Académicos e académicas

Federico Maciñeira y Pardo de Lama
Mañón, A Coruña, 1870 - Ortigueira, A Coruña, 1943
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador
Historiador, arqueólogo e etnólogo de formación autodidacta, centrou o seu traballo no estudo dos vestixios prehistóricos da comarca de Ortegal aplicando metodoloxías científicas avanzadas para a época. Membro fundador da Real Academia Galega, foi alcalde e cronista oficial de Ortigueira, xornalista e promotor da mellora das técnicas de cultivo.
Cursou o bacharelato na Coruña e Ferrol pero abandonou os estudos para dedicarse ao coidado do vasto patrimonio agrario da súa familia, que renovou mediante a incorporación de maquinaria, a introdución da arboricultura, a selección de sementes e outras técnicas novas. A modernización da produción agropecuaria foi unha preocupación constante ao longo de toda a súa vida e levaríao á creación dun xornal, El Cabo Ortegal, centrado nos temas do campo e á publicación do libro Economía rural gallega (1911).
Foi alcalde de Ortigueira, deputado provincial polo mesmo distrito e xefe superior de Administración Civil. Sendo rexedor, creou o Boletín Oficial del Ayuntamiento de Ortiguera (1916), no que trataba sobre todo temas rústicos. Dirixiu tamén o xornal local El Ortegano, a través do que reclamaba melloras nas infraestrutura da comarca, nomeadamente a chegada do tren; e mais El Cabo Ortegal, que fora propiedade do seu pai e no que trataba asuntos referidos ao campo.
En 1909 asistiu ao Congreso Internacional de Antropoloxía e Arqueoloxía celebrado en París con motivo da Exposición Universal, co obxectivo de actualizar os seus coñecementos e procurar novos contactos entre a comunidade científica.
O seu traballo como historiador e arqueólogo principiou con artigos e ensaios na prensa local e continuou na especializada, en publicacións como La Ilustración Artística, La Ilustración Española e Americana ou Revista Crítica de Historia y Literatura española, portuguesa e hispano-americana. A calidade das súas pescudas chamou a atención de especialistas na materia, como o epigrafista alemán Hübner e o etnógrafo portugués José Leite de Vasconcelos, figura clave na súa formación intelectual.
Con só 22 anos publicou Crónicas de Ortigueira (1892). Nesta obra temperá de historia local, Maciñeira amosaba xa unha vontade de rigor científico e exhaustividade que caracterizou toda a súa obra posterior. No libro, de liñaxe murguiana e prologado por Bernardo Barreiro, recolleu unha serie de ensaios sobre a comarca do Ortegal nos que analiza distintos episodios da súa historia desde a época romana, como a pegada dos templarios na Illa de San Vicente, o malestar social durante o reinado dos Austrias, a guerra de Independencia contra os franceses, a xenealoxía das súas principais familias, como os Lugo e os Fajardo, a historia do convento dos Dominicos, a loita pola instrución do pobo e os privilexios reais concedidos á vila en distintas épocas. Os ensaios da monografía van precedidos de cadansúa dedicatoria a intelectuais galeguistas da época, como Ramón Armada Teijeiro, Galo Salinas, Andrés Martínez Salazar ou Benigno Teijeiro.
No eido da etnoloxía, Maciñeira realizou en El Santuario de San Andrés de Teixido (1906) unha pescuda sobre as orixes pagás deste santo de culto popular, en contraste co patriciado do apóstolo compostelán, recolleu a súa abondosa paremioloxía e unha extensa relación de feitos e datos históricos referidos a Santo André de Lonxe. O académico describiu os seus vestixios prehistóricos, os amilladoiros formados paseniñamente polos romeiros ao seu paso, os poderes curadores atribuídos ás súas augas, os recordos en forma de ramo de herba de namorar ou o Romance da Dama Gelda, transmitido por Murguía. Na mesma liña etnográfica cómpre incluír outros traballos como “El Ortegal en el culto de los cabos” (1933).
En 1929 Maciñeira presentou no Congreso Internacional de Arqueoloxía de Barcelona o ensaio “Relaciones entre la Galicia e Inglaterra en las épocas prehistóricas”, que mereceu unha acollida entusiasta. Grazas a este traballo, o goberno concedeulle unha bolsa para realizar escavacións no Porto de Bares, xacemento ao que lle dedicou boa parte dos seus esforzos científicos e que daría lugar á publicación, tras o seu pasamento, da monumental Bares: puerto hispánico de la primitiva navegación occidental (1947), editado e prologado por Bouza Brey e con ilustracións do académico Fernando Cortés. Maciñeira aplicou saberes de carácter arqueolóxico, histórico, etnolóxico e toponímico para interpretar os achados obtidos e defender a tese da estreita relación deste porto coas rutas de comercio internacionais dos fenicios.
No opúsculo Burum (1908) sitúa en Bares a orixe deste topónimo recorrente na literatura da Antigüidade, mentres que no folleto Arros (1911), publicado tamén en forma de artigo no Boletín da Real Academia Galega, propón Arón, na parroquia cedeiresa de Montoxo, como hipótese explicativa deste nome de lugar das crónicas antigas. Entre as súas obras menores de carácter arqueolóxico, cómpre sinalar tamén La silla de la coronación de Inglaterra y la piedra de Scone (1911), Un nuevo torques gallego de oro (1923), Notable grupo de círculos líticos y túmulos dolménicos en la cuenca superior del Eume (1929), “Algunas consideraciones en torno a la más exacta ubicación del golfo de los ártabros, tan amentado por los antiguos textos geográficos” (1933), Los castros prehistóricos del norte de Galicia (1934) e “Piedra con grabados de carácter prehistórico hallada en Cedeira- Paralelismo con Galvao?”. (1934).
Colaborador asiduo na prensa xeral, publicou artigos en xornais como La Voz de Galicia, Revista Gallega, El Eco de Galicia e El Correo de Galicia, ambos de Buenos Aires, e El Imparcial de Madrid, e tamén en revistas especializadas como La Ilustración Artística de Barcelona, Revista Crítica de Historia y Literatura española, portuguesa e hispano-americana, Revista Crítica de Historia y Literatura Española, La Ilustración Española y Americana, o Boletín da Real Academia da Historia e o Boletín da Real Academia Galega.
Federico Maciñeira e Pardo de Lama foi membro correspondente da Real Academia da Historia, numerario da Sociedade Española de Historia Natural, socio de mérito da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, correspondente da Asociación Artístico Arqueolóxica de Barcelona, do Instituto Histórico do Minho e da Sociedade de Antropoloxía. Foi membro numerario e socio protector do Seminario de Estudos Galegos e cronista oficial de Ortigueira desde 1902.
Á súa morte, a Deputación da Coruña instituíu o premio Federico Maciñeira para honrar a súa figura e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento publicou a obra Prehistoria de Galicia: homenaje a D. Federico Maciñeira Pardo de Lama en el centenario de su nacimiento (1970).
Con motivo do seu pasamento, no Boletín da Real Academia publicáronse varias notas necrolóxicas sobre o eximio arqueólogo ortegano, como este artigo de Fermín Bouza Brey ou estoutro de Alejandro Barreiro Noya. No centenario do seu nacemento, a Real Academia Galega publicou en 1970 un volume especial do Boletín en homenaxe a Federico Maciñeira que contén un extenso artigo en homenaxe de Xesús Taboada Chivite.