Membros da Academia | Pleno | De honra | De número | Correspondentes |
| Ricardo Carballo / Carvalho Calero Ferrol, A Coruña, 30/10/1910 17/05/1958 Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas e Xesús Ferro Couselo Ramón Otero Pedrayo Ricardo Carballo / Carvalho Calero (17/05/1958 - 25/03/1990) Marcelo Macías y García (04/09/1905 - 07/03/1941) Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990), que dende o ano 1981 asinou as súas obras e escritos como Carvalho Calero, é unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX. O profesor ferrolán desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, converténdose en 1972 no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas. Medrou en Ferrol, rematou o bacharelato na Coruña e en 1926 marchou estudar Dereito e Filosofía a Santiago de Compostela, onde mantivo unha intensa actividade intelectual e política: entrou axiña en contacto co galeguismo artellado arredor do Seminario de Estudos Galegos —do que chegou a ser secretario xeral— e cultivou un estreita relación con Vicente Risco, Castelao, Ramón Otero Pedrayo e outros mestres da Xeración Nós. Nesta etapa redactou un manifesto sobre a galeguización da universidade (subscrito, entre outros, por Álvaro Cunqueiro ou Francisco Fernández del Riego) e participou na fundación do Partido Galeguista e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia. Dos anos de mocidade son ademais as súas primeira obras literarias, os poemarios Vieiros (1931), o seu primeiro libro en galego, e O silenzo axionllado (1934). No ámbito académico, en 1954 doutorouse en Madrid coa tese Aportaciones a la literatura gallega contemporánea. En 1958 ingresou como membro de número da Real Academia Galega, co discurso titulado Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía, e máis adiante sería o redactor, xunto a Ramón Piñeiro, das primeiras normas ortográficas e morfolóxicas aprobadas por esta institución (1970-71). En 1965 incorporouse como profesor interino á Universidade de Santiago de Compostela, da que foi o primeiro docente das materias de Lingua e Literatura Galegas, que se acababan de introducir como optativas nos programas universitarios; e en 1972 converteuse no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas, posto do que se xubilou no ano 1980. Durante as últimas décadas da súa vida mantivo unha intensa actividade como articulista e colaborador en prensa, residindo de xeito permanente en Santiago de Compostela, onde faleceu en 1990. O seu labor foi recoñecido nestes anos dentro e fóra de Galicia. En 1981 foi nomeado membro da Academia das Ciencias de Lisboa e en 1984 recibiu a Medalla Castelao. Da creación ao estudo da literatura Carballo Calero é ademais autor da Gramática elemental del gallego común (Galaxia, 1966), manual de referencia para as primeiras xeracións de estudantes de lingua galega e que atinxiu unha gran difusión, ata chegar ás sete edicións. A de 1979, a derradeira, ten cambios importantes na ortografía e en escollas léxicas e, sobre todo, morfolóxicas a raíz do cambio na concepción de Carballo sobre o que debería ser o galego culto, xa que desde mediados da década dos 70 pasou a defender a adopción dunha ortografía próxima á portuguesa para o galego e a aceptación do portugués como referencia fundamental do galego estándar. A partir desas datas empeza a asinar como Ricardo Carvalho Calero. Os seus traballos lingüísticos e a exposición e propostas de orientación reintegracionista foron recollidos en volumes como Problemas da Língua Galega (Lisboa, 1981), Da fala e da escrita (1983) e Do galego e da Galiza (1990). |
Axenda de actos Ver todos |
Xoves 5 de decembro de 2019 / 19:00 h Charla de Toponimízate - Casa da cultura de Noia |
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h Charla da campaña Toponimízate nas Neves |
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel |
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade |
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén |
Boletín da Real Academia Galega
nº 379
Cadernos de Lingua
nº 36
Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
(23ª ed.)
Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega