Antonio López Ferreiro naceu en Santiago de Compostela o 9 de novembro de 1837 e finou en Vedra o 20 de marzo de 1910. Erudito galeguista do século XIX, a súa produción narrativa, aínda continuadora do romanticismo, constitúe unha das achegas fundamentais das nosas letras.
Nado no seo dunha familia burguesa, cursou estudos de Filosofía e Letras e Dereito na Universidade Literaria e fixo carreira eclesiástica. En 1863 realizou o doutoramento en Teoloxía na Universidade Central, para matricularse posteriormente na Escola Diplomática de Madrid. Esta formación serviulle para obter o título de arquiveiro municipal. Consagrou, entón, o seu tempo á transcrición de documentos galegos do Arquivo Histórico Nacional. Ademais, estudou Paleografía, Latín Medieval, Numismática, Epigrafía, Xeografía, Historia Medieval, Bibliografía e Historia das Belas Artes. Xa en 1866 foi nomeado sacristán maior da igrexa madrileña de San Antonio de los Alemanes, mais regresou a Galicia ese mesmo ano ao conseguir o posto de párroco de Santa Olalla de Vedra. Un polémico artigo valeulle o nomeamento como cóengo da Catedral de Santiago: “El matrimonio civil en sus relaciones con la religión, la moral y la libertad”, no que refutaba o discurso pronunciado nas cortes por Montero Ríos en defensa da lei do casamento civil de 1870.
Moi interesado no pasado de Galicia, exerceu durante anos como catedrático de Arqueoloxía Sagrada no Seminario de Compostela e desenvolveu un destacado labor no achado das reliquias do Apóstolo. Neste campo publicou a obra Lecciones de arqueología sagrada (1889). O seu interese no coñecemento da historia levouno, ademais, a compoñer máis de cincuenta obras sobre o priscilianismo ou os foros galegos. Así, desenvolveu un importante papel en revistas como El Porvenir, El Libredón, El Pensamiento Gallego ou Galicia histórica; unha recoñecida publicación fundada por el mesmo que viu a luz de 1901 a 1903. Esta paixón quedou tamén reflectida na súa obra literaria, ateigada de descricións de monumentos, comentarios históricos, citas de documentos non publicados... Así o constatamos nas novelas A tecedeira de Bonaval (1894), O castelo de Pambre (1895) ou O niño de pombas (1905), ambientadas nos séculos XIV, XIX e XII, respectivamente.
López Ferreiro foi membro fundador da Real Academia Galega e correspondente da Real Academia da Historia. Faleceu en Vedra no ano 1910.