Castelao ilustrador en Arxentina
O 20 de xuño de 1938 Castelao embarcou no paquebote Îlle de France que viaxaba dende o porto normando de Le Havre con destino a Nova York. Iniciaba así o seu exilio e xamais volvería en vida a Galicia.
O seu desterro estivo marcado polas dificultades económicas, xa que o Partido Galeguista carecía das “redes de rescate” doutras organizacións. Se as elites culturais e políticas republicanas contaron con apoios na súa evacuación cara ao exilio americano dende os portos franceses, a debilidade organizativa do Partido Galeguista impediulle dar sustento aos seus líderes. Ademais Castelao renunciara ao salario de deputado da República, polo que na súa chegada a Nova York padeceu limitacións económicas que o obrigaron a traballar como mestre de debuxo e de castelán.

No ano e medio que pasou nos Estados Unidos non ilustrou ningunha publicación, pero si empregou a súa arte para facer proselitismo en favor do bando republicano. Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos son os álbums onde Castelao estampou a súa visión da guerra e do impacto desta en Galicia. Os debuxos orixinais desas tres obras puideron visitarse entre o 24 de outubro e o 6 de novembro de 1938 na Galería Delphic Studios de Nova York, onde o North American Committee to Aid Spanish Democracy, o Medical Bureau e as Sociedades Hispanas Confederadas organizaron a súa exposición.

Da súa situación económica deu conta o propio artista nunha carta a Rodolfo Prada datada o 23 de febreiro de 1940. Nela dixo o seguinte:
Estou vivindo escrusivamente do meu traballo e vivo con probeza e con sobresaltos de que chegue a perdelo todo. [...] O Frente Popular Galego está axudando a varios paisáns —antre eles a Emilio González López— e tamén me axudarían a min, aínda que máis non fose porque fun eu o que lles recaudou a mor parte dos fondos que teñen. Pero eu négome a percibir axudas sen traballo [...] En fin; vivo con absoluta dinidade a costa de enormes esforzos e con mirradas compensacións; pero a fame aínda non petou na miña porta [...] Agora ben; de vivir eiquí tería que cancelar toda caste de compromisos e renunciar â realización de todolos meus plans políticos e culturales; pero con doerme esto moito doeríanme máis a morte dos meus anceios artísticos e o esvaemento total da miña persoalidade galega [...] Cicais soñe con ceos que non eisisten e que Bos Aires non responda âs miñas ilusións, pero esta realidade que vexo e palpo é insoportable [...]Seixas Seoane, Miguel Anxo (2021). Castelao. Construtor da nación. Tomo III. 1940-1950. Vigo: Galaxia, p. 22.
Illado social e culturalmente, sen falar inglés, e con recursos económicos moi modestos, é compresible a procura de Castelao por asentarse nun lugar onde encontrar os apoios necesarios para iniciar unha nova vida. Estes apoios atopounos en Buenos Aires, naquel tempo a maior concentración urbana de poboación galega.
En xullo de 1940 chegou á capital arxentina e foi acollido de forma entusiasta por membros da colectividade que simpatizaban co galeguismo e coa causa da República. Iniciábase así un período no que desenvolve unha grande actividade: en algo máis de tres anos publica Sempre en Galiza, representa Os vellos non deben de namorarse e crea o Consello de Galiza. O seu compromiso político reduciu o seu labor artístico: nestes anos a súa produción pictórica foi practicamente inexistente, coa notable excepción de A derradeira leición do mestre (1945).

En Buenos Aires, co ánimo de mellorar a súa precariedade económica, Castelao acepta encargas na ilustración de libros. Destes traballos destacan os desenvolvidos para a editorial Atlántida, fundada por Constancio C. Vigil en 1918.
Na xestión de Atlántida, Rafael Dieste tiña responsabilidades máis aló das puramente literarias. Será o rianxeiro o responsable da colección Biblioteca Billiken, destinada a un público infantil e xuvenil. Constaba de tres series: a vermella, para obras de autores clásicos; a verde, para biografías de personaxes ilustres; e a azul, para temas americanos. Foi o propio Dieste quen intercedeu, sen o coñecemento de Castelao, para que lle fixesen un ofrecemento de colaboración. Para este proxecto editorial traballaron diversos escritores, tradutores e artistas galegos: ademais de Castelao e Dieste, Lorenzo Varela, Otero Espasandín, Arturo Cuadrado, Amparo Alvajar, Seoane, Colmeiro ou Maruja Mallo.
Entre 1941 e 1944 Castelao ilustrou arredor dunha ducia de libros nas diferentes series da Biblioteca Billiken. Na Real Academia Galega consérvanse catro títulos: Los Sertones de Euclides da Cunha; Miranda de Lauro Palma; Marie Curie de Jaime Espinar, pseudónimo de Mariano Gómez Fernández; e Aventuras de Tom Sawyer de Mark Twain.
Cuberta de Los Sertones, de Euclides da Cunha (27 de agosto de 1941). Sen número na Colección Azul da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Portada de Los Sertones, de Euclides da Cunha (27 de agosto de 1941). Sen número na Colección Azul da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ilustración interior de Los Sertones, de Euclides da Cunha (27 de agosto de 1941). Sen número na Colección Azul da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Cuberta de Miranda, de Lauro Palma (5 de setembro de1941), nº 28 da Colección Azul da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ilustración interior de Miranda, de Lauro Palma (1941), nº 28 da Colección Azul da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ilustración interior de Miranda, de Lauro Palma (1941), nº 28 da Colección Azul da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Cuberta de Maria Curie, de Jaime Espinar (1942), nº 24 da Colección Verde da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ilustración interior de Maria Curie, de Jaime Espinar (1942), nº 24 da Colección Verde da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ilustración interior de Maria Curie, de Jaime Espinar (1942), nº 24 da Colección Verde da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Cuberta de El conde Lucanor, de Juan Manuel (30 de setembro de 1942). Sen número na Colección Roja da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ilustración interior de El conde Lucanor, de Juan Manuel (30 de setembro de 1942). Sen número na Colección Roja da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Cuberta de Aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain (1943), nº 8 da Colección Azul da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ilustración interior de Aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain (1943), nº 8 da Colección Azul da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ilustración interior de Aventuras de Tom Sawyer, de Mark Twain (1943), nº 8 da Colección Azul da Biblioteca Billiken.
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Cuberta de Jacobusland, de Emilio Pita (1942), na edición facsímile de Ediciós do Castro (1972).
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ilustración interior de Jacobusland, de Emilio Pita (1942), na edición facsímile de Ediciós do Castro (1972).
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ilustración interior de Jacobusland, de Emilio Pita (1942), na edición facsímile de Ediciós do Castro (1972).
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
Ilustración interior de Jacobusland, de Emilio Pita (1942), na edición facsímile de Ediciós do Castro (1972).
Fonte: Real Academia Galega. Biblioteca
A estética das ilustracións das diferentes obras é moi semellante: as cubertas imprímense a cor, entre os debuxos interiores predomina o branco e negro, aínda que puntualmente tamén se inclúen ilustracións a cor, e predomina en todas elas a expresividade sobre a técnica. Debían ser debuxos doadamente entendibles e sobre todo debían ser feitos con rapidez. O ritmo de publicación destes títulos foi vertixinoso: se Los Sertones acabou de se imprimir o 27 de agosto de 1941, Miranda fíxoo o 5 de setembro dese mesmo ano. Esta inxente publicación de títulos clásicos formaba parte dun plan de divulgación literaria que fose asumible para todos os petos. Non importaba a calidade das ilustracións, o fundamental era que estimulasen a imaxinación de miles de novos lectores.
Coincidindo cos traballos para a Biblioteca Billiken, Castelao tamén deseñou a cuberta e as ilustracións interiores de Jacobusland (1942), o primeiro libro publicado en galego tras a guerra civil. O seu autor, Emilio Pita, describe coa súa poesía a catástrofe provocada pola guerra, subliñando a barbarie e as súas consecuencias, entre as que encontramos o exilio dos mellores. Jacobusland constitúe o máis claro precedente da poesía social galega que se desenvolvería décadas máis tarde.
En 1972 Ediciós do Castro publicou unha edición facsimilar de Jacobusland, o que permitiu a difusión da obra en Galicia, pois a primeira e única edición feita ata ese momento fora de 300 exemplares, todos eles asinados polo propio autor.
A partir de 1945 Castelao cesa no seu traballo como ilustrador, dado que xa estaba practicamente cego.