Fotogalería Actividades
Dende que se fundou a Academia a publicación do Boletín foi unha das súas actividades máis importantes e tamén a que consumía gran parte dos seus recursos económicos. Mais o esforzo de publicar regularmente a revista víase compensado polo interese co que era recibida, xa que tiña unha ampla distribución dentro e fóra de Galicia por medio de trocos, subscricións ou doazóns: ademais de enviarse a distintas institucións de España e de Portugal, tamén chegaba a Cuba, Arxentina, Uruguai, Estados Unidos, Inglaterra, Italia, Alemaña, Suecia e a Unión Soviética.
Durante o período abranguido entre finais de 1923 e o inicio da guerra civil, a Academia publicou cento sete números do Boletín, aos que hai que engadir ademais sesenta e sete novas entregas da colección de Documentos Históricos.
Carta do profesor Alexander Schepotieff da Universidade de Minsk solicitando o artigo de Federico Maciñeira “Relaciones marítimas entre el Norte de Galicia y las Islas Británicas en tiempos prehistóricos” publicado no Boletín.
BRAG 204 (1/5/1928). Real Academia Galega. Hemeroteca e Arquivo
Nesta época o Boletín publicou principalmente artigos de temática histórica, artística ou arqueolóxica, sendo moito máis escasos os traballos acerca da lingua e literatura galegas ou sobre a cultura popular. Ao igual que nos anos precedentes, unha parte das súas páxinas quedou reservada para informar da vida académica.
A escaseza de recursos económicos que sufría a Academia provocou que neste período a saída do Boletín fose moi irregular, aínda que cómpre destacar o aumento considerable de artigos escritos na nosa lingua, principalmente grazas ás contribucións de Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza-Brey, académicos correspondentes e membros do Seminario de Estudos Galegos.
En 1931 publicouse un número extraordinario para conmemorar o vinte e cinco aniverario da institución.
Presentación do número extraordinario do Boletín.
BRAG 235-240 (1/10/1931). Real Academia Galega. Hemeroteca
O Boletín era unha das poucas revistas galegas que neses anos publicaba regularmente artigos de temática arqueolóxica, referidos tanto á época prehistórica como á romana e á medieval. Tratábase ademais de traballos asinados polas figuras máis representativas da arqueoloxía galega, como Federico Maciñeira, Ángel del Castillo, Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza-Brey.
Tamén temos constancia da existencia dentro da Academia dunha comisión de investigacións arqueolóxicas á que pertencían Ángel del Castillo, Fernando Martínez Morás e Manuel Vázquez Seixas, os traballos dos cales adoitaban publicarse no Boletín. Algúns deles informaron sobre o achado do templo romano de Santalla de Bóveda.
Templo de Santalla de Bóveda. Real Academia Galega. Arquivo
A Biblioteca continuou medrando por medio de compras e de doazóns, chegando a ter en 1936 case dezasete mil volumes. Na organización e conservación dos seus fondos traballaba César Vaamonde Lores e máis tarde tamén un auxiliar, Juan Naya Pérez, quen anos máis tarde se convertería no novo Arquiveiro-Bibliotecario.
En 1929 os fondos da Academia enriquecéronse coa incorporación da biblioteca musical do compositor Marcial del Adalid, formada por 279 volumes de partituras doados pola súa filla María del Adalid.
Aínda que os seus andeis albergaban obras de diversas temáticas, unha parte moi importante eran libros e folletos sobre Galicia, de tal maneira que neste período a da Academia xa se convertera nunha das bibliotecas públicas máis importantes do país no relativo á temática galega.
Biblioteca da Academia en 1934. Real Academia Galega. Biblioteca
O Museo foi outra sección académica que tamén experimentou unha ampliación continua ao longo destes anos. E fíxoo case exclusivamente por medio de doazóns, algunhas delas realizadas directamente por académicos e outras por mediación destes.
Seguramente a característica máis salientable desas doazóns foi a súa diversidade, xa que incluían obxectos tan diferentes como artefactos prehistóricos, moedas antigas e medallas modernas, cadros e esculturas de artistas contemporáneos, así como obxectos persoais de figuras da historia galega recente.
As novas incorporacións, sumadas ás xa existentes na etapa anterior, converteron o Museo da Academia nunha colección miscelánea que conservaba materiais relacionados coa historia e a cultura galegas e que ademais —como lembraba o seu responsable César Vaamonde Lores en 1933— era o único museo público existente na cidade da Coruña.
Busto en xeso de Eduardo Pondal realizado por Fernando Cortés e doado polo autor en 1925.
Machado neolítico doado por Manuel Lugrís Freire en 1928.
Real Academia Galega. Museo
En 1929 a Academia participou na organización dun Certame Galego-Americano convocado polo Centro Galego de Montevideo con motivo da celebración dos seus cincuenta anos de existencia. Para iso nomeouse un xurado composto por académicos que se encargou de avaliar aqueles traballos de temática galega presentados anonimamente ao certame. En total foron vinte e oito os traballos que a Academia tivo que xulgar: catorce deles escritos en galego (once poesías, unha novela e dous ensaios), un en portugués e o resto en castelán.
O xurado emitiu o seu veredicto en xuño de 1929 e posteriormente a entrega de premios celebrouse na Coruña o 8 de xullo de 1930. Entre os premiados houbo dous numerarios, Ángel del Castillo e Vicente Risco, e un futuro académico, Leandro Carré Alvarellos.
Entrega dos premios do Certame Galego-Americano no local da Academia.
Real Academia Galega. Arquivo
Tamén no ano 1929 a Academia participou noutra iniciativa proposta dende a emigración americana: a recollida de terra de Galicia con destino ao panteón que proxectaba construír no cemiterio de Buenos Aires o Centro Galego desa cidade. Nesta ocasión a organización da empresa correu a cargo de Ricardo Rodríguez Pastor, presidente do Banco Pastor, coa colaboración da Academia.
Os catro lugares elixidos para recoller a terra —un en cada provincia— evocaban figuras e acontecementos destacados da historia galega: Iria Flavia, Ponte Sampaio, a cidade de Lugo e Celanova. Tomada en presenza dun notario e coa participación de varios académicos, a terra enviouse a Buenos Aires dentro de catro arcas metálicas e alí foi depositada baixo a primeira pedra do Panteón nunha cerimonia celebrada o Día de Galicia.
A terra de Galicia depositada no Panteón Galego de Buenos Aires.
Galicia. Revista oficial del Centro Gallego de Buenos Aires 200 (agosto 1929).
Real Academia Galega. Hemeroteca


