Arquivo

A inauguración do monumento a Curros Enríquez de Asorey

O 11 de agosto de 1934 inaugurábase nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña o monumento dedicado a Manuel Curros Enríquez de Francisco Asorey. Con motivo desta conmemoración, a Real Academia Galega, presidida entón por Manuel Lugrís Freire, publicou un folleto que dá conta dos diversos motivos que foran demorando a execución desta homenaxe ao poeta de Celanova, concibida xa desde o seu falecemento en 1908. Nestas páxinas agradécese ademais o apoio económico recibido das comunidades de emigrantes galegos en Buenos Aires e La Habana. A edición pode descargarse na sección de publicacións.

1/4

Neste mesmo espazo pode consultarse o documento das bases da convocatoria para o concurso de proxectos, presentada en 1927 e que ficou deserta, e mais as bases do segundo concurso, de 1928. Ambos os folletos inclúen un plano do emprazamento previsto para o conxunto escultórico e un texto do académico Eladio Rodríguez González sobre Curros xunto cunha listaxe das súas obras.

Segundo recolleu a prensa da época, a presentación do monumento constituíu un acto de grande importancia social e política. A celebración mesmo contou coa presenza do daquela presidente a II República, Niceto Alcalá Zamora, quen lle dedicou un extenso discurso ao poeta de Celanova que se pode consultar nestas páxinas de La Voz de Galicia do día seguinte.