Arquivo

Poemas para Rosalía de Castro

Primeira folla do manuscrito do poema “As bágoas d’Aurora”, de Francisco María de la Iglesia

Entre todos os papeis de escritores galegos que se conservan no arquivo da Real Academia Galega pódese xuntar un bo feixe de poemas escritos por moitos dos autores para homenaxear á gran poeta Rosalía de Castro. De todos eles entresacamos algúns que, a día de hoxe, se atopan dixitalizados no portal Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia, portal que aloxa o catálogo do arquivo da Real Academia Galega.

O primeiro é o manuscrito do poema “As bágoas d’Aurora”, co que Francisco María de la Iglesia gañou o concurso literario co cal en 1885 a Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns da Coruña homenaxeou á autora de Cantares. No mes de setembro dese ano, esta asociación coruñesa organizou unha velada para lembrar a Rosalía, falecida o 15 de xullo anterior. Nela, ademais de contar coas intervencións de Castelar e de Emilia Pardo Bazán, tamén se leron os poemas, en galego e castelán, en honor de Rosalía que gañaron o certame literario organizado pola Reunión de Artesáns co gallo da homenaxe. Este manuscrito, xunto ao diploma co que se lle acreditaba o premio ao autor, consérvase no fondo dos Irmáns de la Iglesia.

Diploma a nome de Francisco María de la Iglesia polo que se lle recoñece que gañou o premio no concurso poético celebrado co gallo da homenaxe a Rosalía de Castro pola Reunión de Artesáns da Coruña

En 1904, Manuel Curros Enríquez regresou a Galicia desde Cuba. Na Coruña reuniuse con Murguía e outros persoeiros co fin de dar os primeiros pasos para a creación da Real Academia Galega. Nesta viaxe, a derradeira á súa terra natal, pasou tamén por Santiago de Compostela e alí visitou a tumba de Rosalía na Igrexa de Bonaval, onde depositou unha coroa de flores e leu un poema na súa memoria. Como recordo deste acto, editouse unha tarxeta postal na que se reproducía unha fotografía do de Celanova ante a tumba, no momento de depositar nela a coroa de flores e o texto do poema, o cal tamén foi reproducido no xornal compostelán Gaceta de Galicia do 24 de setembro de 1904. Da tarxeta postal consérvase no arquivo un dos seus exemplares, dentro da nosa colección de tarxetas postais.

Curros Enríquez diante da tumba de Rosalía Castro, 24 de setembro de 1904

O escritor Jesús Rey Alvite, sendo redactor da xa mencionada Gaceta de Galicia, en 1912 tivo a iniciativa de realizar un acto de recordo de Rosalía ante o seu sepulcro de Bonaval co gallo da celebración do día de defuntos dese ano. Do acto deixou unha ampla descrición a Gaceta do 3 de novembro, que se pode ler na páxina de Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.

Segundo esta, acudiron numerosos representantes de diversos medios xornalísticos galegos, así como da Real Academia Galega, da que Alvite era tamén membro correspondente. Así, acudiu o seu secretario, Uxío Carré Aldao e o numerario fundador, Juan Barcia Caballero. Este último deu remate ao acontecemento lendo un poema propio dedicado á poeta. O texto desta composición, reproducida logo no exemplar citado do diario compostelán, así como noutros medios, imprimiuse nunha folla solta que se repartiu durante o acto, tal e como nos informa El Progreso de Pontevedra do 5 daquel mes de defuntos. Desta folla no noso arquivo conservamos un exemplar, dentro da colección de impresos.

Ao ano seguinte, a escritora Filomena Dato Muruais, de paso por Compostela e antes de deixar a cidade, visitou a tumba de Rosalía no Panteón de Galegos Ilustres para facerlle unha homenaxe, deixándolle unha coroa de flores e recitando un poema dedicado a ela. Unha fotografía de Dato Muruais ante o sepulcro e a reprodución do poema imprimíronse noutra tarxeta postal como lembranza, da que tamén temos unha mostra na nosa colección de tarxetas postais.

Filomena Dato diante da tumba de Rosalía de Castro. 1913

Finalmente, de novo dentro da Colección de Impresos do arquivo da Real Academia Galega, podemos atopar unha tarxeta de cartón impresa, editada, co apoio dos centros coruñeses de Buenos Aires e de Montevideo, en conmemoración do centenario da publicación de Cantares Gallegos e da primeira celebración do Día das Letras Galegas. Nela reprodúcese o poema “Unha rosa” en lembranza da gran poeta galega, de man do escritor galego, emigrado a Arxentina, Avelino Díaz.

“Unha rosa” de Avelino Díaz. 1963