Cen anos do 'Pergamiño Vindel'

En febreiro de 1914, o libreiro Pedro Vindel facía público un achado que puña ao descuberto unha das cimas da nosa literatura medieval: as Cantigas de Martin Codax.
Imaxe do pergamiño Vindel
O pergamiño Vindel (Pierpont Morgan Library, NovaYork, Vindel MS M979)


A historia é ben coñecida, as sete cantigas de Martin Codax estaban escritas na parte interior das tapas dun volume do De officiis de Cicerón, que fora imprentado no século XIV e encadernado no XVIII. Esta práctica, a de empregar pergameos medievais para encadernar libros de épocas posteriores, era ben coñecida por Pedro Vindel, quen logo do seu descubrimento publicou ao ano seguinte, en 1915, unha edición facsimilar das sete cantigas. Hoxe, e logo dun azaroso percorrido, o Pergamiño Vindel consérvase na Pierpont Morgan Library de Nova York.

No que atinxe ao seu contido, o Pergamiño Vindel contén sete cantigas de amigo datadas entre o final do século XIII e primeiros do XIV, que xa eran coñecidas grazas ás copias conservadas no Cancioneiro da Vaticana e no da Colocci-Brancuti. O valor excepcional do Pergamiño Vindel reside no feito de seis das sete cantigas conservaren a notación musical coa que estas pezas eran cantadas, o cal constitúe, ata o de agora, a única testemuña coñecida do acompañamento melódico co que as cantigas eran recitadas.

As sete composicións conservadas son "Ondas do mar do Vigo", "Mandad'ei comigo", "Mia irmana fremosa, treides comigo", "Ay Deus se sab'ora meu amigo", "Quantas sabedes amar amigo", "Eno sagrado en Vigo" ( sen notación musical) e "Ay ondas que eu vin veer".

Respecto do seu autor, pouco sabemos da identidade e a vida de Martin Codax alén de que debeu vivir entre a segunda metade do século XIII e comezos do século XIV en Vigo ou preto de Vigo, pois aquí é onde situou todas as súas composicións. No ano 1998, a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas a este autor, quen xunto con Johan de Cangas e Meendinho compón a tríade de trobadores medievais galegos da Ría de Vigo.

Nesta ligazón pódese acceder ás Cantigas de Martin Codax publicadas pola Biblioteca Virtual Galega da Universidade da Coruña.

Eno sagrado en Vigo
Eno sagrado enVigo,
bailava corpo velido.
Amor ei!

En Vigo, no sagrado,
bailava corpo delgado.
Amor ei!

Bailava corpo velido
que nunc' ouver' amigo.
Amor ei!

Bailava corpo delgado
que nunc' ouver' amado.
Amor ei!

Que nunc' ouver' amigo,
ergas no sagrad' enVigo.
Amor ei!

Que nunc' ouver' amado,
ergas en Vigo no sagrado.
Amor ei!

Meendinho, Johan de Cangas e Martin Codax (1998): Cantigas do mar de Vigo. Santiago de Compostela: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.