Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Basilio Losada Castro
Láncara, Lugo


Emigrante en Cataluña dende moi novo, representa a vontade e o esforzo de facerse a si mesmo, intelectual e academicamente. Logo de diversos oficios, vencellados dende moi cedo ao mundo editorial, axiña pasou a exercer o ensino universitario, onde se converteu sobre todo nos anos 60 e 70 en referencia obrigada da cultura galega en Cataluña.

A súa obra ten dúas dimensións básicas: a literaria, como estudoso, antoloxista, tradutor e difusor da literatura galega e da literatura portuguesa e brasileira; e a de profesor, activista, animador cultural, tanto dentro como fóra das aulas, con especial atención á comunidade galega.

Na primeira dimensión salientan os seus traballos de Antoloxía e Escolma de poesía galega (1971, 1972, 1990) publicados en edicións bilingües en editoras de fóra de Galicia, traballos que no seu momento e aínda agora constitúen valiosas referencias da nosa actividade poética e serviron de eficaces plataformas de difusión exterior para a nosa literatura. Na mesma liña debemos considerar as súas traducións, de clásicos e contemporáneos, polas que recibiu importantes recoñecementos, entre outros o Premio Nacional de Tradución en 1991, por Memorial do convento de Jose Saramago.

Como tradutor á inversa, neste caso do catalán para o galego, salientan Un poema en dez anacos de Jordi Doménech (1974) e Llibre d'Amiga de Ramón Dach (1998).

Outrosí, nesta mesma liña, cómpre salientar traballos de investigación e ensaios de carácter literario, ademais dun importante labor de difusión a través dos medios de comunicación de masas (prensa e radio) e libros colectivos.

Mais a segunda dimensión non é menos importante. Durante os anos 60, 70 e 80 Basilio Losada actuou en moitos aspectos como auténtico embaixador da cultura galega en Cataluña e, por extensión, en gran parte de España e Latinoamérica, na medida en que as empresas editoriais que asesoraba ou nas que publicaba os seus traballos tiñan e teñen ampla difusión internacional.

Dende a cátedra na Universidade Central de Barcelona a súa actividade a prol das nosas letras foi incansable e mereceu a consideración tanto dos seus alumnos como das autoridades dos ámbitos catalán e lusófono. A Generalitat de Cataluña honrouno coa Creu de Sant Jordi, unha das máximas distincións daquel país, e tamén recibiu a Orde do Cruceiro do Sul en Brasil e a Comenda da Orde do Infante don Henrique do goberno portugués. En Galicia, a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e, máis recentemente en 2012, o Premio Otero Pedrayo, que promoven as Deputacións provinciais.

Nesta ligazón pode descargar o discurso de ingreso na RAG de Basilio Losada Castro e a resposta de Xesús Alonso Montero.


Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar