Ano Castelao

1922-1930: tempo de plenitude artística

Os anos posteriores á viaxe europea foron para Castelao un período de vizosa creatividade como debuxante e como escritor, chegando a se converter nun dos artistas máis populares e recoñecidos da Galicia do seu tempo.

Nestes anos tivo lugar a publicación dalgunhas das súas obras máis celebradas: Un ollo de vidro (1922), Cousas (1926) e o Segundo libro de Cousas (1929). Tamén foi entón cando realizou a parte máis significativa do seu labor ilustrador, tanto no deseño de revistas e xornais coma na ilustración de libros. Un dos resultados da súa crecente popularidade foi o ingreso no Seminario de Estudos Galegos en maio de 1924.

Ao longo de todo este tempo a súa vida transcorreu en Pontevedra acompañado da familia. Mais en xaneiro de 1928 acontece a desgraza da morte de Alfonso, o único fillo do matrimonio. Moi apesarado, Castelao reduce drasticamente o labor creativo durante ese ano. Xa no ano seguinte pasa catro meses na Bretaña acompañado de Virxinia para estudar os cruceiros bretóns, grazas á concesión dunha bolsa pola Junta para la Ampliación de Estudios e Investigaciones.

Verbo do activismo político, o inicio deste período coincide coa esgazadura das Irmandades da Fala e coa integración de Castelao na Irmandade Nazonalista Galega dirixida por Vicente Risco. Con todo, a imposición da ditadura militar do xeneral Miguel Primo de Rivera en setembro de 1923 e a represión e censura que dela se derivaron, puxeron fin á actividade política do galeguismo. Só co remate da ditadura en xaneiro de 1930 foi posible empezar de novo a organización do movemento galeguista, e dende entón Castelao retoma a militancia nacionalista, primeiro en Labor Galeguista de Pontevedra e logo no Grupo Nazonalista Galego da mesma cidade.

A pesar das limitacións impostas pola ditadura, a presenza de Castelao na prensa foi constante durante toda a década de 1920 mediante a publicación de debuxos, de artigos e de textos literarios. Aquí mostramos algunhas desas contribucións que están accesibles na Real Academia Galega.

1/13