O Simposio Antonio Fraguas profunda no legado do protagonista das Letras Galegas 2019 con tres xornadas entre A Coruña e Santiago

O Simposio Antonio Fraguas poralle o ramo á celebración das Letras Galegas 2019 cun programa que arrincará o martes 26 de novembro na sede da Real Academia Galega (A Coruña) e continuará os días 27 e 28 no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela). Ambas as institucións, o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación Antonio Fraguas organizan conxuntamente este encontro, que xuntará unha vintena de voces que profundarán na pegada de Antonio Fraguas na cultura galega e no seu legado nos estudos de etnografía e folclore, xeografía e arqueoloxía.

O secretario da RAG, Henrique Monteagudo; o académico correspondente e membro do padroado do MPG, Clodio González; e a antropóloga Lucia Oca González, membro da Comisión de Igualdade do CCG, coordinan o simposio, que se desenvolve co apoio da Xunta de Galicia. A asistencia é libre e gratuíta ata completar a capacidade das salas. As persoas que precisen un xustificante de asistencia poderán solicitalo no correo electrónico secretaria@academia.gal.

A xornada inaugural terá lugar na sede da Academia, na rúa Tabernas, 11 da Coruña o martes 26 de novembro a partir das 19 horas. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, coordinará unha mesa na que María Xosé Fernández Cerviño ofrecerá un perfil biográfico da figura homenaxeada este 17 de maio pola RAG, institución á que pertenceu dende 1942, primeiro como académico correspondente e a partir de 1951 como membro de número. Antonio Reigosa falará dalgúns seres fantásticos de Galicia sobre os que escribiu Antonio Fraguas e o académico Francisco Díaz-Fierros analizará as súas achegas sobre o territorio e a paisaxe. O serán concluirá cun concerto de Oscar Ibáñez baseado no Cancioneiro de Cotobade, recollido polo propio Fraguas na súa terra natal.

O programa continuará o mércores 27 e o xoves 28 de novembro en Santiago de Compostela, na sede do Museo do Pobo Galego, institución na que Antonio Fraguas participou activamente dende a súa xestación. El foi, de feito, o seu primeiro director, dende 1977 ata 1989, cando pasou a presidir o padroado desta institución tras o pasamento do seu amigo Xaquín Lorenzo. Máis dunha ducia de especialistas afondarán nestas dúas xornadas no legado de Antonio Fraguas na etnografía e o folclore, a xeografía e a arqueoloxía, e reflexionarán tamén sobre a evolución destas disciplinas antes e despois das súas achegas.

A xeografía e a arqueoloxía centrarán o programa do mércores 27 de novembro contando coas achegas de Francisco Durán, Valerià Paül, Camiño Noia, Henrique Monteagudo, Francisco Calo Lourido, Felipe Arias e María Pilar Prieto Martínez. O Simposio Antonio Fraguas concluirá o 28 de novembro poñendo o foco na etnografía e no folclore da man de María Concepción Losada, Clodio González, António Medeiros, Luzia Oca, Cristina Sánchez Carretero, Xosé C. Sierra e Xerardo Pereiro.

Programa dispoñible nesta ligazón.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete