Académicos e académicas

Fernando Martínez Morás

Fernando Martínez Morás

A Coruña, 1885 - León, 1937

Xornalista, historiador e lingüista, foi profesor de xeografía e autor de varios traballos sobre a historia de Galicia e a lingua galega. Redactor xefe do xornal La Voz de Galicia e concelleiro na Coruña durante a Restauración, foi un dos promotores do Instituto de Estudios Gallegos e do seu único congreso, celebrado na Coruña en 1919.

Fillo de Andrés Martínez Salazar e Petra Morás Suevos, ampliou a súa formación en Londres e Oxford grazas a unha bolsa do Estado concedida en 1907. Froito desta viaxe foi a publicación no Boletín da Real Academia Galega do artigo “Milton y Galicia” e tamén a súa afección ao fútbol, deporte do que foi un pioneiro na Coruña. Exerceu como profesor de xeografía económica na Escola de Comercio da Coruña, onde fixera os estudos medios. En 1936 publicou, canda María de los Ángeles Lens de Patiño, La región gallega, manual desta especialidade. De ampla formación humanista e políglota, traduciu do alemán o apéndice “Morfología del idioma gallego”, incluído na obra Grammatik der portugiesischen Sprache, do autor austríaco J. Cornu; e do inglés o “Cancioneiro gallego-castellano : 1350 a 1450”, do filólogo norteamericano H. R. Lang.

Iniciado na arqueoloxía polo profesor Ramón López de Vicuña, realizou un inventario das igrexas da contorna da Coruña que foi publicando nas páxinas de La Voz de Galicia en forma de estudos monográficos. Entre eles cómpre destacar os dedicados a San Pedro de Oza, San Vicenzo de Elviña, Santa María de Loureda, Santa Mariña de Lañas ou San Tirso de Oseiro.

Foi un dos fundadores e o presidente da Universidade Popular da Coruña, nada ao abeiro do Círculo Recreativo e Instrutivo de Artesáns da Coruña e destinada a darlle formación gratuíta á clase obreira. Nas súas aulas ensinábanse, ademais de materias do currículo escolar, nocións de arte e historia, con excursións formativas a lugares como Toledo, Bilbao ou Barcelona.

En 1908, no primeiro centenario da Guerra da Independencia española, formou parte do comité da Exposición Rexional de Santiago de Compostela como comisario da provincia da Coruña. No certame de ensaios históricos convocado co mesmo motivo en 1909, resultaron premiados tres dos seus traballos. En “Las alarmas de Galicia” estudou a resistencia ao francés. La Junta Superior de Subsidios, Armamento y Defensa del Reino de Galicia, editado en 1955 con limiar do seu sobriño Carlos Martínez Barbeito, analizaba o rol desta institución durante a guerra contra a invasión francesa empregando como fontes o arquivo da propia Junta, o Semanario Político, Histórico y Literario de la Coruña, de Manuel Pardo de Andrade, e o Diario de Sesiones das Cortes de Cádiz. O outro traballo galardoado neste certame foi “La Primera Diputación Provincial, Única del Reino”. En 1916 gañou tamén un concurso convocado polo Concello de Ferrol co traballo “Medios prácticos de fomentar entre la juventud el amor al estudio y el alejamiento de aquellos lugares en que pueda peligrar su honradez y buenas costumbres.”

O casamento coa música coruñesa Dora Castillo propiciou o seu achegamento á escena musical e levouno a presidir a Sociedade Filharmónica da Coruña, que culminou coa creación da orquestra desta entidade, e deu tamén os primeiros pasos para a creación do conservatorio de música da cidade herculina.

En 1918 participou na constitución do Instituto de Estudios Gallegos, do que foi secretario. No seu seo publicou o opúsculo La lengua gallega (1918), no que denunciaba o abandono do idioma e propuña vías para a súa recuperación, a empezar pola súa codificación e a creación de ferramentas didácticas, mais sempre relegándoo a unha posición subalterna ao castelán. Ao ano seguinte, esta entidade celebrou na Coruña o Congreso de Estudios Gallegos, no que tiveron unha importancia especial os temas científicos relacionados con Galicia. O instituto estaba presidido por Manuel Casás, quen tamén era presidente naquela altura do Circo de Artesáns coruñés, sociedade que o promovera. Tamén en 1919, Martínez Morás foi elixido membro do Concello da Coruña formando parte dunha candidatura encabezada por Casás, que resultou escollido alcalde.

Xornalista desde moi novo nas páxinas de La Voz de Galicia, compatibilizou esta actividade coa do ensino durante trinta anos, ocupándose de todo tipo de temas nos seus artigos. Foi presidente da Asociación de la Prensa Local e da Federación de Periodistas del Norte e Noroeste de España. Morreu nun accidente de tráfico en León, cando estaba traballando como correspondente de guerra. Co pseudónimo Juan de Suevos publicou La Coruña, capital de Galicia. Guía del turista.

Fernando Martínez Morás foi membro correspondente da Real Academia da Historia, da Academia das Artes de San Fernando, da Comisión Provincial de Monumentos da Coruña e da Academia Provincial de Belas Artes da mesma provincia. En 1907 foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega a proposta de César Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao e Manuel Lugrís Freire, e numerario en 1926 grazas ao apoio de Uxío Carré, Manuel Murguía e Rafael Pérez Barreiro. Exerceu o cargo de secretario desde o ano 1927 ata o seu pasamento.

No seu discurso de ingreso, Martínez Morás analiza as fontes etimolóxicas dos nomes de lugar galegos e denuncia a deturpación de topónimos como o de Niñodaguia, castelanizado como Niño de la Guía, ou Alcabaleiros, transformado en Caballeros. Defendía unha orixe céltica e mesmo vasca de moitos deles e trazaba unha hipótese sobre a xénese do nome da Coruña, como derivado de “groyne”, vocábulo de uso frecuente na costa irlandesa e inglesa. A seguir enumeraba unha serie de topónimos galegos de orixe latina, salientaba a importancia no nomenclátor dos nomes derivados de plantas e do substrato xermánico e remataba o discurso recoñecendo o maxisterio de frei Martín Sarmiento. A resposta, en nome da Academia, correspondeulle ao lexicógrafo ourensán Eladio Rodríguez, quen tamén denunciou a deturpación da toponimia galega. Ambas as alocucións foron impresas na Habana en 1962, grazas á mediación de Antonio do Campo, membro da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia.