Membros da Academia | Pleno | De honra | De número | Correspondentes |
| Ramón Piñeiro López Láncara, Lugo, 31/05/1915 25/11/1967 Ricardo Carvalho Calero, Domingo García-Sabell Rivas e Julio Rodríguez Yordi Domingo García-Sabell Rivas Salvador García-Bodaño Zunzunegui (25/11/1992 - ) Ramón Piñeiro López (25/11/1967 - 27/08/1990) Manuel Banet Fontenla (04/09/1905 - 30/09/1962) Ramón Piñeiro López naceu no seo dunha familia labrega da parroquia de Armea, concello de Láncara (Lugo), en maio de 1915. Tivo outros sete irmáns, dos que tres morreron sendo nenos. Era fillo de Vicenta López Fernández e de Salvador Piñeiro García, quen sempre demostrou unha preocupación pola cultura e pola educación dos seus pequenos superior á habitual naquela época entre a xente humilde. Isto, e a incipiente curiosidade e intelixencia de Ramón, explica que xa antes de chegar, con seis anos, á escola, o neno soubese ler, escribir e resolver algunhas operacións matemáticas. Se a escola non supuxo dificultades intelectuais para Ramón Piñeiro, adiantado con respecto aos seus compañeiros grazas á axuda familiar, si que lle causou un forte impacto ao facerlle percibir en toda a súa crueza a diglosia presente na sociedade. Entre 1924 e 1928, Ramón Piñeiro cursou en Lugo o bacharelato elemental. Neses anos descubriu a literatura; tamén a literatura na súa lingua, que lle chegou da man dunha antoloxía de poetas nosos. Quedou impresionado ao decatarse de que o idioma de campesiños que a escola desprezaba era tan apto coma o castelán para as sutilezas da poesía. A precaria situación económica da familia impediu inicialmente que Ramón Piñeiro puidese continuar os seus estudos, polo que este regresou á casa para dedicarse aos labores do campo. Mais, aconsellada polo fillo do secretario do concello de Láncara, a familia resolveu enviar a Ramón a Sarria, onde levaría a contabilidade do comercio dun amigo do pai. Alí tivo Piñeiro os seus primeiros contactos co galeguismo. Subscribiuse ao diario El Pueblo Gallego, onde escribían artigos na lingua de Rosalía destacados intelectuais, como Ramón Otero Pedrayo. Ademais, cando en 1931 se proclamou a II República, o galeguista Lois Peña Novo foi falar á vila nun mitin que acabou de espertar as simpatías do mozo de Armea polo movemento que o orador defendía. A finais daquel ano, Ramón Piñeiro volveu a Lugo para cursar o bacharelato superior axudándose da circunstancia de que unha súa irmá tiña traballo e casa naquela cidade. Alí medrou o seu sentimento galeguista, polo que fundou, canda os seus compañeiros de instituto, a Mocidade Galeguista de Lugo, da que foi secretario de cultura. A súa intelixencia e a súa entrega á causa levárono a relacionarse cos líderes do Partido Galeguista (PG) e a recibir deles importantes encargos, a pesar de ser aínda moi novo. A súa traxectoria culminaría coa súa elección como secretario do Comité Provincial do partido, o que o levou a implicarse fondamente na campaña a prol do Estatuto de autonomía. Cando, o 18 de xullo daquel mesmo ano, se produciu o levantamento militar contra o goberno, Ramón Piñeiro participou como representante do PG na comisión asesora do gobernador civil en defensa da República. Dende o momento en que os sublevados tomaron o control da situación, o mozo de Láncara estivo en perigo. En diversas ocasións tivo que esquivar, só ou coa axuda de compañeiros de estudos ou amigos da familia afectos aos rebeldes, a detención e a morte. Finalmente, cando chamaron a súa quinta, incorporouse a filas, pois servir no exército dos sublevados semellaba a única opción de protexer a súa vida. Así pois, rematada a contenda, Ramón trasladouse a Santiago de Compostela para estudar os anos comúns da carreira de Filosofía e Letras. En 1942 marchou a Madrid para cursar a especialidade de Filosofía. Vista a fortaleza que fora adquirindo o réxime franquista e o seu progresivo recoñecemento internacional, ao saír da cadea Ramón Piñeiro creu inviable continuar cunha decidida loita política na clandestinidade e optou pola loita cultural. Durante os últimos anos do franquismo, Ramón Piñeiro ocupouse tamén de facilitar a creación dun partido socialista e outro de tendencia democristiá galegos, convencido de que "a maioría de idade política de Galicia tiña que consistir mesmamente en que deixase de existir un partido galeguista para que fosen galeguistas todos os partidos democráticos". Con todo, el non se integrou en ningunha destas formacións, pois coidaba que cumpría continuar facendo unha política cultural á marxe dos partidos que servise para galeguizar a parte da sociedade que non militaba en ningún deles. A situación cambiou coa chegada da democracia e, con ela, da posibilidade da autonomía. Ramón Piñeiro comezou por apoiar diversos manifestos a prol da consecución dun auténtico autogoberno para Galicia e por participar na formación da sociedade de estudos e opinións Realidade Galega, que esixiu para o noso país un estatuto que lle garantise niveis de autonomía equivalentes aos do País Vasco e Cataluña. Nas primeiras eleccións democráticas foi candidato ao senado por Lugo nunha candidatura de unidade dos partidos que propugnaban o federalismo. A pesar de que a apoiaban o Partido Popular Galego (demócrata-cristiáns galeguistas), o PSG, o PSOE, o PC e o Movemento Comunista de Galicia, os seus resultados foron cativos. Preocupado por asegurar a presenza galeguista no primeiro Parlamento galego, cando chegaron as eleccións autonómicas aceptou a oferta do PSdeG-PSOE de ir como independente nas súas listas. Deste xeito, foi elixido deputado autonómico, o que lle deu a oportunidade de traballar a prol da Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade en 1983. Nese mesmo ano, Ramón Piñeiro foi elixido presidente do primeiro Consello da Cultura Galega, cargo que ocuparía ata o seu pasamento en 1990. A súa produción intelectual, que a seguir referenciamos, continúa a ser un referente para boa parte do pensamento nacionalista galego: Libros Traducións (en colaboración con Celestino Fernández de la Vega) |