“O retrato” é un dos cinco contos que compoñen o libro Retrincos, publicado en 1934 pola editorial Nós. Cada un deses relatos foi escrito nunha data diferente e tres deles xa foran publicados con anterioridade. As cinco narracións teñen en común ser autobiográficas, e están ademais ordenadas cronoloxicamente. Todas elas gardan relación con determinadas etapas existenciais, polo que se poden considerar como pequenos “retrincos” da vida de Castelao: “O segredo” e “O inglés” remiten á infancia na Pampa arxentina; en “Peito de Lobo” encontrámolo sendo estudante de medicina; “O retrato” pertence a un momento posterior, cando xa abandonara a profesión de médico; e o derradeiro relato, “Sabela”, preséntanos un Castelao deputado nas Cortes republicanas.
As fotografías reproducen a cuberta do libro e as primeiras liñas do Limiar.
Fonte: Retrincos (Nós, 1934). Real Academia Galega. Biblioteca
Todos os relatos de Retrincos son textos breves que foron compostos empregando unha escrita moi coidada. Neles existe unha combinación de traxedia e de humorismo, xa que nos presentan acontecementos dramáticos a través dunha narración que non deixa de ter elementos de humor. Ademais é posible detectar nos cinco relatos a existencia dun motivo común: os diferentes comportamentos perante a morte ou a degradación física, motivo que resulta moi evidente en “O retrato”. Por outra parte, a diferenza de Cousas, estes Retrincos non inclúen debuxos de Castelao, pois as imaxes que acompañan cada unha das narracións son obra de Carlos Maside.
Aquí mostramos dúas das ilustracións que fixo o artista para o libro.
Fonte: Retrincos (Nós, 1934). Real Academia Galega. Biblioteca
A historia que conta “O retrato” é a seguinte: un debuxante que antes fora médico —o propio Castelao— acepta o rogo dun pai anguriado de facer un retrato do seu fillo moribundo que lle permita conservar algunha imaxe del. O artista fai primeiro un debuxo realista do neno, mais este non é do agrado do pai, quen non desexa lembrar o seu fillo coa faciana consumida pola enfermidade; finalmente o artista decide debuxar un neno imaxinario, “un neno moi bonito, moi bonito: un anxo de retablo barroco, a sorrir”. O pai acepta o retrato idealizado, que en diante representará sempre para el a verdadeira imaxe do seu fillo morto. Este relato suxírenos que a arte non é fiel, xa que inventa ou mente. Mais del tamén deducimos que a pesar de non reflectir fielmente a realidade, a arte non deixa de ter efectos positivos na vida das persoas, neste caso o consolo dun pai pola perda do seu fillo.
Na imaxe podemos ver o debuxo que Maside realizou para “O retrato”.
Fonte: Retrincos (Nós, 1934). Real Academia Galega. Biblioteca
A data e o lugar de redacción de “O retrato” están indicados claramente en Retrincos: Pontevedra, 1922. Porén, a primeira noticia que temos da súa presentación pública é de 1927. O domingo 24 de abril dese ano, o Seminario de Estudos Galegos organizou no compostelán Colexio de San Clemente unha Festa da Prosa Galega onde varios autores leron as súas creacións literarias. Castelao foi un deles, ademais de Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Filgueira Valverde, Dieste e Cotarelo Valledor. Con esta celebración pretendíase fomentar a escrita de prosa na nosa lingua para así ampliar o ámbito da literatura galega e dignificar o idioma. Aínda que as novas da Festa publicadas na prensa non especifican que composición leu Castelao, sabemos por Ricardo Carvalho Calero —quen estivo presente no acto— que fixo a lectura de “O retrato”.
Fonte: A Nosa Terra (A Coruña), n.º 236, 1/V/1927 (esquerda); Nós (Ourense), n.º 41, 15/V/1927 (dereita). Real Academia Galega. Hemeroteca
Probablemente o texto de “O retrato” lido por Castelao en abril de 1927 na Festa da Prosa Galega foi o que apareceu ese mesmo ano na revista Nós e despois en Alma Gallega de Montevideo. As versións do relato incluídas nesas dúas revistas son case idénticas entre si. Mais difiren da que viu a luz anos máis tarde nas páxinas de Retrincos, o que demostra que Castelao revisou a narración antes de publicala no libro. Esta era unha práctica habitual del, pois sempre se preocupaba de mellorar os seus escritos. De todos os xeitos, son pequenas as diferenzas existentes entre os textos de 1927 e de 1934: algunhas variacións no léxico e a supresión ou o engadido dalgunha frase, e por tanto non afectan ao argumento da historia.
Fonte: Nós (Ourense), n.º 43, 25/VII/1927 (esquerda); Alma Gallega (Montevideo), n.º extraordinario, novembro 1927 (dereita). Real Academia Galega. Hemeroteca
Grazas ao testemuño de Ricardo Carvalho Calero sabemos que antes de comezar a ler a narración de “O retrato” na Festa da Prosa Galega, Castelao anunciou a natureza autobiográfica dos feitos: “Castelao, antes de leer sus cuartillas, dijo que el relato que a continuación daría a conocer era auténtico”. Isto confírmao Valentín Paz-Andrade na súa biografía de Castelao, onde di que varias veces escoitou o rianxeiro contar os feitos que estaban na orixe do conto. Porén, na versión de Paz-Andrade o final da historia é diferente, pois non consta que Castelao lle entregase ao pai un debuxo idealizado, como si lemos na recreación literaria. En opinión de Paz-Andrade, a ausencia dun retrato alternativo conferíalle ao sucedido un desenlace aínda máis dramático.
Fonte: Valentín Paz-Andrade, Castelao na luz e na sombra (Ediciós do Castro, 1986). Real Academia Galega. Biblioteca
Ricardo Carvalho Calero foi tamén o autor de dous interesantes artigos acerca de “O retrato”. O primeiro deles analiza as coincidencias existentes entre o conto de Castelao e un episodio pertencente á novela L’Éducation sentimentale de Gustave Flaubert, publicada en 1869. Nos dous casos achamos un argumento semellante: morte dun fillo, petición a un artista para que faga un debuxo do neno e creación dun retrato que non é fiel ao orixinal. A pesar desas coincidencias, Carvalho Calero non conclúe que Castelao se inspirase en Flaubert. En troques, el pon de manifesto as diferenzas de enfoque dos dous escritores, salientando que se a narración do novelista francés é pesimista, a do rianxeiro é optimista, pois finaliza mostrando que a ilusión creada pola arte —é dicir, o retrato idealizado do neno moribundo— é quen de ofrecer esperanza e consolo.
Fonte: Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo (Lugo), n.º 53-56, 1/I/1960-31/XII/1961. Real Academia Galega. Hemeroteca
No segundo artigo, Carvalho Calero propón unha comparación entre “O retrato” e “Peito de Lobo”, outro dos contos incluídos en Retrincos. Consonte a súa análise, as dúas narracións desenvolven o mesmo tipo de conflito: unha tensión entre o modelo e a súa representación. Nos dous relatos prodúcese un rexeitamento inicial da representación. Peito de Lobo alporízase ao ver a figura do cabezudo que fai o artista inspirándose nel; Melchor, o pai do rapaz moribundo, desaproba o retrato realista do seu fillo. Mais ao remate das dúas historias ten lugar unha aceptación, aínda que esta se produce de maneiras opostas. Peito de Lobo acepta a representación realista feita polo artista e acaba por se identificar con ela. Pola contra, no caso de “O retrato” é o artista quen asume a representación idealizada que o pai quere ter do seu fillo.
Fonte: A Nosa Terra (Vigo), n.º extraordinario 5-6, maio 1986. Real Academia Galega. Hemeroteca
Cinco trazos propios da produción literaria de Castelao están presentes en “O retrato”. 1º. Un estilo que resulta da síntese entre o conto popular e unha composición moderna de moi coidada linguaxe. 2º. A simplicidade narrativa, que procura a máxima expresividade usando un mínimo de recursos técnicos, unha característica que el aplicou á literatura a partir da súa experiencia como debuxante e caricaturista. 3º. O lirismo e o humorismo, sempre presentes na obra de Castelao e que neste conto serven para aliviar o dramatismo da situación que se mostra. 4º. O suposto carácter autobiográfico da narración, aínda que os seus relatos son recreacións literarias non necesariamente baseadas na realidade. 5º. A aparición do conto na prensa antes de ser publicado no libro de Retrincos, trazo compartido con case a totalidade dos contidos de Cousas.
O Castelao retratista aparece representado nesta autocaricatura publicada no xornal Galicia de Vigo en 1924.
Fonte: Castelao Grafista (Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, 2017). Real Academia Galega. Biblioteca
No Arquivo da Real Academia Galega consérvase un manuscrito autógrafo de “O relato” que se corresponde coa versión publicada en 1927 nas revistas Nós e Alma Gallega. O manuscrito foi doado por Federico Zamora Mosquera, antigo membro da Irmandade da Fala da Coruña e colaborador no seu voceiro A Nosa Terra. Posteriormente participou na fundación da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e tamén foi académico correspondente da nosa institución. A entrega do manuscrito tivo lugar en setembro de 1973 e estivo motivada por considerar o doador que a Real Academia Galega sería o lugar axeitado para gardalo e para poñelo a disposición de todas as persoas que tivesen o desexo de estudar a extraordinaria figura de Castelao.
Na fotografía vemos a primeira folla do manuscrito coa inconfundible caligrafía do seu autor.
Fonte: “O retrato”. Real Academia Galega. Arquivo
A historia é ben coñecida. 1918 foi un ano terrible, o ano da chamada “gripe española”, tamén chamada “a peste do soldado”, porque apareceu a pouco de rematar a primeira guerra mundial. A prensa norteamericana localizouna por primeira vez en España. De aí o nome de “peste española”. Fálase de 25 ou 30 millóns de mortos só en Europa, bastantes máis ca baixas militares e civís durante a guerra. Tres anos de andazo, de xaneiro de 1918 a decembro de 1920. En Galicia tivo especial incidencia nas rías e nos portos de mar. Disque só na vila de Rianxo morreron nos primeiros meses 108 infectados, e en toda Galicia catorce médicos, que atendían os enfermos.
Daquela Castelao xa estaba casado con Virxinia Pereira. Vivían en Pontevedra. Non exercía a medicina, mais o seu pai e algúns veciños de Rianxo chamaron por el pedindo axuda. Diante do andazo, que levaba os enfermos ás veces en dous ou tres días, sentíanse impotentes e todos os auxilios eran poucos. O relato autobiográfico de Castelao comeza co recoñecemento de que el xa non exercía de médico, que a súa profesión era outra. Viña da gañar as oposicións en Madrid ao Grupo Xeográfico Estatístico e estaba destinado na capital pontevedresa. Pero a situación era dramática. O gobernador civil prohibira que tocasen a morto as campás das igrexas para non aumentar a alarma. Contábase que nalgúns casos os enfermos ían vivos para as sepulturas, porque a poboación estaba aterrada e, por medo ao contaxio, non os querían nas casas.
No relato, Castelao recoñece a súa impotencia. A medicina xa non era o seu. Había tempo que a deixara, desbordado en parte polo sufrimento humano e a súa incapacidade para alivialo. “Por amaina-la conciencia guindei co meu tíduo de médico no fondo d’unha gabeta e busquei outra maneira de me valer”, escribe. “As xentes xa non sabían que eu era dono de tan tremenda licencia oficial”. Pero non se podía abaixar nin mirar para outro lado, “… e unha noite foron requerido-los meus servicios”. Noutro momento, con humor, declararía que estudara a profesión por amor ao pai, que así llo pedira, pero que decidira deixala “por amor á humanidade”. Mais a humanidade estaba alí, doente, desesperada, e o vello Melchor, un mariñeiro da vila, non demanda os seus servizos como profesional da medicina, manda chamar por el unha noite non para que lle salve o fillo, un pequeniño que xa case non alentaba, senón para que lle deixe un recordo: para que lle faga un retrato e así poder levalo na memoria para sempre.
Mentres dura a memoria seguimos vivos. No fondo, o relato é unha declaración de amor e un canto á vida, que perdura (e continúa) na memoria das persoas que amamos, neste caso na memoria do vello mariñeiro de Rianxo que ve marchar o seu neno e pídelle ao pintor un retrato, o que xa non pode facer o médico. “Dous riscos de vostede n’un papeliño e xa poderei ollar sempre a cariña do meu neno. Non me deixe na escuridade, señor”.
Víctor F. Freixanes
Académico numerario da RAG
Manuscrito orixinal de O retrato de Castelao conservado no Arquivo da Real Academia Galega
Nesta ligazón poden descargar o manuscrito de "O retrato" e a súa transcrición, publicado en Castelao na Academia: manuscritos no Arquivo da R.A.G