Ano Castelao

Ingreso de Castelao na Real Academia Galega

Os días 24 e 25 de xullo de 1934, a Academia Galega recibía como membros de número a dous senlleiros representantes dunha xeración que viña realizando unha achega decisiva na modernización da lingua e da cultura galegas: Antón Vilar Ponte e Afonso Daniel Rodríguez Castelao.

1/12

Con estes ingresos, a Academia, presidida por Manuel Lugrís Freire, tendía a man a aquel brillante grupo renovador da cultura galega que hoxe coñecemos como Xeración Nós. Outros dous prominentes membros desta, Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo, eran membros de número da RAG desde 1929.

O acto de ingreso de Antón Vilar Ponte celebrouse o 24 de xullo. O seu discurso sobre O sentimento liberal na Galiza foi respondido por Ramón Otero Pedrayo. No propio Día de Galicia tivo lugar o ingreso de Castelao, quen disertou sobre As cruces de pedra na Galiza. A resposta correu a cargo do flamante académico Antón Vilar Ponte. Na súa disertación, Castelao ofreceu un adianto da que sería a magna obra do mesmo título que viría a lume en 1950 en Buenos Aires. Foi publicada pola RAG en 1964, cando a Academia lle dedicou o Día das Letras Galegas, que se celebraba por segunda vez.

Ambos os textos poden ser consultados en soporte dixital no portal web da RAG. Na publicación que preparamos na conmemoración do oitenta aniversario do fito ofrécese unha colleita de noticias referentes a eses ingresos aparecidas en distintas publicacións da época, tanto da Galicia metropolitana (El Pueblo Gallego e La Voz de Galicia) coma da emigración (Madrid, La Habana, Montevideo). Destaca a cobertura do xornal vigués El Pueblo Gallego, que publicou un suplemento co gallo do Día de Galicia en que se ofrece unha ampla reportaxe sobre a Academia. Nesa reportaxe ponse de vulto a esperanza que suscitaba o ingreso dos dous brillantes intelectuais galeguistas cara á renovación da corporación que os acollía. Unha esperanza tronzada polo alzamento fascista, pero que nunca esmoreceu.

Henrique Monteagudo
Presidente da RAG

Materiais anexos