Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Uxío Carré Aldao
A Coruña, 05/11/1859


04/09/1905


Académico fundador


Chus Pato (23/09/2017 - )
Xosé Fernández Ferreiro (09/03/2013 - 16/12/2015)
Francisco Fernández del Riego (03/11/1960 - 26/11/2010)
Florentino López Cuevillas (27/07/1941 - 30/07/1958)
Uxío Carré Aldao (04/09/1905 - 18/12/1932)


Secretario (20/11/1909 - 02/08/1919)
Secretario (04/09/1905 - 20/11/1906)


Xosé Henrique Monteagudo Romero (20/04/2013 - Actualidade)
Xosé Luís Axeitos Agrelo (23/01/2010 - 13/03/2013)
Manuel González González (17/12/2005 - 16/12/2009)
Manuel González González (20/12/2001 - 16/11/2005)
Constantino García González (29/11/1997 - 29/11/2001)
Marino Dónega Rozas (20/03/1983 - 29/11/1997)
Francisco Vales Villamarín (17/04/1949 - 25/08/1982)
Ramón de Artaza y Malvárez (19/06/1944 - 15/10/1944)
Fernando Martínez Morás (18/01/1927 - 11/09/1937)
Eladio Rodríguez González (27/01/1920 - 20/11/1926)
Uxío Carré Aldao (20/11/1909 - 02/08/1919)
Salvador Golpe Varela (01/12/1906 - 23/06/1909)
Uxío Carré Aldao (04/09/1905 - 20/11/1906)

Naceu na Coruña o 5 de novembro de 1859 e finou na mesma cidade o 18 de decembro de 1932. Desenvolveu labores de escritor, editor, libreiro e historiador da literatura e do xornalismo. Asemade, foi membro fundador da Real Academia Galega e o seu primeiro Secretario.

Carré Aldao comezou a súa traxectoria no ámbito comercial, sendo membro do sindicato do gremio do comercio e da Cámara de Comercio, Industria e Navegación da Coruña. Sen deixar a actividade mercantil, pero orientándoa cara o sector cultural, adquiriu, en 1891, a Librería, propiedade de Andrés Martínez Salazar, e, un ano despois, a imprenta e litografía de Domingo Puga.

En 1891, iniciou o seu labor de impresor, publicando o tomo IV da Historia de Galicia de Murguía. Entre 1895 e 1897 publicou un Boletín Bibliográfico da propia libraría, que non só daba conta das obras que se publicaban en Galicia ou fóra, senón tamén de novidades editoriais. A partir dese Boletín, elaborou o posterior Catálogo de obras escritas en gallego, unha sorte de primeira bibliografía galega. Ao mesmo tempo, deu ao prelo numerosos títulos de autores galegos, coma a Revista Gallega, semanario bilingüe sobre literatura dirixido polo dramaturgo e xornalista Galo Salinas. Paralelamente ás funcións de editor, Carré Aldao desenvolveu un intenso labor literario e xornalístico nos medios informativos El Diario de Aviesos, La Mañana, Las Noticias, El Mercantil e La Voz de Galicia, da Coruña; La Idea Moderna, de Lugo; El Noticiero e El Independiente, de Vigo, entre outros.

A libraría, chamada por Carré Librería Regional en homenaxe á ideoloxía rexionalista, trasladouse para o local no que se encontraba a imprenta de Domingo Puga, no número 30 da rúa Real, e alí continuou o labor iniciado na vella Librería de Martínez Salazar, situada no Rego de Auga. Continuou sendo un punto de encontro das personalidades máis representativas da cultura galega daquel momento e o faladoiro que se convocaba alí non só exerceu unha notable influencia no fortalecemento da ideoloxía rexionalista –e do seu avance cara ao nacionalismo-, senón tamén na conformación dunha cultura galega sólida e plural, dados os distintos puntos de vista que se congregaban. Este faladoiro histórico coñeceuse popularmente coma Cova Céltica, un alcume sobre o que o académico numerario D. Julio Rodríguez Yordi explicou (vid.: Redacción (1959). “Noticias. Homenaje a la memoria de Eugenio Carré Aldao en el centenario de su nacimiento”, en Boletín da Real Academia Galega, nº 333-338, pp.: 146-152) que comezara sendo unha designación pexorativa dos contrarios ao galeguismo que, non conseguindo ofender aos integrantes do grupo, provocou que estes o fixeran seu, traducíndoo ao galego e sentíndose orgullosos de facer parte da Cova Céltica e de ser, xa que logo, coveiros.

Participaron asiduamente nestas xuntazas arredor da cultura nas súas distintas vertentes -ciencias, literatura, arte en xeral-, xestando as bases do proxecto de creación da Real Academia Galega, personalidades coma Murguía, Pondal, Martínez Salazar, Florencio Vaamonde, Galo Salinas, Eladio Rodríguez González, Salvador Golpe, Francisco Tettamancy, Manuel Banet Fontenla, Evaristo Martelo Pauman, Avelino Barbeito, Pérez Costales, Moreno Barcia, Pérez Ballesteros, Florencio Vaamonde, Oviedo Arce, Manuel Lugrís Freire, etc. Mais tamén algúns outros interesados que, por non residir na Coruña, só acudían eventualmente: Curros Enríquez, o músico ferrolán Chané, García Ferreiro, Marcelo Macías, Fernández Alonso, Lago González, Amor Meilán, Cabeza de León, Said Armesto, etc. Cómpre citar tamén a presenza dalgunhas escritoras coma Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova ou Filomena Dato Muruais. Destas reunións xurdiu a Escola Rexionalista de Decramación e a Liga Gallega, organización política fundada en 1897, presidida por Manuel Murguía e dirixida por un comité formado por Lugrís Freire, Salvador Golpe e Carré Aldao que en 1898 redactou os seus estatutos integramente en galego. Esta vinculación política pon de manifesto o compromiso que Carré adquirira para conseguir a autonomía de Galicia e a defensa dos seus intereses materiais e inmateriais. Asemade, integrou a comisión que homenaxeou en Carral os Mártires de 1846 o 23 de abril de 1899 e que erguería un monumento na devandita vila inaugurado o 22 de maio de 1904.

O 4 de setembro de 1905 fundouse, na Coruña, a Real Academia Galega, sendo Manuel Murguía o seu Presidente; Uxío Carré Aldao, o seu Secretario e Xosé Pérez Ballesteros, o seu Tesoureiro. O 30 do mesmo mes, no salón da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, tivo lugar a inauguración solemne da Academia. Poucos tempo despois, en 1908, pechou a Librería Regional e Carré Aldao entregouse á súa actividade na Real Academia Galega e mais ao seu labor literario, xornalístico e investigador, as máis das veces publicado no Boletín da Corporación. Nese mesmo ano foi nomeado bibliotecario oficial da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da cidade da Coruña. Algúns dos seus cargos e participacións en asociacións dentro e fóra de Galicia foron os de académico fundador e secretario da Real Academia Galega desde 1905 até 1909 e de 1909 até 1919; correspondente da Real Academia de la Historia, de España; da Sección Galega da Academia Española de la Lengua; da Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona e da Academia de Declamación, Música y Buenas Letras de Málaga. Foi membro do Instituto Histórico do Minho, de Viana do Castelo e socio honorario do Real Instituto de Lisboa. Foi socio fundador da Asociación Internacional de Bibliografía Pedagóxica e membro de corporacións semellantes situadas en Coimbra, Nápoles, Santiago de Chile, Toulouse e Marsella. No ámbito local, foi vicepresidente da Comisión Provincial de Monumentos da Coruña, cronista oficial da cidade, varias veces directivo da Asociación de la Prensa e, en 1926, bibliotecario municipal, promovendo a creación dunha sección específica na biblioteca de obras referentes a Galicia, organizando unha hemeroteca municipal e fundando outras dúas bibliotecas públicas.

En 1907 contribuíu á constitución de Solidaridad Gallega, colaborando nos seus órganos de expresión. No mesmo ano, fundou a Sección Ateneísta da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña , que exerceu unha notable influencia sobre a vida cultural e social da cidade. En 1916 integrouse nas Irmandades da Fala, cuxa xuntanza fundacional tivera lugar o 18 de maio dese mesmo ano na Real Academia Galega. Foi membro da redacción do seu voceiro, A Nosa Terra na primeira etapa (1916-1921), onde publicou artigos que expuñan as súas posicións políticas. Nun artigo aparecido en A Nosa Terra, o 7 de marzo de 1923 emprega o concepto de nacionalismo no canto de rexionalismo, poñendo de manifesto a súa evolución ideolóxica:

Al provincialismo sucedió, en el andar de los tiempos, el regionalismo, vocablo apropiado y llegado oportunamente para, a su vez, ser sustituido por otro no menos oportuno y más adecuado a la marcha de las ideas, o sea el nacionalismo.

Ao longo a súa vida, Uxío Carré tivo once fillos, dos cales Leandro, Uxío e Luís Carré Alvarellos deixaron fonda pegada na literatura e cultura galegas. No que se refire á bibliografía do autor, esta divídese en tres obxectos fundamentais: literatura, historiografía da literatura e historiografía do xornalismo. No entanto, afondou tamén no estudo da etnografía, da historia e da economía. Recompilamos, a seguir, unha mostra da súa produción máis relevante.

Publicacións exentas 

Literatura 

Brétemas: prosa e verso. A Coruña: Imprenta de Eugenio Carré, 1896. 

Rayolas: verso e prosa. A Coruña: Imprenta de Eugenio Carré, 1898.

O Sacrificio. Texto dramático en verso e en galego, premiado en Ferrol en 1904 e estrenado en Lugo, en 1917.

Contos da forxa. A Coruña: Prensa Gallega, 1919.

A Terra chama. A Coruña: Imp. Lar, 1925. 

 

Etnografía, historia e política

Catecismo solidario: en gallego y castellano. A Coruña: Imp. e Lit. de L. Lorman, 1907. En colaboración con Juan Beltrán, por encargo de Solidaridad Gallega, emulando o Catecismo do labrego de Valentín Lamas Carvajal, introdúcese os labregos no movemento agrario. Ofrece mesmo o enderezo da libraría para presentar reclamacións e reivindicacións.

El alzamiento contra los franceses en Galicia: 1808-1809. Madrid: Francisco Beltrán, 1915.

Provincia de La Coruña, v. 2 e v. 3, en Geografía general del reino de Galicia. Barcelona: Edit. Alberto Martín, 1936. 

 

A carón dos libros, Carré Aldao dedicou boa parte dos seus tempos a arrequecer e poñer en valor o Boletín da Real Academia Galega coas súas investigacións máis rigorosas. Así, para unha aproximación á nosa historiografía, son xa fundamentais os seus artigos sobre o xornalismo galego, especialmente dedicados á historia dos xornais coruñeses. Nesta liña, achegou tamén información cumprida acerca dos impresores galegos máis relevantes e da historia da imprenta en Galicia. Non deben tampouco obviarse os seus estudos nos ámbitos da literatura e da historia, con achegas tan importantes coma as súas pormenorizadas bibliografías de autores galegos ou ensaios sobre distintos episodios da nosa Idade Moderna. Mantendo os mesmos intereses de estudo, numerosos traballos de Carré Aldao aparecen noutras publicacións coma Nós: Boletín mensual da cultura galega, A Nosa Terra, Lar, Galicia ou Revista Gallega



Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar