Fotogalería Ingresos
Os Estatutos da Academia estipulaban que os académicos de número debían ser corenta. Porén, houbo épocas en que esa cantidade se reduciu case á metade debido a defuncións, ausencias ou renuncias. Por iso unha das preocupacións de varias xuntas de goberno foi cubrir as baixas incorporando novos académicos.
Durante o período de 1924 a 1936 ingresaron doce novos académicos, algúns dos cales tiveron un papel relevante na vida da institución: David Fernández Diéguez, nomeado académico en 1925, actuou varios meses como presidente accidental entre 1934 e 1936; Fernando Martínez Morás e Alejandro Barreiro Noya, que ingresaron respectivamente en 1926 e 1936, foron secretarios da corporación; e Manuel Casás Fernández, convertido en numerario en 1936, foi presidente accidental a partir de decembro dese ano e despois ocupou formalmente a presidencia ata 1960.
Recepción de Fernando Martínez Morás como académico de número. 30 de novembro de 1926.
Real Academia Galega. Arquivo
Outros ingresos importantes que tiveron lugar neste tempo foron os de catro destacadas figuras do galeguismo: Vicente Martínez Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. No momento de entraren na Academia, todos eles xa eran ademais integrantes das Irmandades da Fala, a institución que en 1916 dera orixe ao nacionalismo galego organizado.
A relación entre o nacente nacionalismo e a Academia non sempre foi cordial, pois dende as páxinas d’A Nosa Terra, o voceiro das Irmandades, censurouse a institución pola pouca presenza do idioma galego na vida académica ou pola escolla dalgúns dos seus integrantes considerados alleos á cultura do país. Así e todo, coa entrada de Vicente Risco en 1929 comezou a incorporación dos intelectuais nacionalistas por iniciativa dalgúns académicos.
Críticas dirixidas contra a Academia no semanario nacionalista.
A Nosa Terra 201 (1/6/1924) e 210 (1/3/1925). Real Academia Galega. Hemeroteca
Vicente Risco foi o primeiro representante do novo nacionalismo que entrou na Academia. A proposta para o seu ingreso como académico numerario fora asinada por Manuel Murguía e ademais o candidato xa participara con anterioridade nalgúns actos académicos, como o ingreso de Ramón Cabanillas no ano 1920.
A pesar destes primeiros pasos, o ingreso de Vicente Risco só tivo lugar varios anos despois: na Coruña o 23 de febreiro de 1929. O seu discurso de entrada na Academia, titulado Un caso de lycantropía, estudaba dende unha perspectiva etnográfica a figura do famoso “lobishome” galego Manuel Blanco Romasanta e foi contestado polo poeta Ramón Cabanillas.
Nesta ocasión A Nosa Terra (258, 1/3/1929) cualificou o acto como “un dos mais grandes éxitos da Academia e da historia e do autual renascemento da cultura galega”.
Vicente Risco lendo o seu discurso de ingreso na Academia.
Real Academia Galega. Arquivo
Algúns meses despois de ingresar Vicente Risco converteuse en novo académico Ramón Otero Pedrayo, outra das figuras sobranceiras da nova xeración galeguista.
Proposto como numerario en 1926, un ano despois acéptase a candidatura e Otero Pedrayo entrega o seu discurso de ingreso en maio de 1929. A cerimonia de entrada fíxase para o 30 de novembro dese ano na Coruña. Mais esta debeu ser adiada a causa dun accidente automobilístico que sufriron o escritor ourensán e a súa dona na cidade herculina. Finalmente o acto puido celebrarse o 9 de decembro de 1929 coa lectura do discurso Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal. Nel Otero empregou o concepto de saudade para explicar a poesía dos tres autores elixidos.
A resposta estivo a cargo de Vicente Risco, compañeiro do novo académico na revista Nós e no Seminario de Estudos Galegos.
Ingreso de Ramón Otero Pedrayo na Academia Galega.
Vida Gallega 434 (20/12/1929). Real Academia Galega. Hemeroteca
Ao igual que Risco e Otero Pedrayo, Antón Vilar Ponte reunía méritos dabondo para se converter en membro da Academia Galega, aínda que tamén no seu caso a entrada demorou varios anos.
A súa relación coa Academia comezou moito antes do ingreso en 1934, pois xa consta como correspondente en 1911. Mais o xornalista viveirense non sempre estivo de acordo co devir da institución e en ocasións polemizou con ela dende a prensa. En 1926 foi designado numerario e dende entón participou en numerosas actividades académicas. A súa incorporación definitiva aínda demoraría varios anos a causa das moitas actividades desenvolvidas por el e tamén probablemente debido á postura crítica con algúns aspectos da institución.
Por fin, o 24 de xullo de 1934 Vilar Ponte fixo efectiva a entrada na Academia co discurso O sentimento liberal na Galiza, que respondeu Ramón Otero Pedrayo.
Caricatura de Antón Vilar Ponte realizada por Castelao en 1919.
Real Academia Galega. Arquivo
Cando Castelao se converteu en novo académico numerario en 1934, xa era ben coñecido como artista, escritor e político. Por tanto a súa incorporación á Academia significaba un importante recoñecemento a todo ese labor realizado a prol de Galicia.
Aínda que a proposta de facelo académico quedara formalizada en 1930, o seu nomeamento non se produciu ata 1933. Un ano despois a Academia recibiu o seu discurso de entrada e a cerimonia de recepción quedou fixada para o 25 de xullo de 1934 na Coruña.
O discurso que pronunciou nesa ocasión, titulado As cruces de pedra na Galiza, era un resumo das investigacións sobre as cruces de pedra e os cruceiros que Castelao viña realizando dende anos atrás. Da contestación encargouse Antón Vilar Ponte e nela salientou a galeguidade e a íntima identificación co país que caracterizaban a obra do rianxeiro.
Recepción de Castelao como académico de número.
Real Academia Galega. Arquivo



