Académicos e académicas

Andrés Martínez Salazar

Andrés Martínez Salazar

Astorga, León, 08/10/1846 - A Coruña, 06/10/1923

Nado en Astorga o 8 de febreiro de 1846 e finado na Coruña o 6 de outubro de 1923, foi un editor, arquiveiro e historiógrafo promotor do Rexurdimento. Tamén foi membro da Real Academia Galega e Presidente da corporación.

Comezou os seus estudos de Bacharelato no Instituto Provincial de León, en 1857, e no 1862 conseguiu o título de Bacharel en Artes pola Universidade Literaria de Oviedo. No ano seguinte, iniciou os seus estudos na Escola Superior de Diplomática na Universidade Central. En 1866 expedíuselle o título de Arquiveiro-Bibliotecario e dous anos despois foi destinado ao Arquivo Central de Alcalá de Henares como axudante, pero xa no ano seguinte e por orde da Dirección Xeral de Instrución Pública, foi trasladado ao Arquivo Xeral de Galicia, situado na Coruña, cidade á que quedou ligado por sempre tanto na súa profesión como nas súas actividades intelectuais. Desde a súa chegada a Galicia, interesouse pola cultura e decidiu achegarse a ela en profundidade investigando e promovendo os seus valores. Como mostra do seu apego á cidade, foille entregada o 29 de agosto de 1878, a Medalla de Bronce da Exposición Local da Coruña.

En 1884, Martínez Salazar adquiriu a libraría de Enrique Gil, situada no número 16 da rúa Rego de Auga, na Coruña. Na súa Librería habilitouse unha sala de lectura á que acudían numerosos literatos locais e forasteiros formando unha animado faladoiro, antecedente inmediato da famosa Cova Céltica, como se denominou, en principio con ánimo despectivo, ás reunións na libraría que Carré Aldao lle mercou a Martínez Salazar en 1891. No mes de febreiro de 1884, constitúese na Coruña a Sociedad Flok-Lore Gallego, semellante á formada en Sevilla por Antonio Machado, da que Martínez Salazar formou parte baixo a presidencia de Dona Emilia Pardo Bazán. Un ano máis tarde iniciou o seu labor editorial coa fundación, xunto a Juan Fernández Latorre, propietario e director de La Voz de Galicia, da Biblioteca Gallega, que iniciou as súas publicacións con Los Precursores, de Murguía, e continuou dando a coñecer numerosas obras, novas e reeditadas, encadradas dentro do renacemento cultural galego. Dende febreiro de 1887, Martínez Salazar levou o proxecto en solitario, estando no prelo o oitavo dos libros publicados. O noso biografado mantivo a Biblioteca Gallega até 1903, tendo publicadas 52 obras que representaban a produción das mellores plumas do momento: El idioma gallego, de Antonio María de la Iglesia; Aires da miña terra, de Curros; Queixumes dos pinos, de Pondal; Soaces dun vello, de Benito Losada ou Poesías, de Añón, son unha mostra. Tamén se lle debe a edición doutros oito libros, entre os que se encontran O divino sainete, de Curros e Foguetes, de Pérez Ballesteros. Asemade, é o responsable dos dous fascículos, publicados en 1908, que levan por título Galicia, conmemorativos do centenario da Guerra da Independencia onde se recollen varios traballos seus, tamén é responsabilidade súa o folleto El centenario del Quijote en Galicia e dos dous volumes de Portafolio de Galicia. No ano 1887 saíu o primeiro número de Galicia. Revista Regional de Ciencias, Letras, Artes, Folk-Lore, etc., editada en solitario por Martínez Salazar. Tratouse dunha publicación mensual que se publicou en dúas épocas: xaneiro 1887/maio 1889 e xulio 1892/xuño 1893. En total, 41 números de artigos sobre economía, literatura e cultura galega, en xeral, asinados por Murguía, Curros, Pardo Bazán, Benito Losada, Saralegui y Medina, Villaamil y Castro, os irmáns de La Iglesia, Pondal, Aureliano Pereira ou Leite de Vasconcelos. A edición desta revista, da Biblioteca Gallega e das outras actividades que el xestionaba convertérono catalizador da actividade editorial do Rexurdimento e un dos máis importantes propulsores decimonónicos da cultura e literatura en galego.

No mesmo 1887, foille entregado o premio “Pluma de Plata” no Certame Literario de Betanzos en recoñecemento ao seu traballo La Beneficencia en Betanzos en los siglos XVI, XVII y XVIII, mentres o 10 de novembro foi nomeado socio correspondente da Sociedade Económica de Amigos del País, de Santiago de Compostela. No ano seguinte, foi ascendido, por concurso de méritos, de axudante a Oficial de terceiro grado do Corpo de Arquiveiros e destinado á Delegación de Facenda na Coruña. En 1890 foi nomeado socio de mérito do Liceo Brigantino da Coruña e o 13 de xuño de 1891, a proposta da Xunta de Ourense á que se adheriron as outras xuntas do país, foi nomeado Fillo Adoptivo de Galicia pola Asociación Rexionalista de Santiago, poñendo de manifesto as súas boas relacións coa ideoloxía rexionalista de signo liberal, herdeira do progresismo provincialista. En 1892 vendeu a súa Librería a Carré Aldao, quen traslada o negocio e as xa coñecidos faladoiros culturais e políticos ao número 30 da rúa Real. Martínez Salazar, lonxe de desvincularse, participou destes encontros a carón das personalidades máis relevantes do rexionalismo galego: Murguía, Pondal, Salvador Golpe, Eladio Rodríguez González, Banet Fontenla, Manuel Lugrís Freire, Oviedo Arce, entre moitos outros.

No ano 1893 foi nomeado Correspondente da Real Academia de la Historia; vogal e despois secretario da Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos da Coruña e Membro de Honra da Académie Artistique et Littéraire de Paris-Provinces. Neste mesmo ano, participou, con moitos dos seus compañeiros da Cova Céltica, na mobilización contra o traslado da Capitanía Xeral desde A Coruña, onde tivera o seu asento desde 1840, a  León. Aínda que finalmente o traslado da Capitanía non foi adiante, por formar parte do multitudinario apoio cidadán contra o poder centralista, Martínez Salazar si foi trasladado temporalmente desde o Arquivo Xeral de Galicia, a Xerona. En 1894 a Sociedad Folk-Lore Gallego acordou transformarse en Academia Gallega, formando parte Martínez Salazar deste proxecto truncado que dá boa conta da necesidade común dun ente que organizase e prestixiase o traballo que en favor da cultura e da lingua galegas estaban levando adiante personalidades coma o noso biografado. En 1897 Martínez Salazar puxo decididamente de manifesto o seu compromiso político con Galicia formando parte da fundación da Liga Gallega: grupo político de ideoloxía rexionalista liberal presidido por Manuel Murguía que defendía o uso público da lingua galega e a autonomía para Galicia. Sen esquecer o seu traballo como editor, finalizou en 1900 a publicación da Crónica Troiana. Códice gallego del siglo XIV de la Biblioteca Nacional de Madrid, con apuntes gramaticais e vocabulario por Manuel R. Rodríguez. A transcrición, estudo comparativo deste códice con outros e a edición foi responsabilidade de Martínez Salazar e constitúe un monumento da lingua galega recoñecido pola filoloxía internacional. En agradecemento, ese mesmo ano a cidade da Coruña réndelle unha magna homenaxe de gratitude pola publicación da Crónica. De par da súa ligazón a Galicia, o seu labor como editor foille recoñecido tamén na súa Astorga natal que o nomeou Fillo Predilecto.

Ao longo destes anos continuou a súa vida cultural participando en diversos xurados de certames literarios e, en 1903, foi escollido Numerario da Real Academia de Bellas Artes da Coruña. No ano 1905, ademais de ser ascendido a Xefe de segundo grado do Corpo de Arquiveiros, participou na fundación da definitiva Academia Galega e ingresou nela como membro numerario fundador o 4 de setembro. Exerceu labores de Tesoureiro do 2 de outubro de 1915 ao 10 de febreiro de 1923 e de Presidente, temporalmente, do 12 de maio de 1923 ao 6 de outubro do mesmo ano.

En 1907 foi nomeado Bibliotecario da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña e, desde ese cargo, deu un enorme pulo á biblioteca, creando a Sección Atenística Científico-Literaria. No ano seguinte, foi nomeado Presidente da Asociación de la Prensa da Coruña durante o período 1908-1910 e Presidente do Comité Provincial de la Sección Arqueológica da Exposición Regional de Galicia. En 1910, 1911 e 1915, publicou, respectivamente, Fragmento de un nuevo códice gallego de Las Partidas; Documentos gallegos de lso siglos XIII al XVI, onde transcribe unha selección de setenta e dous documentos xudiciais e notariais e Documentos gallegos del archivo municipal de La Coruña. As tres publicacións conteñen documentos galegos inéditos e constitúen, como a Crónica Troiana, unha obra fundamental no estudo da historia e a lingua galegas.

No ano 1911, contando 65, xubilouse do Corpo de Arquiveiros e posteriormente foi sendo nomeado Vogal do Tribunal de oposicións á Cátedra de Literatura Galaico-Portuguesa da Universidade Central; Correspondente en Galicia da Real Academia Española de la Lengua; galardoado co Título de Gratitud da Real Academia de la Historia; Presidente da Colonia astorgano-maragata da Coruña; Socio de Honra da Irmandade da Fala da Coruña; Académico Protector Correspondente da Real Academia de Declamación, Música y Buenas Letras; Presidente de Honra do Instituto de Estudios Galegos, da Coruña; membro da Comisión Organizadora en Gailcia do Primer Congreso Gallego-Americano; Vogal Académico da Junta del Patronato del Museo de Bellas Artes, da Coruña; Consiliario 2º de la Real Academia de Bellas Artes, da Coruña e socio de Mérito do Instituto Histórico do Minho, de Viana do Castelo.

O 6 de outubro de 1923 faleceu Andrés Martínez Salazar na súa casa do número 23 da coruñesa rúa Rego de Auga. A condución do cadáver constituíu unha impresionante manifestación de sentimento e dó na que participou o Gobernador Militar e Civil, o Presidente da Deputación Provincial, a Xunta de Goberno da Academia Galega e as das demais corporacións ás que pertenceu. Tamén acudiron directores e redactores de xornais e revistas, académico se outras personalidades xunto cunha multitude de cidadáns coruñeses agradecidos polo traballo que este astorgano de orixe consagrara á súa cidade e ao seu país. Tras dous anos do seu pasamento, o Concello da Coruña acordou dar o nome de Martínez Salazar a unha das rúas da cidade nunha homenaxe por parte da Deputación e do Concello ao propio Salazar e ao seu fraterno compañeiro Marcelo Macías y García, tamén astorgano de nacemento e membro fundador da Real Academia Galega. Xa en 1945, ante a proximidade do centenario do nacemento do noso biografado, a Real Academia Galega anunciou a convocatoria dun concurso de traballos de investigación sobre a vida e a obra de Martínez Salazar. Ademais de promover o estudo da súa figura, tres anos despois, a Academia editou Algunos temas gallegos, unha compilación de 35 traballos do autor sobre asuntos arqueolóxicos, históricos, numismáticos, literarios e lingüísticos prologada polo Presidente naquel momento, Manuel Casás Fernández. En 1973, no cincuentenario do falecemento de Martínez Salazar, a Academia acordou conmemoralo coa edición dun segundo tomo de Algunos temas gallegos que recollese outros traballos do homenaxeado.

Martínez Salazar desenvolveu un labor inxente de catalogación e investigación científica en historia, lingüística, arqueoloxía, paleografía, bibliografía, heráldica, numismática ou epigrafía que o converten nun representante fundamental da historiografía baseada na recollida de escritos. En coherencia co seu pensamento positivista, a demostración empírica dos feitos era para el un traballo primordial, por iso consagrou boa parte do seu tempo a pescudar e dar a coñecer os fondos que permanecían ocultos e esquecidos. Asemade, é de xustiza recoñecer non só o seu amor a esta terra, senón o seu compromiso coa cultura galega traballando como editor e divulgador dalgunhas das obras máis importantes da nosa literatura e participando das organizacións que defenderon as nosas identidade e autoestima. A produción propia do noso biografado conságrase, xa que logo, fundamentalmente, á investigación histórica. Publicou numerosos libros e tamén abondosos artigos no Boletín da Real Academia Galega, entre os que destaca o extenso estudo “Sobre apertura de mámoas á principios del siglo XVII”. Ademais, colaborou noutras publicacións como Eco de Galicia, Follas Novas, Galicia histórica, Galicia diplomática, Galicia: revista regional ou Galicia. No entanto, non debemos esquecer os tres documentos en lingua latina recollidos por Martínez Salazar e publicados nos números 30, 38 e 39 do noso Boletín. A seguir, indicamos a totalidade das súas publicacións exentas:

La Beneficencia en Betanzos en los siglos XVI, XVII y XVIII: memoria de los establecimientos y fundaciones benéficas existentes en aquella antigua ciudad en los expresados siglos. A Coruña: Imp. De José Míguez Peinó, 1888.
Fragmento de un nuevo códice gallego de Las Partidas. A Coruña: Imp. Ferrer, 1910.
Documentos Gallegos de los Siglos XIII al XVI. A Coruña: Imp. de La Casa de Misericordia, 1911.
Documentos gallegos del archivo municipal de La Coruña. A Coruña: Lit. e imp. Roel, 1915.
Antigüallas de Galicia: apuntes acerca del origen e historia del artículo definido gallego-portugués. A Coruña: Imp. Ferrer, 1907.
El Cerco de La Coruña en 1589 y Mayor Fernández Pita: apuntes y documentos.A Coruña: Imp. Ferrer, 1889.
Homenaje a La Coruña: memoria sobre erigir un monumento en esta capital a la heroína Mayor Fernández da Camara Pita. A Coruña: Andrés Martínez, 1891.
El Modio de Puente Punide. A Coruña: Ferrer, 1913
Los nombres de La Coruña. A Coruña: Imp. Ferrer, 1899.
De la Guerra de Independencia en Galicia. Bos Aires: Ediciones Galicia, 1953. Edición póstuma.