Letras galegas 2020
Ricardo
Carballo / Carvalho Calero
Por Henrique Monteagudo
Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) é unha das figuras máis importantes da cultura galega do século XX, en especial pola súa contribución ao estudo da literatura galega, polo maxisterio que exerceu como primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o idioma galego. Unha traxectoria tan rica e intensa non é doada de resumir nos límites dunha aproximación necesariamente sintética coma a presente, polo que quedarán fóra aspectos merecentes de atención e matices de relevo. Ao final desta achega ofrecerase unha bibliografía selectiva, ordenada por xéneros e, dentro de cada apartado, por secuencia cronolóxica.
Para simplificar unha presentación esquemática, a súa traxectoria vital pode dividirse en cinco tramos, de duración desigual: a) infancia e adolescencia en Ferrol (1910-1926), b) xuventude estudantil en Compostela (1926-1932) e iniciación á vida adulta en Ferrol (1932-1936), c) o tempo das tribulacións, marcado polo trauma da guerra e as represalias da posguerra (1936-1950), d) madureza, cunha primeira etapa centrada no colexio Fingoi de Lugo (1950-1960), seguida dun período de plenitude (1960-1980), que atinxe o seu clímax tras o seu establecemento como profesor en Compostela (1965) e, sobre todo, cando gaña a cadeira universitaria de Lingüística e Literatura Galega (1972), cidade esta que se tornaría en residencia definitiva despois da súa xubilación oficial, e) que lle permitiu desenvolver unha intensa actividade como orador e publicista ata o seu pasamento (1980-1990).
Os sucesivos treitos da súa biografía corresponden de xeito aproximado coas catro etapas da súa fecunda traxectoria intelectual: anos de formación, compromiso galeguista e revelación como poeta (ata 1936), tempos de guerra, de prisión e de represión (ata 1950), dedicación intensa á historia e a crítica da literatura galega (ata 1980), atención prioritaria aos problemas da lingua e desenvolvemento da súa proposta reintegracionista (ata 1990). Obviamente, as distintas facetas da súa personalidade e as diferentes dimensións da súa carreira intelectual entrecrúzanse e solápanse en cada etapa da súa traxectoria: o seu afán de estudoso e crítico literario espreita xa na primeira etapa da súa vida e non cederá ata o ocaso, mentres que o seu labor creativo —primeiro e sempre como poeta, despois tamén como narrador e autor teatral—foi incesante; as súas incursións lingüísticas aparecen ao comezo vencelladas aos seus estudos literarios, despois virarán cara ao plano didáctico e desembocarán nos problemas da codificación e da política lingüística.
No plano persoal, a súa vida está marcada por unha infancia e adolescencia difíciles —evocadas no relato "O lar de Clara"—, debido á morte prematura da súa nai e pouco despois da súa madrasta e á consecuente amargura do seu pai. A súa formación no ambiente do galeguismo e da República, o maxisterio dos mestres da xeración Nós e o seu vencellamento con algúns dos escritores e intelectuais máis brillantes do seu tempo resultaron decisivos na súa singradura intelectual. O tramo máis longo e decisivo da biografía de Carballo Calero, dos 26 aos 65 anos, está marcado pola guerra —unha terrible experiencia que rememora vividamente na novela Scórpio—, a represión e a ditadura franquista. O seu carácter rexo e severo, a súa lealdade ao galeguismo, o seu amor pola liberdade, a inspiración dos mestres e o apoio dos seus compañeiros de xeración permitíronlle resistir e avanzar superando atrancos de todo tipo, e a contracorrente dun ambiente político, cultural e social opresivo e miserento. A enerxía da súa paixón polo estudo, a potencia do seu estro creativo e unha entrega incondicional e sacrificada ás tarefas que asumiu permitíronlle desenvolver unha ampla e densa, ao tempo que diversa e rica, obra académica, literaria, didáctica e divulgativa.
GALEGUISMO, GUERRA E REPRESIÓN (1910-1950)
Nado no Ferrol Vello nunha familia acomodada, Ricardo Carballo Calero puido realizar os estudos primarios e medios na súa cidade natal e, unha vez aprobado o bacharelato na Coruña, trasladarse con dezaseis anos a Santiago de Compostela para estudar Dereito, ben que a súa vocación o inclinaba máis ben para Filosofía e Letras. Nesta cidade residiu mentres cursaba a carreira e durante o ano en que fixo o servizo militar (1926-1932). Alí desenvolveu unha intensa actividade intelectual e política: entrou axiña en contacto co galeguismo artellado arredor do Seminario de Estudos Galegos, do que chegou a ser secretario, e mantivo unha estreita relación cos seus principais persoeiros.
Destacado líder dun movemento estudantil moi activo contra a Ditadura de Primo de Rivera, após a proclamación da IIª República participou na fundación do Partido Galeguista (1931), nas mobilizacións a prol da galeguización da Universidade e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia (1931-1932). Así, xunto a Lois Tobío redactou o anteproxecto de Estatuto presentado polo SEG. Destes anos de mocidade datan as súas primeiras obras literarias: os poemarios Trinitarias (1928) e La soledad confusa, en castelán, e Vieiros (1931) e O silenzo axionllado (1934), en galego. Ao mesmo tempo, revélase como orador nas ringleiras da Federación Universitaria Escolar (FUE), e como publicista, con ensaios sobre a literatura galega coetánea e artigos de opinión en diversas publicacións, como a revista Nós e o boletín galeguista A Nosa Terra.
Rematada a carreira de Dereito, instálase en Ferrol como administrativo municipal e casa cunha compañeira de estudos, Ignacia Ramos (1933). Pero, dando preferencia á súa auténtica vocación, decide rematar os estudos de Filosofía e Letras (que cursa "por libre") e unha vez acadado o título (1936), prepara oposicións para ingresar na carreira docente. Con esta finalidade, trasládase a mediados de 1936 a Madrid, onde o sorprende o golpe militar. Alistado nas milicias republicanas, loitou na defensa da capital, posteriormente obtivo en Valencia o grao de tenente e foi trasladado a Andalucía, onde o sorprendeu a fin da contenda (1939). Apresado polas forzas franquistas e acusado de «separatista», é condenado a 12 anos de prisión. Despois de cumprir dous anos de cárcere en Xaén, foi posto en liberdade provisoria pero inhabilitado para acceder a empregos públicos, polo que se viu obrigado a sobrevivir penosamente na súa cidade natal, traballando no ensino privado. Ao seu regreso coñeceu a súa filla maior, Margarita ("Magali"), que nacera en 1936; pouco despois o matrimonio tería a súa segunda filla, María Victoria (1942).
A PRIMEIRA MADUREZA (1950-1965). ANOS LUGUESES
O ano de 1950 marca un antes e un despois na súa biografía. Nesa data trasladou a súa residencia a Lugo para dirixir o Colexio Fingoi, fundado polo empresario galeguista Antonio Fernández, que constituíu un viveiro de innovación educativa no medio do escurantista panorama do franquismo. Retoma a publicación da súa obra poética, que viña enriquecendo desde 1936, co volume Anxo da Terra, ao que seguiría dous anos despois Poemas pendurados de un cabelo (Lugo, 1952) e xa aos comezos da década seguinte, Salterio de Fingoy (1961). Aquel mesmo ano de 1950 fundábase a Editorial Galaxia, un proxecto que agrupou o galeguismo resistente no exilio interior, presidido por Otero Pedrayo e capitaneado por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, que foi fundamental na continuidade e revitalización da cultura galega, e no cal Carballo se comprometeu intensamente desde o primeiro momento. Así, a súa sinatura aparece xa no número 3 da Colección Grial e no volume Sete ensaios sobre Rosalía (1952). Tamén en 1950 gaña o premio de novela galega convocado por Bibliófilos Gallegos coa obra A xente da Barreira, primeira novela en galego publicada na posguerra (1951).
Ao longo da década dos cincuenta retoma a súa actividade de publicista, colaborando —ás veces baixo pseudónimo—na prensa diaria (La Noche), en revistas literarias (Alba, Aturuxo) e en publicacións especializadas (Cuadernos de Estudios Gallegos). Asemade, durante aquela década dá pasos decisivos na súa carreira. Así, en 1954 doutorouse en Madrid cunha tese que no ano seguinte iría ao prelo baixo o título Aportaciones a la literatura contemporánea, ao mesmo tempo que Galaxia publica a versión (previa e máis reducida) en galego desa obra, titulada Sete poetas galegos, en que estuda a obra de Rosalía, Pondal, Curros, Noriega Varela, Cabanillas, Amado Carballo e Manuel Antonio. Carballo conságrase así como o principal estudoso das letras galegas, poñendo os alicerces da que será a súa contribución capital, publicada nas dúas décadas seguintes. Por parte, dentro da estratexia deseñada polo grupo Galaxia para a recuperación da Academia Galega, que viña languidecendo desde a guerra, en 1958 ingresa na RAG co discurso Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía.
A MADUREZA PLENA (1960-1980). FILÓLOGO DE GALAXIA
Durante os tres lustros que van de 1960 ata 1975, Carballo consagra o groso dos seus esforzos ao seu labor filolóxico, en particular no campo da historia literaria. A inicios do curso 1965-66 a Universidade de Santiago de Compostela —única en Galicia ata 1990— comeza a ofrecer materias de lingua e literatura galegas na Facultade de Filosofía e Letras, que quedan a cargo de don Ricardo. Ao tempo, levantada a inhabilitación que pesaba sobre el desde 1939, aproba as oposicións para o ensino medio e comeza a dar clases no Instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, onde tamén foi profesora a súa dona. Sete anos máis tarde, en 1972, convértese no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC, xa con dedicación exclusiva á universidade.
Nos vinte anos da súa madureza plena publica as súas monografías máis importantes: a Historia da Literatura Galega Contemporánea, da que inicialmente aparece un primeiro volume (1963), dedicado ao século XIX, e finalmente un volume único, que abrangue ata 1936 (1975), e a Gramática elemental del gallego común (1966). Ambas as obras foron encargadas e editadas por Galaxia, e constituíron manuais de imprescindible manexo polos primeiros estudantes universitarios de filoloxía galega.
A Historia da Literatura Galega Contemporánea, traballo monumental que funda un campo de estudos, ofrece un relato sistemático e exhaustivamente documentado da construción da literatura en galego na idade contemporánea, sentando o criterio filolóxico (a literatura galega é a escrita en lingua galega) e establecendo cun fundamento crítico rigoroso un canon de autores clásicos e unha organización xerárquica do conxunto da produción. É unha obra da súa autoría exclusiva, pero dadas as súas condicións persoais (illamento en Fingoi) e o contexto xeral (penuria de medios, carencia de bibliotecas de referencia), a súa realización só foi posible grazas á axuda bibliográfica dunha rede de colaboradores, coordinada por Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, que lle conseguían libros e folletos de ardua localización.
Pola súa parte, a Gramática elemental del gallego común, que tivo sete edicións ata 1979, comezou sendo un manual didáctico de contido basicamente gramatical, pero foi arrequentado nas sucesivas edicións con información bibliográfica, filolóxica e dialectolóxica, ata converterse nunha especie de introdución á lingüística galega. De máis a máis, Carballo convértese en colaborador habitual, como creador, ensaísta e crítico literario da revista Grial desde a súa aparición regular en 1963, de cuxo consello de redacción formou parte ata 1988: asinados co seu nome ou baixo pseudónimo, publica alí ducias de artigos de tema filolóxico e recensións que dan noticia puntual da evolución das letras e dos estudos galegos naquel tempo. Nesta etapa, Carballo Calero é un dos persoeiros máis significados de Galaxia: é, realmente, o filólogo do que el mesmo denominou "grupo Galaxia", ben que como escritor se consideraba membro da "xeración do Seminario". Ademais da súa constante colaboración coa revista Grial e da participación en diversos volumes colectivos, a súa contribución no proxecto de Galaxia concrétase en non menos de once títulos da súa autoría vindos a lume entre 1955 e 1979, que inclúen as monografías académicas xa salientadas, varias coleccións de estudos e ensaios, títulos de creación poética e teatral e antoloxías didácticas.
A VIZOSA DÉCADA FINAL (1980-1990). REINTEGRACIONISMO
A súa posición no campo cultural galego comezaría a cambiar na segunda metade da década dos setenta e mudaría notablemente na última década da súa vida. Simplificando, as razóns principais desta mudanza son por unha parte de orde política e, por outra, de orde lingüística. As primeiras relaciónanse co cambio que se produciu á morte do ditador (1975) e, sobre todo, coa instauración do réxime autonómico (1981), que provoca un troco de papeis político-culturais dalgunhas figuras protagonistas do grupo Galaxia, nomeadamente Domingo García-Sabell e Ramón Piñeiro, que pasan a implicarse de cheo na instauración do autogoberno. As razóns de orde lingüística teñen que ver co compromiso cada vez máis estreito de Carballo co nacente movemento reintegracionista, do cal se converte desde finais da década dos setenta en principal inspirador e figura de referencia. Discrepante co rumbo da política galega e en franco desacordo coa política lingüística da Autonomía, reivindica a súa independencia e manifesta as súas punxentes críticas de xeito tenaz e contundente. É neste período cando comeza a asinar a súa obra como Carvalho Calero.
Nos primeiros anos oitenta comeza a recoller, depurar e reeditar a súa obra. Canto á literaria, compila e revisa a súa poesía en Pretérito imperfeito, 1927-1961 (1980) e Futuro condicional, 1961-1980 (1982), mentres que a obra dramática é reunida en Teatro completo (1982) e a narrativa en A gente da Barreira e outras histórias (1982) e Narrativa completa (1984). Ao tempo, arranxa varias colectáneas de traballos soltos e artigos: de tema literario en Estudos rosalianos (1979), Libros e autores galegos (dous volumes, 1979 e 1982) e Letras galegas (1984) —obras que en certo xeito complementan a súa Historia da Literatura e lle dan continuidade, ao atender á produción de posguerra—; de tema lingüístico, en defensa da súa proposta reintegracionista, nos volumes Problemas da língua galega (Lisboa, 1980) e Da fala e da escrita (1983).
Non obstante, continúa as súas múltiples angueiras de polígrafo e divulgador, publicando de xeito regular na prensa diaria (La Voz de Galicia), pronunciando conferencias —moitas delas posteriormente impresas—e ensaios, ademais de seguir cultivando a poesía (Cantigas de amigo e outros poemas, 1986; Reticências..., 1990) e a narrativa (Scórpio, 1987). Por parte, neses últimos anos da súa vida seguen colleitándose e imprentándose os seus textos, publícanse dous libros de conversas con el e inzan as homenaxes e os estudos sobre a súa figura: é acollido como membro ordinario pola Academia das Ciências de Lisboa (1981), é recoñecido como membro de honra pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e pola Associaçom Galega da Língua, é convidado a participar na fundación do Consello da Cultura Galega —pero rexeita o convite—, recibe a medalla Castelao da Xunta de Galicia (1984), preside o congreso internacional sobre Rosalía de Castro e o seu tempo organizado pola USC e o CCG (1985) e varios congresos da AGAL, obtén o premio da crítica por Scórpio (1987)... A última distinción que recibe é a designación como fillo predilecto do Concello de Ferrol, semanas antes do seu pasamento, acontecido en marzo de 1990.
OBRA LINGÜÍSTICA, CODIFICACIÓN, NORMALIZACIÓN
A defensa e ilustración da lingua galega son móbiles centrais da ideoloxía, da obra e do compromiso público do autor. Cómpre ter en conta que no plano científico, Carballo foi un estudoso da literatura e un filólogo máis do que un gramático ou un lingüista: así, nunca chegou a escribir nestes últimos campos unha monografía comparable á Historia da Literatura. O seu interese pola lingüística foi limitado ata que recibiu o encargo de Galaxia de redactar a Gramática elemental del gallego común (1966), manual oportuno e moi útil no seu día. A súa atención á problemática da codificación da lingua agudízase cando a RAG lle encarga a elaboración, con Filgueira Valverde e Ramón Piñeiro, das súas primeiras normas ortográficas (1970) e morfolóxicas (1971). Estas Normas seguen a liña de evolución autónoma do galego culto desde o Rexurdimento.
Non obstante, a súa posición vai mudando de 1975 en diante, cando comeza a defender a reintegración lingüística e ortográfica do galego no portugués. A súa posición reintegracionista acentúase despois do fracaso da proposta codificadora da Comisión de lingüística nomeada pola Xunta pre-autonómica en 1979, que el mesmo presidiu. Cando o Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega aproban as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982), oficializadas inmediatamente pola Xunta de Galicia, a súa discrepancia convértese en frontal. Na década dos oitenta, envórcase de cheo na polémica normativa, unha controversia aceda con estridentes resonancias políticas e espiñentas connotacións persoais, e, por graza da súa auctoritas, convértese en referente do reintegracionismo. Isto, por unha banda afastouno das institucións oficiais e por outra banda acabou producindo o efecto imprevisto de minusvaloración doutros aspectos centrais do seu labor, nomeadamente os seus estudos literarios e súa produción artística.
ESTUDOS LITERARIOS
Como xa se sinalou previamente, o obxecto de estudo máis importante no currículo de Carballo Calero é, sen dúbida, a literatura galega contemporánea, especialmente os autores do Rexurdimento —Pondal e, por riba de todos, Rosalía— e da Xeración Nós —principalmente Otero Pedrayo e Castelao— e mais os poetas de anteguerra, desde Ramón Cabanillas ata Manuel Antonio. Dos seus coetáneos, os preferidos foron Cunqueiro e Pimentel. Non só estudou diversos aspectos da vida e a obra dos ditos autores e de moitos outros, senón que foi editor dalgúns dos seus textos e mais antólogo e divulgador, a través dunha morea de publicacións, entre outras entidades, da RAG, do Departamento de Filoloxía Galega e da Editorial Galaxia. Sen dúbida, debe ser considerado o fundador dos estudos literarios galegos.
A OBRA DE CREACIÓN
Na súa obra literaria cultiva os diversos xéneros, con clara preferencia pola poesía. En palabras dunha estudosa recente, "a súa poesía conecta intimamente coa europea e é testemuño, temática e esteticamente, dun século XX do que Carvalho se recoñece fillo" (Pilar Pallarés). Esta mesma crítica ten salientado que a súa poesía "é desde o inicio a dun racionalista, a dun especulativo [...] os seus textos son construcións cerebrais" que manifestan unha "tendencia descritivista, discursiva e especulativa que se ha de manter como unha constante do autor".
A súa produción dramática, relativamente ampla, e en parte relacionada coa súa actividade didáctica no Colexio Fingoi, sitúase entre a tradición galega, estilizando a temática popular, e a conexión co teatro europeo coetáneo (teatro do absurdo), entre o clasicismo e a experimentación, con técnicas do teatro chinés, fórmulas expresionistas e aproximacións á linguaxe cinematográfica.
Na narrativa salienta a súa última e ambiciosa novela, Scórpio (1987), na que a partir de elementos autobiográficos ofrece unha evocación dos seus tempos de mocidade universitaria e de miliciano durante a guerra civil. O retrato da súa xeración aparece deseñado a través dunha serie de personaxes —que en boa medida constitúen desdobramentos da personalidade do propio autor— que xiran arredor da misteriosa figura do protagonista, de quen se nos ofrece unha imaxe poliédrica a partir dun mosaico de diferentes testemuños, nun hábil e eficaz manexo da polifonía. O final tráxico da maior parte dos personaxes relacionados coa biografía do autor simboliza a derrota da súa xeración galeguista, demócrata e republicana, esmagada polo fascismo.