Uxío Torre Enciso ingresou na RAG o 24 de outubro de 1970, a proposta de Isidro Parga Pondal, Antonio Fraguas Fraguas e Luís Iglesias Iglesias, nunha cerimonia celebrada no paraninfo do daquela Instituto de Ensino Medio Feminino da Coruña. A súa intervención daquel día arrincou salientando a "ampla variedade de aspeitos e paisaxes" de Galicia, "unha ricaz paisaxística, estudada con grande acerto e fina sensibilidade por Don Ramón Otero Pedrayo" que, advertía, "non é somentes produto do seu tapiz vexetal sempre verdecente, senón tamén o resultado da atraente e orixinal aicidentación que o seu releve amosa, tanto no interior como no seu incomparable litoral".
O científico, tras abordar aspectos como a meteorización na modelaxe do relevo terrestre, o desenvolvemento das superficies de erosión ou a orixe das rías galegas, rematou o discurso apelando á preservación natural: "Non sabemos de certo cál vai ser o porvir xeolóxico de Galicia, mais xa se escrarecéu un bo quiñón da longa historia evolutiva do seu ricaz tesouro de finas paisaxes e formas de releve que é mester amparar e gardar como sagra herdanza que ten de ser legada ás xeneracións vindeiras; pois a máis de constituir un recurso natural de primeira orde, que compre conservar e no posibre potenciar, son parte primacial do contorno no que fomos modelados dende nenos, e arelamos seguir recoñecendo nelas o souril e inconfundibre semblante da nosa terra nai".