
Tras a morte de Castelao en 1950, Otero Pedrayo pasou a ser considerado o patriarca da cultura galega ata o seu propio falecemento en 1976. En 1988 a Academia dedicoulle o Día das Letras Galegas. Este 2026 en que se fan os 50 anos do seu falecemento foi declarado Ano Oteriano por unanimidade no Parlamento de Galicia, unha excelente ocasión para volver á figura e á obra do de Trasalba, gran narrador mais tamén figura imprescindible do ensaísmo galego e extraordinario orador.
O 9 do mes de Nadal de 1929 Otero Pedrayo ofreceu na súa recepción como académico numerario un evocador discurso inzado de referencias a escritores románticos europeos, dende madame de Staël e Stendhal a Victor Hugo e Chateaubriand. Convoca tamén nestas liñas pensadores de distintas épocas como Rousseau, “a fonte do Romantismo”, ou Pascal, a quen conecta coa propia fundadora das letras galegas contemporáneas. “Rosalía puidera dicir como Pascal: o corazón ten as súas razóns que son descoñecidas pra Razón”, sostén.
Na súa lírica e por veces case filosófica ollada á obra rosaliana, Otero Pedrayo detense no sentido da paisaxe na escritora. “Sempre na paisaxe interior de Rosalía decorre o río da dor como na paisaxe amada foxen as ondas do Sar. Ela sufriu e soñou a carón das augas. Sente a paisaxe galega dun xeito espiritual, e ao mesmo tempo xusto. Non un fondo indiferente sobre o cal se debuxan as curvas atormentadas da vida. Non se pode demarcar onde remata a ialma e comenza o mundo. Todo il poboado de presenzas espirituais xorde, ou chea pola paixón do poeta ou absorbida a ialma creadora na súa beleza, no seu desespero, na súa melancolía. Ela expresou iste modo esencial da Galiza que os estraños e os desleigados esquecen. Somentes consideran un amolecemento da paisaxe polo doce relevo, a fondura da vexetación que non deixa apenas mostrar ao penedo a cor mineral da súa entraña”, expresa.
Vicente Risco, outro referente da Xeración Nós, foi o encargado de lle dar resposta en nome da RAG á alocución de Otero Pedrayo. Con el a Academia continuaba un proceso de renovación no que lles foi abrindo ás portas aos principais membros das Irmandades da Fala, e que culminaría co ingreso de Castelao e de Antón Vilar Ponte en 1934.
A entrada de Otero Pedrayo na RAG foi accidentada. Tivo que pospoñerse uns días, ata o 9 de decembro de 1929, por mor do accidente de tráfico que o autor sufriu coa súa dona, Josefina Bustamente, a mesma mañá do día inicialmente previsto para o acto de recepción, tal e como recollía A Nosa Terra na crónica do acto. O discurso do novo académico, titulado Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal, saíu xunto coa resposta de Risco da imprenta da Editorial Nós en 1931 no volume que pode consultarse en copia dixital na sección de publicacións.


