Académicos e académicas

Ángel del Castillo López

Ángel del Castillo López

A Coruña, 1886 - 1961
Data de ingreso
18/03/1927
A proposta de
Andrés Martínez Salazar, Jaime Ozores de Prado e Eladio Rodríguez González
Título do discurso

La arquitectura cristiana prerrománica en Galicia (siglos V al XI).-Necesidad de conocer este período de nuestra arquitectura.- Trabajos de investigación realizados y estilos definidos.- La Galicia de la Alta Edad Media.- Antecedentes históricos.

Resposta pronunciada por
Fernando Martínez Morás
Exerce o cargo de
Tesoureiro (15/10/1944 - 19/04/1951)
Tesoureiro (13/12/1942 - 19/06/1944)

Nado na Coruña o 24 de xaneiro de 1886 e finado na mesma cidade o 14 de marzo de 1961, foi historiador da arte e arqueólogo. Tamén foi membro da Real Academia Galega e o seu Tesoureiro.

En 1926 Ángel del Castillo licénciase en Filosofía e Letras, sección de Ciencias Históricas, na Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, convértese en arquiveiro titulado pola Universidade de Valladolid. En novembro dese mesmo ano, foille concedida unha bolsa para estudar en Francia a protohistoria céltica e o estilo románico en Auvernia e en xuño de 1928 foille concedida outra para estudar Prehistoria e Arqueoloxía en Alemaña, Francia e Italia durante dez meses. Porén, non puido disfrutar ningunha das dúas por motivos de saúde.

A docencia foi, xunto coa investigación histórica, a a súa dedicación máis importante. Exerceu como profesor desde 1903, xa antes de licenciarse e, como licenciado, traballou no Colexio Dequidt da Coruña durante 26 anos. Asemade, deu clase na Sección de Letras do Instituto Masculino de Ensino Medio da Coruña dese 1948 e foi axudante de clases prácticas da Cátedra de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, é importante salientar a implicación do noso biografado coa realidade cultural da súa cidade, pois Ángel del Castillo reuníase, xunto co grupo rexionalista da Coruña, na libraría de Carré Aldao compoñendo o faladoiro que pasou á historia como Cova Céltica. Xunto con Murguía, Pondal, Martínez Salazar, Salvador Golpe e o propio Aldao, entre moitos outros, discutiu sobre a historia, a literatura e a realidade social de Galicia. Este precoz contacto coa ideoloxía rexionalista e interese na cultura galega levouno a ser admitido como membro adxunto da Real Academia Galega no mesmo momento da súa fundación, en 1905, cando só contaba 19 anos. Os seus coñecementos en historia e arqueoloxía convertérono en xefe da sección de cultura do Concello, director do Museo Provincial da Coruña en 1922, arquiveiro municipal en 1930 e cronista oficial desde 1946 ata a súa morte. Ademais, foi designado gobernador civil de Pontevedra en 1932, que constituíu a súa única e breve incursión na política.

O 18 de marzo de 1927 converteuse en membro de número da Real Academia Galega a proposta de Andrés Martínez Salazar, Jaime Ozores de Prado (Marqués de San Martín) e Eladio Rodríguez González cun discurso titulado “La arquitectura cristiana prerrománica en Galicia (siglos V al XI). Necesidad de conocer este período de nuestra arquitectura. Trabajos de investigación realizados y estilos definidos. La Galicia de la Alta Edad Media. Antecedentes históricos.”. Exerceu como tesoureiro da corporación do 13 de decembro de 1942 ao 19 de xuño de 1944 e do 15 de outubro de 1944 ata o 19 de abril de 1951.

Ao longo da súa vida pertenceu a numerosas academias e organismos culturais. Formou parte do Seminario de Estudos Galegos, da Academia de Bellas Artes de San Fernando, da Real Academia Provincial de Bellas Artes, da Real Academia da Historia, da Associação de Arqueólogos Portugueses, do Deutsches Archäelogisches Institut e da Exposición Arqueolóxica de Santiago de 1909, foi Secretario da Sección de Belas Artes do Ateneo do Círculo de Artesanos da Coruña, Presidente da Universidad Popular da Coruña e Vogal da Comisión Provincial de Monumentos.

Ángel del Castillo foi chamado para impartirnumerosas conferencias sobre a historia e a arte galega na Coruña, en Celanova, Ferrol, Pontedeume, Madrid, Bilbao, etc. O seu labor foille recoñecido co Premio do Centro Gallego de Montevideo e coas condecoracións das Palmas Académicas (1929), a Lexión de Honra (1934) e a Orde de Cristo (1950). Ademais, o Concello da Coruña dedicoulle unha rúa ao seu nome só un mes despois do seu pasamento.

A súa obra encóntrase recollida en recoñecidas publicacións exentas, pero tamén en numerosas publicacións periódicas. Podemos achegarnos ao seu destacado labor de catalogación e descripción do patrimonio artístico galego a través do Boletín da Real Academia Galega, grazas á súa colaboración constante, pero tamén encontraremos publicacións da súa autoría en revistas como Cuadernos de estudios gallegosAnuario brigantino, Sonata gallega, Alfar, Nós, Abrente, Boletín de la Sección Ateneística de la Reunión de Artesanos de La Coruña, Eco de Galicia, Galicia: revista del Centro Gallego (Montevideo), Tapal, Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense ou Cátedra: revista eumesa de estudios.

Publicacións exentas máis representativas

Novela curta

A Dona das torres / lenda galega relatada por Ánxel del Castillo López. A Coruña: Lar, 1925.

 

Ensaio

La Arquitectura cristiana en Galicia. Lugo: Tip. Juan A. Menéndez, 1906.

Los Castros gallegos: protohistoria. Santiago: Tip. El Eco de Galicia, 1908.

Burgo del Faro: sus iglesias antiguas. A Coruña: Lit. e imp. Roel, 1915.

Riqueza  monumental y artística de Galicia: Conferencia dada en la Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos de La Coruña: en la noche del 6 de mayo de 1920. A Coruña: Tip. de El Noroeste, 1921.

El Patrimonio artístico de Galicia. A Coruña: Tip. El Ideal Gallego, 1926.

Hachas de bronce de talón. Santiago: Facultade de Filosofía e Letras, 1927.

La Coruña y su provincia. A Coruña: Moret, 1930.

Notas históricas y monumentos más interesantes de La Coruña. A Coruña: Comisión de Instrucción Pública del Ayuntamiento, 1948.

Notas y comentarios a la historia antigua de La Coruña. Coruña: Imp. Sindical, 1948.

El Pórtico de la Gloria. Santiago de Compostela: Bibliófilos gallegos, 1949.

La Coruña, ciudad en la que nadie es forastero. A Coruña: Concello da Coruña, 1960.

Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1972.