Académicos e académicas

Félix Estrada Catoyra

Félix Estrada Catoyra

Porto Príncipe, Cuba, 1853 - A Coruña, 1938

Naceu en Porto Príncipe, Cuba, o 26 de novembro de 1853 e morreu na mesma cidade o 14 de marzo de 1938. Foi un destacado médico militar. Tamén foi membro da Real Academia Galega e o seu Tesoureiro.

Félix Estrada cursou Bacharelato e Comercio na Coruña, cidade na que viviu desde a súa nenez, ata que se traslada a Santiago de Compostela para estudar Medicina, onde se licencia no ano 1874. Nesa mesma Universidade, e no curso seguinte, 1874-75, exerceu por primeira vez a docencia como profesor axudante de Patoloxía. Xa en 1875, acadou o doutorado en Medicina e Ciruxía pola Universidade de Madrid e dous anos despois ingresou, por oposición, no Corpo de Sanidade Militar, sendo destinado  na Habana, onde prestou servizos por máis de 40 anos. O noso biografado continuou os seus estudos tamén na Universidade cubana, licenciándose en Farmacia no ano 1880 e en Ciencias Naturais, en 1882. Máis tarde acadou o título de doutor en ámbalas dúas disciplinas. No mesmo 1882, converteuse en Catedrático da Escola de Agricultura de Cuba, desempeñando as cátedras de Zootecnia, Historia Natural, Fitografía e Xeografía Botánica. Asemade, exerceu como director da devandita Escola entre os anos 1885 e 1887. Mentres, en 1885, foi nomeado pola Deputación Provincial da Habana profesor da Escola Preparatoria de Artes e Oficios. Durante a súa vida, en Cuba e en Galicia, foi membro de número de diversas sociedades intelectuais, como a Sociedad Española de Historia Natural (1875), a Sociedad Española de Amigos del País de Santiago (1875), a Sociedad Matritense ou a Sociedad de Estudios Clínicos de la Habana (1881). Ademais foi tamén socio fundador do Colegio de Farmacéuticos de la Habana (1882) e socio correspondente da Sociedad Antropológica Española (1875).

O ano 1895 foi o ano do seu regreso á Península, onde continuou exercendo como médico militar nos hospitais da Coruña, Segovia e Alicante. Coa chegada da xubilación, Félix Estrada fixou a súa residencia na Coruña para desenvolver un excelso labor social en calidade de Presidente do Patronato da Caridade, das Escolas Populares, ou da Cociña Económica, entre outras institucións benéficas. O 8 de agosto de 1921, co discurso “Estado social de Galicia en la Edad Media”, ingresou na Real Academia Galega como membro de número proposto por Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao e Andrés Martínez Salazar. Ademais, exerceu como Tesoureiro da institución durante catorce anos: do 30 de xuño de 1924 ao 14 de marzo de 1938. Tamén na cidade herculina, presidiu a Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos.

Estrada Catoyra foi distinguido, entre outras, coas medallas de Cuba e Alfonso XIII, en 1907. Ademais, o Concello da Coruña recoñeceu o seu labor pola cidade e por Galicia dedicándolle o seu nome a unha das súas rúas.

Ademais dos libros publicados, Félix Estrada colaborou coas suás investigacións no Boletín da Real Academia Galega e noutras revistas e xornais como Galicia en Madrid, Cultura GallegaRevista Española de Ginecología de Madrid, Anfiteatro Anatómico Español, Diario del Ejército (A Habana), Revista de Terapéutica y Farmacología ou Gaceta de Sanidad Militar. Foi premiado no Certame científico celebrado en Ourense no Centenario do Padre Feijoo  polo seu traballo “Medios fáciles de investigar adulteraciones de los alimentos de mas frecuente uso en Galicia” e no Certame histórico de 1909 por “Reseña de la Reconquista de Vigo” e mais por “Historia de los Ejércitos gallegos en la guerra de la Independencia”, que, posteriormente, verían á luz en forma de libros.

 

Publicacións exentas

Enfermedades y mortaldad en el ejército. Habana: C. Fernández y Cía, 1883.

Zootecnia. Ciénaga: [s.n.], 1885.

Historia de los ejércitos gallegos durante la guerra de la independencia. Santiago: Tip. De El Eco Franciscano, 1916.

Orientaciones hispanófilas. A Coruña: [s.n.], 1917.

Informe acerca del capital de la Biblioteca del Real Consulado presentado al Consejo Provincial de Fomento. A Coruña: Tip. El Noroeste, 1924.

Discurso leído ante la Real Academia Gallega por... David Fernández Diéguez en el acto de su recepción pública. Y contestación del señor D. Félix Estrada Catoyra el día 28 de marzo de 1925 en el paraninfo del Instituto Nacional de Segunda Enseñanza de La Coruña. A Coruña: Zincke Hermanos, 1925.

Los Médicos en la conquista de América. Madrid: Imp. Del Ministerio de Marina, 1928.

Contribución a la historia de La Coruña: la Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos en sus ochenta y tres años de vida y actuación. A Coruña: Tip. El Ideal Gallego, 1930.

Reseña de la reconquista de Vigo. Vigo: Grafinsa, 1978.