Arquivo

Fondos do Arquivo da RAG

Acta fundacional RAG
Acta de Constitución da Academia Galega

A riqueza excepcional dos fondos do Arquivo da Real Academia Galega (ARAG) fai imprescindible a súa utilización por parte dos investigadores pois conserva documentación relativa a todos os eidos da cultura galega.

Estes fondos atesouran o máis rico patrimonio documental de Galicia que, polo seu recoñecido valor cultural, é de obrigado estudo e consulta, á vez que contribúe á permanencia e á identidade cultural galega no tempo.

Os 126 fondos, os máis de 30.000 documentos en papel ou as súas 100.000 fotografías converten este pequeno arquivo nun referente entre os arquivos galegos.

O fondo máis importante que se conserva é o propio da Real Academia Galega. Nada no ano 1905, é unha das institucións máis antigas da Península. Esta documentación reflicte máis dun século de actividade cultural e de estudos lingüísticos en Galicia. Mais a documentación non só atinxe a Galicia: as relacións que a Academia estableceu ao longo da súa historia, e establece na actualidade, con entidades doutros países, así como os intercambios culturais producidos entre elas, documentan as relacións e agrandan os seus fondos, onde se conservan.

A Academia tamén custodia o excepcional fondo da familia Pardo Bazán, que inclúe o da propia escritora Emilia Pardo Bazán. Os manuscritos literarios que dela se conservan, así como as galeradas e as correccións das súas obras, atópanse no arquivo, único referente no mundo para o estudo da autora. Este fondo, que posúe unha relevancia significativa debido á fama da escritora, ten ademais unha parte patrimonial de grande interese para estudar as rendas e o patrimonio da aristocracia do século XIX. A Academia, consciente do valor único e inconmensurable do dito fondo, procura conservalo e completalo con especial dedicación.

Concerto en honor da escritora Dª Emilia Pardo Bazán. Aires d'a Terra
Concerto en honor da escritora Dª Emilia Pardo Bazán. Aires d'a Terra

Os arquivos dos persoeiros máis significativos da cultura galega tamén forman parte dos fondos do arquivo da Academia: Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Fermín Bouza-Brey, Suárez Picallo, Marcial del Adalid, Sofía Casanova, César Alvajar e un longo etcétera. Son fondos que abranguen innumerables materias: música, política, literatura, historia, ciencias, fotografía... Trátase, en definitiva, da historia de Galicia dos últimos séculos a través das súas elites culturais. As obras conservadas son maiormente literarias, mais tamén doutras ciencias e coñecementos.

O pobo galego considera e valora a institución como o lugar idóneo para conservar e gardar a súa documentación familiar. Grazas a isto, o arquivo recibe e conserva documentación moi variada: correspondencia, fotografías familiares, debuxos, carnés etc., que ilustran e documentan a vida e mais as actuacións da xente común.

Convite á inauguración do Ferrocarril de Zamora á Coruña
Convite á inauguración do Ferrocarril de Zamora á Coruña

O Arquivo conserva tamén coleccións de grande interese. As coleccións son agrupacións documentais que non responden ao principio de procedencia arquivístico. Trátase de fotografías, postais, accións antigas, manuscritos... ata 25 agrupacións facticias que reúnen documentos de gran relevancia debido, en moitos casos, ao seu carácter efémero que as converte en rarezas documentais.

No referente á difusión e accesibilidade, o Arquivo da Real Academia Galega participa, xunto co resto de arquivos da Rede de Arquivos de Galicia, na construción de Galiciana, o Arquivo Dixital de Galicia, que é xestionado pola Subdirección Xeral de Arquivos da Xunta de Galicia. Galiciana é unha valiosa ferramenta que facilita a descrición de documentos, a creación de obxectos dixitais, a súa consulta e descarga e, en resumo, a difusión do patrimonio documental nun contorno normalizado.

Ao mesmo tempo, a páxina web da institución constitúe outro potente instrumento de divulgación que, xunto con Galiciana, apoia e facilita o coñecemento do arquivo e dos seus fondos, proporcionándolles unha visibilidade necesaria.

O arquivo ofrece a consulta en liña de case a totalidade dos seus fondos, que están organizados en cinco grandes grupos: institucionais, persoais e familiares, de empresas, de asociacións e coleccións.