-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Ingresos
Dous meses despois de comezar a presidencia de Domingo García -Sabell efectuábase o ingreso de Eduardo Moreiras, quen era correspondente dende 1961. A Academia valorou a calidade da súa obra poética e o seu rol de representante da súa xeración poética. En Poesía: coñecimento da Realidade, o seu discurso de ingreso postula a poesía como vía intuitiva e espiritual de acceso ao coñecimento da Realidade absoluta. Del Riego foi o encargado de darlle resposta nun acto que se celebrou na sala de conferencias da Caixa de Aforros da Coruña.
Eduardo Moreiras na lectura do seu discurso de ingreso (1978). Real Academia Galega. Arquivo
Un mes máis tarde, o 11 de febreiro de 1978, e no mesmo emprazamento ingresaría Valentín Paz Andrade, catorce anos despois de ser escollido para ocupar a vacante de Francisco Vázquez Saco.
Ingreso de Valentín Paz Andrade. Detrás, na mesa presidencial, Marino Dónega, Domingo García-Sabell. Na terceira mesa, Francisco Vales Villamarín, que deu reposta ao discurso de ingreso en nome dun Alvaro Cunqueiro convalecente. Detrás da mesa presidencial están os académicos asistentes ao acto sentados en cadeiras: de esquerda a dereita, Eduardo Moreiras, Ramón Martínez López, Ricardo Carvalho Calero, Uxío Torre Enciso, Enrique Chao Espina, Isidoro Millán González-Pardo, Isidro Parga Pondal, Ánxel Fole, Xosé Filgueira Valverde, Ramón Piñeiro, Manuel Chamoso Lamas, Antonio Meijide Pardo, Enrique Vidal Abascal, Rafael Dieste, José Luís Bugallal e Francisco Fernández del Riego.
Valentín Paz Andrade foi homenaxeado co Día das letras Galegas do ano 2012.
Fotografía de Xosé Castro
O plenario extraordinario de recepción de Jenaro Marinhas del Valle desenvolveuse a finais de febreiro do mesmo ano. Na súa elección destacouse o recoñecemento oficial dunha dramaturxia galega con problemática moderna.
Marinhas del Valle presentou a súa renuncia á condición de numerario pouco despois do pasamento de Carvalho Calero, nas súas propias palabras, o fio que á Academia o prendía, debido ao desacordo co devir da institución.
Ingreso de Jenaro Marinhas (1978). Real Academia Galega. Arquivo
Na primavera de 1978, Carlos Casares Mouriño ingresou na RAG. A súa chegada representou un cambio xeracional no seo da Academia; foi o primeiro académico numerario nacido tras a Guerra Civil. O solemne acto académico celebrouse o 27 de maio de 1978 no Instituto Feminino de Ourense, o actual IES Ramón Otero Pedrayo. Na súa conferencia o escritor ourensán tratou a pegada do desastre de 1898 na obra de autores galegos. A resposta correu a cargo de Francisco Fernández del Riego.
Conferencia de Carlos Casares no Concello da Coruña no ano 1979.
Constantino García González, (Oviedo, 1927 - Santiago de Compostela, 2008) converteuse en académico de numero o 12 de marzo de 1982. Previamente a súa carreira investigadora como lingüista foi recoñecida internacionalmente e o seu traballo en prol da lingua galega convérteo nun impulsor fundamental do proceso de normalización do galego que coñecemos hoxe. Non en balde participou na fundación, no ano 1971, do Instituto da Lingua Galega, institución pioneira que trazou o camiño seguido máis tarde polos distintos sectores da cultura arredor do estudo da normalización e dignificación da nosa lingua. Na súa conferencia falou da relación entre as linguas e as comunidades humanas, desde os procesos de cambio lingüístico ao longo da historia ata os procesos de estandarización. Recibiu resposta de Ricardo Carvalho Calero.
Olga Gallego Domínguez naceu en Ourense o 1 de decembro de 1923, e faleceu na mesma cidade o 4 de setembro de 2010. Foi historiadora, arquiveira e escritora, e a primeira muller en ler un discurso de ingreso como membro de número da Real Academia Galega.
En novembro de 1986 ingresaba co estudo As barcas e as barcaxes da provincia de Ourense no Antigo Réxime, ao que respondeu Antonio Gil Merino.
O arquivo da CRTVG ofrece imaxes do acto.
"Manifiestos" en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da posguerra na Galicia da Terra e na Galicia emigrante (1939-1962) foi o discurso lido o día 30 de outubro de 1993 no acto da súa recepción como académico numerario por Xesús Alonso Montero; a contestación correspondeu a Xosé Filgueira Valverde.
O acto académico celebrouse no paraninfo do Instituto Otero Pedrayo de Ourense. Na súa alocución o profesor Alonso Montero analizou as composicións metaliterarias que defendían a necesidade dunha poesía civil galega a mediados do século XX, dende o remate da guerra civil española ata a publicación do volume Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro.
Anos máis tarde Alonso Montero chegaría a presidir a Academia entre os anos 2013 e 2017.
O arquivo da CRTVG ofrece imaxes do acto.
Considerada unha das “voces esenciais” da poesía galega da segunda metade do século XX Luz Pozo Garza formou parte da Real Academia Galega como membro correspondente desde 1950. O 29 de novembro de 1996 deu lectura ao discurso titulado Diálogos con Rosalía. Da resposta estivo a cargo Xesús Alonso Montero.
O acto celebrouse salón de Actos da Real Academia Galega, no seu discurso, a autora de Ribadeo alternou textos en homenaxe a Rosalía de Castro con composicións poéticas, tanto propias como da propia Rosalía.
Outro futuro presidente da institución tamén entrou a formar parte da Real Academia Galega nesta etapa: Xosé Ramón Barreiro Fernández fixo o seu ingreso como numerario o 14 de febreiro de 1997 no Salón de Actos da Real Academia Galega. O discurso de ingreso do profesor Barreiro, especializado na historia galega do século XIX, versou sobre o desenvolvemento da segunda etapa do movemento liberal na cidade da Coruña, entre 1823 e 1846, a resposta foi dada por Xesús Alonso Montero.
A etapa de Domingo García Sabell como presidente á fronte da Real Academia Galega durou 19 anos e 8 meses, a máis longa da historia da institución. Neste período ingresaron dezasete académicos de número. Ademais dos recollidos xa nesta galería, a Real Academia nutriuse tamén cos ingreso do profesor e historiador da Galicia antiga e medieval Casimiro Torres Rodríguez (4/III/1979); do galeguista Xulio Francisco Ogando Vázquez (14/IV/1980); do bispo e impulsor da liturxia en galego Miguel Anxo Araúxo Iglesias (20/V/1980); do teólogo e profesor Andrés Torres Queiruga (20/VI/1980); do xeógrafo Francisco Xavier Río Barxa; dos lingüistas Manuel González González e Xesús Ferro Ruibal (4/V/1996); e do poeta Salvador García Bodaño (25/11/1992).
Desta etapa son as eleccións de seis académicos de honra: o escritor Camilo José Cela e o filólogo e lingüista alemán Joseph M. Piel, ambos en xullo de 1979; a intelectual galeguista Maruxa Seoane en 1980, o escritor Gonzalo Torrente Ballester en 1981, o filólogo e editor da obra de Sarmiento Xosé Luís Pensado Tomé en 1987, e o poeta Antonio Tovar en 1997.
Neste período ingresan tamén 22 académicos correspondentes, entre os que destacamos Agustín Sixto Seco (29/VII/1979), traumatólogo e promotor de entidades coma a editorial Galaxia, a Fundación Penzól, o Museo do Pobo Galego, a Casa Museo Rosalía de Castro ou a Fundación Otero Pedrayo e os poetas Ramiro Fonte (17/V/1995) e Florencio Delgado Gurriarán (19/VII/1981).


