Arquivo

Historia do Arquivo da RAG

A arquivística é unha ciencia relativamente moderna, que naceu a principios do século XIX co nome de arquivoloxía. Século e medio máis tarde pasa, tras un proceso de renovación, a unha concepción máis científica que abandona o perfil do arquiveiro como historiador ou erudito, substituíndoo por técnicos capaces de organizar a abondosa documentación que se xera nas oficinas.

Os arquiveiros-bibliotecarios da Academia posuían esta formación erudita, xunto cun enfoque historicista, ata o ano 1997 en que Antonio Gil Merino -arquiveiro de profesión- foi nomeado Arquiveiro-Bibliotecario.

O Arquivo é o fillo tardío da Academia, non polo seu nacemento, en sincronía coa institución, senón pola súa organización serodia. O Arquivo propiamente dito e entendido como unha sección dotada de espazo propio, ferramentas e persoal nace en 1998 baixo a presidencia de Fernández del Riego, e afírmase e consolídase con Barreiro Fernández.

Non é até o ano 2000 cando se sistematiza o traballo. A documentación queda estruturada ao redor do cadro de clasificación. O arquivo queda dividido entre arquivo de administrativo ou de xestión e arquivo histórico. O primeiro conservará a documentación producida pola Academia, e o segundo a documentación recibida ou mercada.

No ano 2008, e grazas á Consellería de Cultura, o Arquivo da RAG dótase dun programa informático de xestión arquivística para o tratamento dos fondos.

En novembro de 2013, o Plenario da Real Academia Galega aprobou o Regulamento do arquivo, o que permitiu establecer o funcionamento básico, implantar técnicas para o tratamento dos documentos e normalizar as condicións de recepción, custodia, conservación e acceso etc. Deste xeito, grazas ao Regulamento, defínese o papel do arquivo na institución e especifícanse as súas funcións, expostas no artigo 5:

  • Recibir, organizar, clasificar e facer accesible a documentación.
  • Elaborar os instrumentos de descrición e control adecuados para unha correcta comunicación da documentación e óptima accesibilidade a ela.
  • Colaborar na mellora do funcionamento da institución mediante o establecemento de pautas para o desenvolvemento de procedementos administrativos.
  • Facilitar o acceso e a consulta aos académicos e académicas e á cidadanía en xeral, nos termos establecidos no marco legal e normativo.
  • Establecer normativas reguladoras e criterios de ordenación e descrición dos documentos, así como as relativas a outros aspectos de tratamento automatizado da documentación e da información.
  • Formular directrices para a correcta conservación e instalación da documentación, establecendo as condicións idóneas que deben reunir as instalacións necesarias para a súa utilización e seguridade.
  • Desenvolver e participar en actividades de difusión do patrimonio documental da RAG.
  • Así mesmo, todas aquelas funcións que impliquen organización e tratamento da documentación constitutiva do patrimonio documental da RAG.

Durante este tempo, o arquivo foi acadando o seu lugar dentro da institución: acrecentou os seus fondos, dotouse dun marco regulador da súa actividade, aumentou a colaboración con outros departamentos, gañou en accesibilidade e tamén en visibilidade (o que provocou un incremento de usuarios).

O acrecentamento dos fondos persoais, de asociacións e coleccións produciuse principalmente grazas a doazóns de particulares. A variedade temática dos conxuntos ingresados nestes anos foi notable: documentación fotográfica, musical, cultural, literaria, epistolar, sindical e política etc. Toda cun denominador común, o interese para o país.

Porén, tamén o arquivo procurou ampliar os seus fondos por medio de diversas iniciativas e mantendo unha actitude de alerta no mercado co obxecto de conseguir obras de interese para a Academia.

Conclúese pois que dende o ano 2000, cando comezou a andadura do arquivo, se foron conseguindo logros -persoal, espazos, ferramentas técnicas, utilización de criterios profesionais- que colocan o arquivo nunha posición de normalidade, o que lle permite desenvolver o traballo sen problemas e asumir os retos futuros que se presenten. Así, en algo máis de 20 anos pasou da súa case inexistencia a estar organizado, descrito e clasificado: posúe un cadro de clasificación, ten normalizados os procesos arquivísticos, a instalación e o depósito cumpren os requisitos necesarios para preservar a documentación da deterioración. Deste xeito, o arquivo da Academia -de interese excepcional para o estudo da nosa cultura- queda preparado para un óptimo funcionamento, presente e futuro.