Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Vicente Martínez-Risco y Agüero
Ourense, 01/10/1884


23/02/1929


Manuel Martínez Murguía, Eladio Rodríguez González e Manuel Lugrís Freire


Un caso de lycantropía: (o home-lobo).




Ramón Cabanillas Enríquez


Antón Luís Santamarina Fernández (24/10/1998 - )
Xesús Taboada Chivite (20/11/1965 - 27/11/1976)
Vicente Martínez-Risco y Agüero (23/02/1929 - 30/04/1963)
Francisco Tettamancy y Gastón (04/09/1905 - 15/05/1921)


Nado en Ourense o 1 de outubro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, Vicente Martínez Risco y Agüero representa unha das personalidades máis complexas e relevantes da Xeración Nós, sendo considerado un dos máis importantes teóricos da historia do nacionalismo galego.
Tras unha infancia doente, Vicente Risco estudou Dereito por libre na Universidade de Santiago de Compostela, na mesma en que se licenciaría en 1906. Conseguida a praza de funcionario na delegación de Facenda de Ourense, emprendeu a lectura das vangardas literarias e filosóficas, ao tempo en que participou no faladoiro organizado por Marcelo Macías na Comisión de Monumentos, coincidindo con outros intelectuais da época como Xulio Alonso Cuevillas ou Arturo Vázquez Núñez. Foron as lecturas dos decadentistas franceses e ingleses encetadas nesa altura quen o puxeron en contacto co ocultismo e o orientalismo. No ano 1913 marchou a Madrid a estudar Maxisterio, onde foi alumno de Ortega y Gasset. No Ateneo de Madrid ofreceu unha conferencia sobre Rabindranath Tagore, poeta e filósofo indio que viña de ser galardoado co Premio Nobel de Literatura e a quen Vicente Risco xa introducira na intelectualidade ourensá mediante os seus artigos publicados no xornal local El Miño para o que traballara en 1910, antes de marchar a Madrid. Regresou a Ourense en 1916 como catedrático de Historia da Escola Normal. Un ano máis tarde, fundou, co avogado Arturo Noguerol, a revista literaria La Centuria.
Co ingreso nas Irmandades da Fala a finais de 1917, iniciouse a etapa máis fecunda do autor, a que o converterá en teórico do nacionalismo galego -Teoría do nacionalismo galego-. Chegarían despois Elementos de metodología de la Historia ou El problema político de Galicia. A evolución ideolóxica de Risco, dende o individualismo e a rebeldía da mocidade ao galeguismo quedou plasmado no ensaio Nós, os inadaptados, publicado en en 1933 na revista Nós que el mesmo fundara trece anos atrás canda Castelao, Losada e Noguerol. Xa o 18 de decembro de 1917 pronunciara o primeiro discurso en galego e, durante a campaña para as eleccións parlamentarias de 1918, colaborou en numerosos mitins da zona de Ourense. Participou asemade no Seminario de Estudos Galegos, no que dirixiu a sección de Etnografía e Folclore, disciplinas cultivadas ao longo da súa vida e plasmadas en estudos como Da mitoloxía popular: os mouros encantadosEnsaio dun programa pró estudio da literatura popular galegaou Notas sobre las fiestas del Carnaval en Galicia. O 23 de febreiro de 1929 ingresou na Real Academia Galega co discurso Un caso de licantropía, a proposta de Manuel Martínez Murguía, Eladio Rodríguez González e Manuel Lugrís Freire. 
Iniciou a súa andaina como narrador no ámbito da novela curta, con Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros ou O lobo da xente, para seguir cunha novela fundamental na literatura galega: O porco de pé. Nesta obra, a única novela de Risco en galego, o autor satiriza diversos aspectos que rexeita, como a vulgaridade, a sociedade de consumo, a hipocrisía dos políticos ou o marxismo. A súa única incursión no teatro foi O bufón de El Rei, que non pasa de ser unha continuación da súa obra narrativa. Pouco antes da súa morte Risco publicou, a instancias de achegados como Otero Pedrayo ou Fernández del Riego, Leria, unha escolma de traballos filosóficos, críticos e literarios redactados na nosa lingua entre 1920 e 1955.
En abril do ano 1930, cando xa rompera coa Irmandade da Fala da Coruña, Risco marchou a Alemaña para realizar un curso de etnografía na Universidade de Berlín. Os catro meses vividos en Alemaña determinaron a súa evolución cara a unha ideoloxía máis conservadora e católica; un proceso do que se dá conta nas crónicas enviadas a Nós e posteriormente recollidas en Mittleuropa (1934). No ámbito político, fundou con Ramón Otero Pedrayo o Partido Nazonalista Republicán de Ourense, que se presentou ás eleccións a Cortes Constituíntes en 1931 e polo que non obtivo acta de deputado. Porén, en outubro dese mesmo ano, encabezou o grupo de galeguistas que publicaron un manifesto de afirmación católica contra unha suposta persecución da Igrexa por parte do réxime republicano. Chegada a III Asemblea do Partido Galeguista en outubro de 1935, foi escollido como membro do seu Consello Executivo, pero o seu conflito coas posicións máis dialogantes e a diverxencia, por vía de regra, co partido xa eran permanentes. Así, trala adhesión do Partido Galeguista á Fronte Popular en 1936, Risco saíu do que fora o seu partido e ingresou na Dereita Galeguista, constituída xa desde maio de 1935.
Co comezo da campaña polo Estatuto de Autonomía de Galicia, Risco sumouse á campaña a prol do si, porén, co estoupido da Guerra Civil, non amosou unha vontade contraria á dos sublevados. De feito, os seus artigos en La Región a partir de 1938 foron de apoio ao ideario franquista. Desde 1940 escribiu en castelán, residindo en Pamplona e en Madrid, de 1945 a 1948. Nesta época publicou estudos etnográficos e colaborou con El Pueblo Navarro, El Español, Pueblo ou La Estafeta Literaria. No ano 1948 regresou a Ourense, onde vivirá ata a súa morte. Neste momento, e grazas aos esforzos dalgúns dos seus compañeiros galeguistas, retomou o galego para desenvolver uns traballos de etnografía O tempo en que as bestas falaban (1956), e O sursumcorda (1957), a tradución da novela La familia de Pascual Duarte, de Camilo José Cela. No resto da súa produción literaria –na que salienta La puerta de paja, finalista do Premio Nadal de 1952- empregou o castelán.

Concedida a medalla de Afonso X por parte do goberno franquista, Vicente Risco faleceu o 30 de abril de 1963. 

Presentamos unha selección das súas principais obras exentas en lingua galega: 
Literatura 
Novela
Do caso que ll’aconteceu ô Dr. Alveiros. A Coruña: El Noroeste, 1919. 
O lobo da xente: lenda galega relatada por Vicente Risco. A Coruña: Lar, 1925. 
A Coutada: novela orixinal e inédita. A Coruña: Lar, 1926.  
O porco de pé. A Coruña: Nós, 1928. 

Teatro 
O Bufon d’el-rei: drama en catro pasos. A Coruña: Nós, 1928. 

Ensaio 
Teoría do nacionalismo galego. Ourense: Imp. de La Región, 1920.
Murguía. Santiago de Compostela: Seminario de Estudios Galegos, 1933.
Notas encol do culto do lumen a Galiza. Guimarães: Sociedade Martins Sarmento, 1933.
Mitteleuropa: impresiós d’unha viaxe. Santiago: Nós, 1934. 
Manual de historia de Galicia. Vigo: Galaxia, 1952. 
Leria. Vigo: Galaxia, 1961.
Un caso de licantropía (o home lobo). Discurso lido o día 23 de febrero do 1929 na súa recepción pública. A Coruña: Moret, 1971. 


Tradución
A Familia de Pascual Duarte. Vigo: Faro de Vigo, 1962. 



Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar