Académicos e académicas

Eladio Oviedo y Arce

Eladio Oviedo y Arce

Noia, A Coruña, 1864 - 1918

Sacerdote e historiador, licenciado en Filosofía e Letras e doutorado en Teoloxía, foi profesor de historia eclesiástica e de arqueoloxía sagrada no Seminario de Santiago de Compostela. Discípulo directo de Antonio López Ferreiro, o seu traballo científico, coma o do seu mentor, caracterizouse polo rigor e a vontade descritiva, así como pola preferencia pola Idade Media galega como temática de estudo. Foi funcionario do corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos e exerceu como xefe do Arquivo do Reino de Galicia, cargo ao que accedeu cando viu coutada a súa carreira eclesiástica. Foi, así mesmo, o promotor da Exposición Arqueolóxica Galega celebrada en Santiago de Compostela en 1909.

Eladio Oviedo Arce sucedeu desde 1889 a Antonio López Ferreiro na cátedra que este ocupaba no seminario compostelán. Metódico e minucioso no traballo historiográfico, destacan as súas publicacións sobre medievalismo galego, con títulos como Consideraciones sobre el carácter religioso de los antiguos gremios (1898) ou El autor de “Salve Regina” (1903), no que lle atribúe a célebre oración ao santo galego Pedro de Mezonzo. “El genuino Martin Codax, juglar gallego del siglo XIII: según un apógrafo renacentista de su cancionero” (1917), feito en colaboración do musicólogo Santiago Tafall e publicado no Boletín da Real Academia Galega, foi un dos primeiros traballos que analizou en profundidade as sete cantigas do poeta do mar de Vigo transcritas no Pergamiño Vindel, descuberto en 1915.

Na mesma publicación académica Oviedo Arce publicou artigos sobre o códice galego medieval das Partidas do rei Afonso X o Sabio, ou sobre Inés de Ben, heroína durante cerco á Coruña polos ingleses de Drake en 1589, no que tamén se distinguiu polo seu heroísmo a máis recoñecida María Pita. Tamén no Boletín da RAG publicou un extenso informe sobre a hipótese da orixe galega de Cristovo Colón que defendía Celso García de la Riega, poñendo en cuestión tanto o rigor científico do traballo do erudito pontevedrés coma a validez as súas conclusións.

O historiador noiés ocupouse ademais da ciencia historiográfica no libro Precedentes y estado actual de los estudios de arqueología sagrada, y papel que esta ciencia puede desempeñar como elemento de civilización católica (1891). No momento da súa morte, que Murguía lamenta nun longo obituario no Boletín, Oviedo Arce estaba a pescudar sobre temas como a historia da literatura galega e a música dos cancioneiros medievais, o capitán Pedro de Paz, o bispo compostelán Sueiro Gómez de Toledo, a bibliografía da guerra de Independencia, a historia dos mosteiros de San Martiño Pinario e Carboeiro, a Legenda Aurea, a historia da imprenta en Galicia ou a figura de Leodegundia, raíña de Navarra de orixe galega.