Festivo de Cangas (2011), o Premio da AELG 2013 de Xornalismo Cultural, o Premio da Gala do Libro Galego á Traxectoria xornalística (2018) e o Premio da Critica Galicia en Iniciativas Culturais (2018).

Colaboracións artísticas e outros proxectos
Como poeta promoveu e colaborou con distintos artistas en proxectos relacionados coa dicción do poema e a súa expresión no espazo público. É o caso de O Son da Pedra (1994), co grupo Milladoiro; O outro extremo do paraíso e Lob*s (1999), con Antón Lopo; Son Delas (2000), con Uxía Senlle; Estalactitas (2002), con Anxos Romeo e Lupe Gómez; Catro poetas suicidas. Intervención poética contra a levidade (2002), A voz e o poema. Os periplos de Avilés de Taramancos (2003), con Anxo Quintela, Unha delas (2015) e 2%. Un recital para esquecer, con Chus Silva (2019).

Alén da poesía, Ana Romaní cultivou tamén outros xéneros, con títulos como a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (2003) ou as biografías de María Mariño, Xela Arias ou Belén Feliú para o Álbum das Mulleres.
Como activista cultural e feminista participou ademais na creación da revista A Festa da Palabra Silenciada (1983) e da Asociación Mulleres Galegas na Comunicación e é parte de diversos colectivos e plataformas.



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete