Académicos e académicas

Xosé Ramón Barreiro Fernández

Xosé Ramón Barreiro Fernández

Ribeira, A Coruña, 1936 - A Coruña, 2021
Data de ingreso
14/02/1997
A proposta de
Antonio Meijide Pardo, Antonio Fraguas Fraguas e Xosé Filgueira Valverde
Resposta pronunciada por
Xesús Alonso Montero
Exerce o cargo de
Presidente (17/12/2005 - 18/12/2009)
Presidente (20/12/2001 - 16/11/2005)
Tesoureiro (29/11/1997 - 29/11/2001)

Xosé Ramón Barreiro Fernández (Ribeira, 1936 – A Coruña, 2021) é un referente do estudo da historia da vida política, cultural e institucional de Galicia. Como membro da Real Academia Galega, deixou unha importante pegada na historia máis recente da institución, da que foi presidente entre 2001 e finais do 2009.

A traxectoria intelectual do profesor Barreiro Fernández comezou vinculada ao Seminario Diocesano de Santiago de Compostela e continuou en Roma, onde se doutorou no ano 1965 en Dereito Canónico pola Universidade Gregoriana coa tese titulada A perpetuidade subxectiva do beneficio eclesiástico. De volta en Galicia, exerceu como profesor do Seminario e converteuse, antes de se secularizar, nun referente entre os clérigos que pulaban pola renovación da Igrexa.

Tras se licenciar en Filosofía e Letras, Sección de Historia, pola Universidade de Santiago de Compostela, en 1974 comezou a traballar como docente na mesma facultade. A súa segunda tese, desta volta xa no campo da historia contemporánea e defendida no ano 1979, dedicouna ao campesiñado galego. Para entón xa tiña publicadas dúas obras que hoxe seguen vixentes, El carlismo gallego (1975) e El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo (1977). No ano 1984 acadou a posición de profesor numerario e no 1987 a de catedrático de Historia Contemporánea de Galicia.

A historia da vida política de Galicia, especialmente a do século XIX, foi unha das súas grandes liñas de traballo, con abondosos estudos sobre o liberalismo e o republicanismo publicados ao longo de catro décadas e títulos que abranguen dende Liberales y absolutistas en Galicia, 1808-1833 (1981) e o Diccionario de parlamentarios de Galicia (2001) –coeditado pola Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia– ata Os incómodos sociais. A transgresión intelectual en Galicia (2019).

No eido da historia cultural e institucional, o profesor Barreiro Fernández é o grande estudoso do primeiro presidente da RAG e figura esencial do Rexurdimento, Manuel Murguía. Ademais de publicar a súa biografía, Murguía, Premio da Crítica na categoría de Investigación de 2013, foi coeditor do seu epistolario pasivo, con máis de 1.600 cartas conservadas no arquivo da Academia, xunto ao académico Xosé Luís Axeitos. Destacan tamén, entre outros traballos, as súas publicacións sobre a historia da imprenta e da prensa en Galicia, con obras como La imprenta en Galicia (1980) e Historia de la imprenta en Galicia (1992), ou a dirección da Historia da Universidade de Santiago de Compostela (2001) co gallo dos cincocentos anos da institución universitaria.

A divulgación é outra faceta que o académico cultivou con acerto. No ano 1982 mereceu o Premio da Crítica pola súa Historia de Galicia IV. Edade contemporánea, en resposta a unha encarga da Editorial Galaxia; escribiu títulos como Historia de la ciudad de La Coruña (1986) e catro volumes centrados nos séculos XIX e XX do Proxecto Galicia de Hércules de Ediciones (1991); e foi coordinador da colección A gran historia de Galicia (2007), tamén divulgada por La Voz de Galicia en trinta e dous volumes, cinco deles da súa propia autoría.

Como xestor, a súa presidencia da RAG foi un período de renovación marcado polo comezo dos traballos de dixitalización dos fondos, a redacción dos novos estatutos da entidade, a celebración do centenario da entidade e a revisión dos acordos normativos da lingua galega. Abriu ademais, como director da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, unha liña de investigación e divulgación da figura da escritora coruñesa, creou a revista de estudos pardobazanianos La Tribuna e promoveu a celebración de varios congresos sobre a autora. 

No ámbito institucional, foi tamén director do Instituto de Estudos Xacobeos, que fundara o cardeal Quiroga Palacios, e dirixiu a súa revista, Compostellanum. Foi secretario do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, membro da primeira directiva do padroado Rosalía de Castro e membro do plenario do Consello da Cultura Galega e do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses. Contribuíu tamén á posta en marcha do Departamento de Historia Contemporánea da USC, onde foi mestre doutros grandes historiadores, e foi decano da Facultade de Xeografía e Historia (1985-1986) e director do Departamento de Historia II. Máis adiante (1990-1991), foi vicerreitor de Política Cultural da USC, institución á que permaneceu vencellado, tras se xubilar, como profesor emérito e pola que foi recoñecido coa súa insignia de ouro.

Alén dos mencionados Premios da Crítica, recibiu, entre outros galardóns, o Premio Santiago da TVG (1987), a Medalla Castelao (1991) e o Premio da Asociación de Libreiros; e no ano 2007 recolleu, en nome da RAG, a Medalla de Ouro de Galicia. A súa traxectoria foi tamén recoñecida coa súa elección como membro correspondente da Real Academia de Historia, a Real Academia de Ciencias, de Bellas Artes y Nobles Artes de Córdoba.