Académicos e académicas

Alejandro Barreiro Noya

Alejandro Barreiro Noya

Santiago de Compostela, 1874 - A Coruña, 1948
Data de ingreso
12/03/1936
A proposta de
Eladio Rodríguez González, Francisco Maciñeira, Ramón Cabanillas, Manuel Lugrís e Francisco Estrada Catoira
Título do discurso

Bernardo Barreiro de V.V. y su tiempo

Resposta pronunciada por
Fernando Martínez Morás
Exerce o cargo de
Secretario (15/10/1944 - 22/11/1948)
Secretario (13/12/1942 - 19/06/1944)
Secretario (12/09/1937 - 13/12/1942)

Santiago de Compostela, 1874 – A Coruña, 1948. Escritor e xornalista, desenvolveu a meirande parte da súa carreira en La Voz de Galicia, cabeceira da que chegou a ser director. Estudoso da historia de Galicia, foi tamén un profundo coñecedor da arte galega do seu tempo, que contribuíu a divulgar mediante a súa obra xornalística e de ensaio. Exerceu como secretario da Academia entre 1937 e 1948.

Logo de estudar o bacharelato na Coruña e rematar o Maxisterio en Santiago de Compostela, traballou como funcionario no Ministerio de Obras Públicas. Máis tarde ingresou como tipógrafo no xornal La Voz de Galicia, onde acabaría por desenvolver unha brillante carreira como reporteiro primeiro, e logo como director, cargo que ocupou entre 1914 e 1937. Ese mesmo ano foi destituído pola súa actitude distante co golpe de Estado do 36 e, a partir de entón, pasou a colaborar co xornal mediante pseudónimos como Herculano e Santiago del Burgo. Colaborou tamén con outras cabeceiras como El Imparcial, El Liberal, La Tribuna, ABC, Blanco y Negro, Diario de la Marina de La Habana, Diario Español de Buenos Aires e La Hoja del Lunes da Coruña. Foi un dos fundadores da Asociación da Prensa da Coruña en 1905.

De sensibilidade galeguista e interesado pola arte, o seu libro El arte gallego. Exposición regional de 1917. Bocetos de crítica (1917) ofrece un censo dos novos creadores da arte galega que mereceu a louvanza de Antón Villar Ponte. No mesmo sentido, cómpre salientar Del Arte en Galicia (1925). Académico de número da Real Academia de Belas Artes da Coruña e da de San Telmo de Málaga, foi o primeiro xornalista en informar sobre a exposición de presentación de Pablo Picasso, a que protagonizou en 1895 na Coruña sendo aínda un adolescente.

Interesado na figura de Curros Enríquez, formou parte da comisión organizadora da homenaxe en forma de coroación que se lle rendeu na Coruña o 21 de outubro 1904. Anos máis tarde, en 1912, obtivo un premio nun certame en Pontevedra por unha biografía do autor d’O divino sainete.

Outras das súas obras publicadas foron De Galicia y de los gallegos (1942) Obras completas de Pérez Lugín (1945), Semblanza moderna de un pueblo secular, premiada nos xogos florais de Betanzos en 1946, Marineda. Monografía de la reunión de artesanos de La Coruña (1947), La ruta de La Casa de la Troya. Impresiones y recuerdos (1948).

O seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, lido o 12 de marzo de 1936 e titulado Bernardo Barreiro de V.V. y su tiempo, foi respondido por Fernando Martínez Morás.