Académicos e académicas

Andrés Fernández-Albalat Lois

Andrés Fernández-Albalat Lois

A Coruña, 23/06/1924 - A Coruña, 29/12/2019

Andrés Fernández-Albalat Lois (A Coruña, 1924-2019) estudou o bacharelato na cidade herculina, dous cursos de Ciencias Exactas en Santiago de Compostela e na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid obtivo o título profesional en 1956. Durante o verán de 1955 foi pensionado, de pintura, cunha bolsa de viaxe en Italia.

Xa instalado na súa cidade natal proxecta e dirixe numerosas edificacións de tipos e usos diversos. Como arquitecto participa nas casas acristaladas da avenida da Mariña da Coruña, nos grupos de vivendas de mariñeiros de Sada, na remodelación e restauración do santuario de Pastoriza, na fábrica de cerámica e sede do Laboratorio de Formas e Galicia en Sargadelos, na casa de exercicios de Lugo, no Edificio bancario de Pontevedra (que acadou o diploma do Concello), na Casa-Museo de Rosalía, no conxunto escolar residencial da xuventude galega de Benquerencia en San Cosme de Barreiros, na Central hotofruticola de Galicia, na planta embotelladora de Coca-Cola, nas reformas da actual sede da Real Academia Galega, nas reformas da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, no Estadio de San Lázaro, etc.

Da súa incursión no eido do urbanismo dan mostra os Plans parciais e xerais de san Pedro de Mezonzo ou a súa proposta da Cidade das Rías, unha área urbana de toda a costa comprendida entre Ferrol e A Coruña, coa intención de integrar a arquitectura e a vida na paisaxe.

Forma parte do Instituto Cornide de Estudios Coruñeses, do Laboratorio de Formas de Galicia, foi membro do padroado do Museo do Pobo Galego e da Comisión técnica do Padroado Rosalía de Castro e é membro de honra da Real Academia Galega de Belas Artes e correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fenando. É membro numerario da Real Academia Galega desde o 28 de maio de 1999, data en que leu o discurso Significante e significado. Linguaxe e arquitectura, que contestou en nome da institución Carlos Casares Mouriño.

Participou e participa con frecuencia en mesas redondas, xornadas e congresos relacionados coa súa actividade profesional. Publicou, diversos artigos sempre relacionados coa súa profesión entre os que podfemos salientar: "Una arquitectura regional al nivel de nuestro tiempo", presentada no IV Seminario de Deseño Nacional, en Sargadelos; "Urbanismo en Galicia", no Seminario de Estudios Urbanísticos" organizado pola Caixa Municipal de Aforros de Vigo; "Control del ruído y manejo de la acústica como elemento del espacio", nas Primeiras Xornadas Acústicas de Galicia.