Académicos e académicas

Salustiano Portela Pazos

Salustiano Portela Pazos

Cotobade, Pontevedra, 1877 - Santiago de Compostela, 1976
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Manuel Casás Fernández, Narciso Correal e Alejandro Barreiro Noya
Título do discurso

*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás. Salustiano Portela Pazos formaba parte deste grupo de académicos. 

Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández

Relixioso e historiador galego, foi deán da catedral de Santiago de Compostela e membro do Seminario de Estudos Galegos. Defensor, na teoría e na praxe, da doutrina social da Igrexa, foi autor de numerosos estudos de carácter histórico sobre a historia da guerra da Independencia en Galicia e a igrexa compostelá.

Logo de rematar o bacharelato no instituto de Pontevedra, preparou Humanidades no seminario de Tui e doutorouse en Teoloxía e Dereito Canónico pola Universidade Pontificia de Santiago de Compostela, onde tivo como mestres a Ángel Amor Ruibal, Antonio López Ferreiro e Eladio Oviedo Arce, entre outros. En 1902 destínano como cura á parroquia de Valongo (Cerdedo-Cotobade), onde fundará o Sindicato Católico Agrícola de Valongo e a Caixa Rural de Aforros e Préstamos de Cotobade. En 1907 retorna á sede arcebispal galega, onde exerce primeiro como cóengo e, máis tarde, como deán da catedral compostelá durante corenta seis anos, presidente do seu cabido e director do seu Arquivo. Nesta diocese exerce ademais como catedrático e membro do Colexio de Doutores en Dereito Canónico, xuíz prosinodal, presidente da Comisión Diocesana de Arte Sacra e vogal do Tribunal Colexiado do Provisorado. Tamén cursa as carreiras de Filosofía e Letras e Maxisterio, e traballa durante unha tempada como mestre nacional.

Estudoso da historia de Galicia, ingresou no Seminario de Estudos Galegos (SEG) en 1926 cun discurso titulado Apuntes para la historia de los hermandinos en Galicia. Durante cinco anos, foi tesoureiro e director da sección de Historia desta institución, en cuxos arquivos publicou un traballo sobre a colección de tapices da catedral de Santiago de Compostela. Tamén escribiu artigos de temática histórica, relixiosa e artística na revista de pensamento galeguista Ultreya (1919-1020). Coa supresión do SEG como consecuencia do golpe de Estado de 1936, colaborou coa entidade promovida para substituílo, o Instituto Padre Sarmiento. Escribiu varios traballos sobre a historia contemporánea de Galicia, como O cañón de pau: episodios de la Guerra de la Independencia (1913) ou La Guerra de la Independencia en Galicia (1964). Foi membro da delegación galega do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), da comisión galega do Ministerio de Educación para a formación do catálogo do Tesouro Bibliográfico e Documental de España e asesor auxiliar do Patrimonio Nacional de Arte.

Como relixioso, Portela Pazos foi un firme defensor, tanto na práctica coma na teoría, da doutrina social da Igrexa, marco ideolóxico no que cómpre inserir iniciativas como os devanditos Sindicato Católico de Valongo e Caixa de Aforros de Cotobade, ás que lle seguiron outras semellantes en Santiago de Compostela, onde puxo en marcha tanto institucións crediticias populares coma organizacións obreiras católicas. Os seus libros Catecismo social e León XIII y la Cuestión Social, ambos publicados en 1910, ou a revista Juventud, que dirixiu de 1926 a 1932, son outras contribucións súas desde o ensaio ao espallamento das teses da Igrexa sobre a cuestión social.

Noutra liña máis histórica, Portela Pazos foi autor de varios estudos sobre a igrexa compostelá e o culto do Apóstolo, como Decanologio de la S.A.M. Iglesia catedral de Santiago de Compostela (1944), Anotaciones al Tumbo A. de la Catedral de Santiago (1949), Orígenes del culto al Apóstol Santiago en España (1953), La Iglesia Compostelana y la fiesta de la Inmaculada Concepción (1954) ou Galicia en tiempo de los Fonsecas (1957).

Foi membro correspondente da Real Academia da Historia, da Real Academia Española e do Instituto de Historia Eclesiástica Padre Enrique Flórez, e foi recoñecido como fillo adoptivo de Santiago de Compostela, predilecto de Cotobade e coa Cruz de Afonso X O Sabio.

Salustiano Portela Pazos ingresou como membro numerario da Real Academia Galega o 27 de xullo de 1941 a proposta de Manuel Casás Fernández, Narciso Correal e Alejandro Barreiro Noya. Ese día tivo lugar no paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos, mais no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, lido por Fermín Bouza-Brey en nome de todos. No Boletín da Real Academia Galega, Antonio Fraguas publicou unha extensa necrolóxica na memoria do relixioso e historiador.