Académicos e académicas

Olga Gallego Domínguez

Olga Gallego Domínguez

Ourense, 08/12/1923 - 04/09/2010

Ourense, 1923-2010. Arquiveira e historiadora, dirixiu, entre outras, as catalogacións do arquivo da Fundación Penzol, do Instituto de Bacharelato Santa Irene de Vigo, do Arquivo Diocesano de Ourense ou do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e foi unha destaca estudosa da arquivística galega e da historia cidade e da provincia de Ourense. Foi presidenta da sección galega da Federación Española de Asociacións de Arquiveiros, Bibliotecarios, Arqueólogos, Museólogos e Documentalistas (ANABAD) e a primeira muller en ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega.

1/5

Logo de realizar a carreira de Filosofía e Letras, Sección de Historia, na Universidade de Santiago de Compostela, ingresou por oposición en 1955 no corpo de auxiliares de arquivos, bibliotecas e museos, cun primeiro destino na biblioteca provincial de Ourense e, tres anos máis tarde ascendeu, tamén por oposición, no corpo facultativo de arquiveiros, bibliotecarios e arqueólogos. Esta era, naquela altura, unha das poucas profesións que lle permitía a unha muller acadar a independencia económica e o acceso ás fontes primarias de coñecemento e investigación.

En Vigo dirixiu, desde 1958, a biblioteca pública e o arquivo da Delegación de Facenda, e levou a cabo un importante labor alén das súas responsabilidades laborais directas, ordenando e catalogando os arquivos da Fundación Penzol -sobre o que realizaría numerosos estudos ao longo da súa carreira como investigadora-, da biblioteca da Escola de Comercio, do Instituto de Ensino Medio Santa Irene e da Caixa de Aforros de Vigo. Tamén colaborou nesta xeira na catalogación da biblioteca do mosteiro de Guadalupe, en Cáceres, e do Arquivo Diocesano de Ourense.

De volta na súa cidade natal, dirixiu entre 1969 e 1989 o Arquivo da Delegación de Facenda de Ourense e o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, o arquivo público con máis fondos de orixe privada de Galicia. Neste posto sucedeu o seu fundador, o académico Xesús Ferro Couselo, con quen mantivo unha estreita colaboración intelectual ao longo de toda a súa carreira.

A súa vinculación coa ciencia arquivística abrangue, ademais da xestión dalgúns dos arquivos e bibliotecas máis importantes de Galicia, a investigación e a docencia neste ámbito, impartida no Arquivo do Reino de Galicia entre 1988-1990, e desenvolvida a través da ANABAD, que presidiu na súa sección galega, ANABAD-Galicia, entre 1994 e 1995. 

Publicou, ademais, abundantes artigos sobre arquivística xeral e arquivos galegos en particular, con especial atención ao da Fundación Penzol e ao Provincial de Ourense. Tamén salientan os seus traballos de preparación das fontes indirectas para a historia da banca en Galicia, adoito en colaboración con Pedro López, con quen realizou así mesmo unha achega de referencia sobre o catastro do marqués da Ensenada nas provincias de Ourense e Pontevedra.
No ámbito dos estudos históricos, incorporouse desde o seu regreso a Ourense, da man de Xesús Ferro Couselo, ao Grupo Marcelo Macías de colaboradores do Museo Provincial. Olga Gallego sería primeiro secretaria (1971-1975) e posteriormente presidenta (1990-2010) deste colectivo relacionado desde os seus inicios co Arquivo Histórico Provincial. Dirixiu así mesmo o Boletín Avriense, medio de expresión do grupo, no que participou activamente con artigos relacionados con materias da especialidade desta revista: a historia local de Ourense e a súa provincia, nas que chegou a ser unha autoridade. 

Nos seus traballos de temática histórica, Olga Gallego estuda os arquivos galegos, como o xa referido da Fundación Penzol; as grandes institucións relixiosas ourensás -como os mosteiros de Celanova, Oseira ou Santa Clara de Allariz- e as miúdas, como as ermidas. As ordes militares e o seu patrimonio; a propiedade do monte; a evolución da demografía ourensá ao longo da historia; o concello de Ribadavia, os seus fondos documentais e familias nobiliarias e a historia da ciencia e a farmacoloxía ourensá son outros dos temas tratados na súa extensa produción historiográfica.

Especial atención merecéronlle cuestións referidas á arquitectura histórica ourensá, tanto a civil, coma a relixiosa e mesmo a militar. No primeiro caso, salientan as súas contribucións sobre as infraestruturas viarias e portuarias, os camiños, pontes e portos, así como as embarcacións, barcas e barcazas que servían para atravesar os ríos máis caudalosos, o Miño e o Sil. Tamén investigou a evolución urbana de Ourense desde o Antigo Réxime, as súas torres, portas e muralla, as tabernas, feiras e alfándegas. Na arquitectura relixiosa, prestoulle atención á catedral, así como ás abondosas mostras de arte sacra espalladas por toda a provincia e os seus autores. No caso da arquitectura militar, destaca a súa investigación sobre a historia do castelo-fortaleza de Monterrei. 

Outro dos seus eidos de estudo predilectos foi o das familias senlleiras ourensás, o patrimonio e recursos económicos das súas principais liñaxes nobiliarias e a relación establecida entre elas ao longo do tempo. Investigou a xenealoxía dos Nóboa, dos condes de Ribadavia, dos Troncoso, dos Oca e dos Losada entre outros. Tamén esculcou na pegada dos xudeus na cidade das Burgas. 

Olga Gallego formou parte do padroado da Fundación Penzol e da Fundación Ramón Otero Pedrayo; foi membro correspondente da Real Academia da Historia desde 1980 e pertenceu á Real Academia Galega como membro de número desde novembro de 1986, data en que deu lectura ao discurso As barcas e as barcaxes da provincia de Ourense no Antigo Réxime. Contestoulle en nome da institución Antonio Gil Merino.

Ao longo da súa carreira recibiu numerosos premios e recoñecementos polo seu labor como arquiveira e investigadora, como o Lazo da Orde de Afonso X (1969), o premio Trasalba (2008), a Medalla de Prata de Galicia da Xunta de Galicia (2000) e a Medalla Castelao (2006) polas súas achegas ao desenvolvemento da documentación e a arquivística en Galicia.