Académicos e académicas

Casimiro Torres Rodríguez

Casimiro Torres Rodríguez

Santa Cruz de los Cuérragos, Zamora, 1900 - Santiago de Compostela, 1989
Data de ingreso
04/03/1979
A proposta de
Antonio Meijide Pardo, Manuel Chamoso Lamas e Antonio Gil Merino
Resposta pronunciada por
Xosé Filgueira Valverde

Profesor, historiador especializado na Historia Antiga e gran coñecedor das linguas clásicas, verteu ao castelán a obra do relixioso galaico-romano Paulo Orosio.

Casimiro Torres Rodríguez estudou a carreira eclesiástica no seminario de Astorga e, xa ordenado sacerdote, licenciouse en Dereito Canónico pola Universidade Pontificia de Santiago de Compostela. Tamén na cidade episcopal, cursou a carreira de Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse en 1944 pola Universidade Complutense cunha tese sobre Magno Clemente Máximo dirixida por Santiago Montero Díaz.

Exerceu a docencia na Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 1939, cando foi nomeado profesor adxunto interino, deica a súa xubilación en 1970. En 1944 ingresou no corpo facultativo de Arquivos de Bibliotecas e pasou a dirixir a Biblioteca Xeral Universitaria de Santiago. Tamén organizou e dirixiu durante vinte e cinco anos a biblioteca do Seminario Maior compostelán.

As súas áreas de estudo abranguen os séculos IV-VI en Galicia e a Historia Antiga. Gran coñecedor das linguas clásicas e da paleografía, realizou numerosas investigacións sobre o período tardorromano e suevo en Galicia, campos nos que foi considerado o maior especialista no seu tempo.

En La Galicia romana (1982), Torres narra o proceso de romanización de Galicia a empezar pola súa conquista nas batallas do Douro e o Monte Medulio. Logo analiza a división administrativa da nova provincia e a importancia da poboación dos castros, que identifica cos celtas. Tamén estuda a cristianización da antiga Gallaecia, o culto xacobeo e as figuras de Exeria, Orosio e Prisciliano, de quen traza unha extensa nota biográfica.

En La Galicia sueva (1982) describe a historia do reino Suevo de Galicia desde a súa orixe na antiga Xermania, ao norte do limes romano. No 406 os suevos atravesan o Rin cara ao sur fuxindo dos hunos e chegan a Galicia tres anos máis tarde, onde se establecen e fundan un reino que Torres estuda a partir da cronoloxía dos seus reis, a empezar por Hermerico. O académico explica o conflito teolóxico entre os seguidores de Prisciliano e a doutrina oficial católica, a conversión dos suevos ao cristianismo no reinado de Reciario, a posterior ao arrianismo e a reintegración na catolicismo grazas ao apostolado de Martiño Dumio durante o reinado de Teodomiro. Torres estuda, así mesmo, valéndose das fontes da historiografía clásica latina como Hidacio, a figura do bispo de Chaves ou de San Isidoro de Sevilla, a evolución e decadencia do reino suevo e a súa organización administrativa.

Paulo Orosio: su vida y sus obras (1985) describe o percorrido vital e intelectual deste relixioso e historiador galaico-romano da Antigüidade serodia e traduce os seus principais textos do latín ao castelán. Viaxeiro conspicuo, discípulo directo de Santo Agostiño e testemuña, en primeira persoa, da chegada dos suevos á Gallaecia romana, Paulo Orosio foi un perseguidor teimudo do priscilianismo, que el viu agromar na súa terra natal, e do pelaxianismo. Logo deste estudo biográfico e histórico, Torres traduce do latín ao castelán os libros coñecidos de autor: a súa historia contra os pagáns, Pauli Orosii Historiarum adversum paganos liber primos, e o seu Commonitorio, ou Consulta de Orosio a Santo Agostiño sobre o erro dos priscilianistas e orixenistas.

Do seu labor como tradutor e latinista de Casimiro Torres cómpre salientar, así mesmo, a súa edición do Liber Sancti Iacobi, máis coñecido como o Códice Calixtino (1951), realizada da man dos profesores Abelardo Moralejo e Julio Feo García. O historiador pescudou tamén, en diversos artigos e traballos, na vida e na obra de Prisciliano, dos reis suevos Miro e Requiario, da emperatriz Gala Placidia, de Fernando III O Santo ou da monxa Exeria. Entre outros temas, estudou ademais o Cronicón do historiador limiao do século V Hidacio, a Arca Marmórea, a posible situación do Monte Medulio, a festa dos Maios, a cronoloxía das cidades da Coruña e Ferrol e o culto ao emperador en Galicia.

Casimiro Torres Rodríguez ingresou como membro numerario da Real Academia Galega o 4 de marzo de 1979 a proposta de Antonio Meijide Pardo, Manuel Chamoso Lamas e Antonio Gil Merino. O seu discurso de ingreso, O malfadado don García, rei de Galicia, respondido por Xosé Filgueira Valverde, achega un estudo biográfico deste rei galego educado polo bispo de Santiago de Compostela Cresconio, que é retratado como de carácter débil e sometido á vontade do seu valido, Vérnula. O académico narra as tensións entre o novo rei galego cos seus súbditos do sur, da antiga provincia bracarense romana, e o desposuimento do seu reino a mans dos seus irmáns maiores, Sancho II e Afonso VI, reis de Castela e León respectivamente, co seu desterro final no castelo de Luna, en León.