Fotogalería Personalidades
De acordo cos Estatutos da Academia, as persoas que residían fóra de Galicia non podían ser membros numerarios, aínda que si podían ser académicos de honra ou correspondentes. O regulamento estipulaba que os primeiros debían ser persoas que prestaran “valiosos servicios” a Galicia ou que contribuíran ao estudo da súa historia, arte, ciencias e literatura. Os segundos servían de intermediarios entre a institución e os países onde residían.
Os Estatutos recollían tamén o título de correspondente estranxeiro, que se podía conferir a estudosos distinguidos ou a quen dera a coñecer nos seus países a historia e a literatura galegas. Seguindo este criterio e co obxectivo de reforzar a súa autoridade institucional, a Academia dende un principio procurou asociar a ela os nomes de recoñecidos investigadores de España e Portugal, Europa e América.
Categorías de académicos contempladas nos primeiros Estatutos. Estatutos, reglamento interior, reglamento de la Sociedad Gallega de Excursiones (1912). Real Academia Galega
Foron numerosas as personalidades españolas ás que se lles outorgou o título de académico correspondente ou de honra. Nalgúns casos eses nomeamentos estiveron motivados polo recoñecemento de xestións realizadas en beneficio da Academia ou ben pola necesidade de contar con valedores influentes fóra de Galicia. Noutros casos os nomeados foron personalidades de prestixio en ámbitos da investigación lingüística, literaria ou histórica. Neste grupo encontramos a Ramón Menéndez Pidal, estudoso da orixe do castelán e das literaturas hispánicas medievais; o filólogo Dámaso Alonso, quen traballou sobre o galego oriental; Vicente García de Diego, autor da primeira gramática histórica da nosa lingua; e o folclorista Francisco Rodríguez Marín, compilador de refráns e de cantos populares.
Visita de Ramón Menéndez Pidal á Academia (23/III/1947). Real Academia Galega. Arquivo
Dende un principio a Academia contou cun nutrido número de académicos correspondentes portugueses, algúns dos cales destacaron polas súas investigacións acerca da lingua e da literatura comúns a Galicia e a Portugal nos tempos medievais. Entre os primeiros correspondentes lusos salientan Teófilo Braga, autor de numerosas obras sobre a historia da literatura portuguesa; o etnólogo e lingüista José Leite de Vasconcelos, quen dedicou algúns traballos ao noso idioma; e José Joaquim Nunes, coñecido polas súas edicións de textos medievais galego-portugueses. Posteriormente outro importante lingüista luso, Manuel Rodrigues Lapa, sería nomeado correspondente e máis tarde académico de honra. Na Biblioteca da Academia podemos encontrar varias obras deses autores doadas por eles mesmos.
Retratos de Teófilo Braga e de José Leite de Vasconcelos. Real Academia Galega. Arquivo
O desexo de contar con figuras de prestixio fixo que a Academia incorporase varias personalidades doutros países europeos. Durante os primeiros anos da institución foron nomeados correspondentes a grande investigadora alemá da literatura medieval galego-portuguesa e editora do Cancioneiro da Ajuda, Carolina Michaëlis de Vasconcelos; o lingüista francés Henri Bourgueois, estudoso do yiddish e do idioma romaní; Jules Cornu, romanista suízo autor dunha gramática da lingua portuguesa que tamén incluía unha sección dedicada ao galego —sección traducida do alemán e publicada no Boletín—; o inglés Edward Spencer Dodgson, especialista no éuscaro e interesado nas linguas celtas, e a quen se lle debe a doazón á nosa Biblioteca dunha gramática do idioma irlandés; e o sueco Göran Björkman, coñecedor das linguas románicas e tradutor de poemas de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Uxío Carré.
Retratos de Carolina Michaëlis de Vasconcelos, Edward Spencer Dodgson e Göran Björkman. Real Academia Galega. Arquivo
O continente americano proporcionoulle á Academia un gran número de correspondentes, case todos pertencentes ás comunidades galegas da emigración, aínda que tamén podemos encontrar algún autor de orixe non galega elixido polos seus traballos eruditos. Ese foi caso do suízo Henry Roseman Lang, profesor de linguas románicas na Universidade de Yale e responsable das edicións do Cancioneiro de Baena e das poesías da escola lírica galego-castelá. Tamén foi nomeado correspondente o hispanista Hugo Albert Rennert, profesor na Universidade de Pensilvania e autor do estudo Macías O Namorado. A Galician trobador publicado en 1900, unha obra que José Carré Alvarellos traduciu para o castelán en 1904.
Portadas dos libros de Henry Roseman Lang e de Hugo Albert Rennert. Real Academia Galega. Biblioteca
En anos máis recentes continuou medrando o número de académicos correspondentes orixinarios de varios países europeos que se interesaron polo estudo da lingua e da literatura galegas: David Mackenzie, lingüista inglés e fundador dos Centros de Estudos Galegos nas universidades de Birmingham e de Cork; o filólogo luso Ivo Castro, estudoso da historia da lingua portuguesa e impulsor dunha Cátedra de Estudos Galegos na Universidade de Lisboa; os lingüistas e romanistas alemáns Johannes Kabatek e Dieter Kremer, este último fundador do Centro de Documentación de Galicia na Universidade de Tréveris; Helena Zernova, tradutora ao ruso de textos literarios galegos e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petesburgo; a hispanista inglesa Kirsty Hooper, tradutora ao inglés de Cousas de Castelao; e o investigador inglés e tradutor Craig Patterson, estudoso da figura de Ramón Otero Pedrayo e autor da versión inglesa do Sempre en Galiza.
Ao longo das últimas décadas tivo lugar o nomeamento da varios académicos de honra de orixe foránea en recoñecemento ás súas contribucións no eido dos estudos galegos: o filólogo alemán Joseph-Maria Piel, investigador da onomástica galega e portuguesa; de Italia, Giuseppe Tavani e Giulia Lanciani, grandes especialistas na literatura medieval galego-portuguesa; o primeiro director do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford, John Rutherford, hispanista e tradutor; Carlos Alberto Zubillaga Barrera e María Rosa Loxo Calatrava, estudosos da pegada galega no Uruguai e na Argentina: a hispanista norteamericana Kathleen Nora March, directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Maine e tradutora ao inglés de numerosas obras da literatura galega; e o filólogo nipón Takekazu Asaka, tradutor de textos literarios galegos e tamén autor dunha gramática galega en xaponés e dun vocabulario galego-xaponés.


