Debuxo da Cadeira da Coroación de Westminster coa Pedra do Fado no seu interior
Que relación gardan entre si un príncipe grego, a filla dun faraón exipcio, a antiga cidade galaica de Brigantia e o reino de Escocia?
Esta interrogante, que a primeira vista pode semellar unha adiviña un pouco absurda, en realidade ten moito sentido, pois cada un dos personaxes e dos motivos nomeados formaban parte dun relato lendario de ascendencia gaélica (irlandesa e escocesa) que durante moito tempo serviu para explicar o poboamento de Irlanda e de Escocia, e tamén para dar conta da inauguración da monarquía escocesa. Trátase da lenda de Gatelo, o príncipe ateniense casado con Escota, filla do faraón, e o fundador de Brigantia en Galicia, cidade desde a cal o seu pobo de greco-exipcios (os escotos) conquistou a illa de Irlanda e máis tarde ocupou o territorio escocés onde deu principio a unha longa liñaxe de reis. Unha lenda que ademais incluía como elemento central da súa narrativa a chamada Pedra do Fado ou do Destino -si, a famosa Stone of Destiny- que se supuña transportada por Gatelo ata Brigantia e despois levada polos seus descendentes a Irlanda e logo a Escocia. Dicíase que encol da Pedra do Fado eran coroados os reis da liñaxe de Gatelo, un costume que mantiveron os monarcas escoceses, de aí que aquela tamén se denominase Pedra da Coroación ou de Scone (polo nome da abadía escocesa de Scone onde se gardaba). O valor simbólico deste obxecto era grande, pois, consonte a tradición, unha profecía agoiraba que o reino de Escocia existiría namentres se conservase a Pedra dentro do seu territorio. Por iso cando os ingleses invadiron Escocia no ano 1296 tamén se apoderaron da pedra para levala ao seu país, onde se utilizou nas cerimonias de coroación dos reis de Inglaterra. Durante centos de anos a Pedra do Fado gardouse no interior dunha cadeira de madeira na abadía de Westminster en Londres -aínda que foi roubada en 1950 e despois devolta ao ano seguinte-, ata que en 1996 o goberno británico consentiu que se devolvese a Escocia, e hoxe consérvase no castelo de Edimburgo.
As primeiras aparicións coñecidas da lenda de Gatelo funcionando en calidade de narración explicativa das orixes do reino escocés datan do século XIV, aínda que deberon existir outras versións anteriores. En realidade o personaxe e a lenda de Gatelo son variantes de relatos máis antigos inventados en Irlanda a comezos da Idade Media para explicar a orixe e a antiga historia do pobo gaélico, é dicir, dos irlandeses. Precisamente o nome de Gatelo procedía da forma latinizada do nome de Gaedhil (Gaedhil/Gathelus/Gatelo), o mítico devanceiro dos gaélicos, convertido na tradición escocesa en fillo do rei de Atenas. Ademais nas aventuras de Gatelo e dos seus descendentes achamos un claro eco das lendas irlandesas sobre o poboamento de Éire, incluídos o motivo da fundación de Brigantia e o da conquista da illa desde a cidade galaica (feitos que en Irlanda se atribuíron a Breogán e á súa proxenie).
Esta introdución falando sobre a figura de Gatelo e o motivo da Pedra do Fado facíase necesaria para presentarmos a obra escollida no presente destaque: La Silla de la Coronación de Inglaterra y la Piedra de Scone, un pequeno opúsculo editado na Coruña en 1911 -tamén publicado ese mesmo ano en La Voz de Galicia- no que se recuperaba a memoria de Gatelo e da Pedra da Coroación, escrito polo arqueólogo e historiador ortigueirés Federico Maciñeira Pardo de Lama. E dicimos recuperaba porque o personaxe non era un descoñecido para os historiadores galegos, xa que nos séculos XVII e XVIII varios autores incluíran a lenda dentro das súas narrativas acerca do pasado de Galicia, facendo de Gatelo e dos seus descendentes unha dinastía de monarcas galegos que reinaran noutrora en Brigantia (lugar identificado coa Coruña ou con Betanzos). Mediante a incorporación deste relato pretendíase demostrar que desde moi antigo Galicia contara cunha realeza de seu que ademais usaba nas súas cerimonias de coroación a Pedra do Fado levada por Gatelo ata Brigantia desde Exipto, tal como referiron algúns historiadores galegos ao daren conta da lenda.
Desaparecido Gatelo das Historias de Galicia escritas durante o século XIX, sen dúbida polo seu carácter ficticio, Federico Maciñeira recuperouno de novo para o incluír no noso pasado. Porén, debido a que a gran maioría dos textos históricos galegos nos que se falaba de Gatelo ficaran manuscritos e eran de difícil acceso, Maciñeira seguramente non puido coñecer o que escribiran sobre el os seus predecesores dos séculos XVII e XVIII. Isto explica que no opúsculo que estamos a comentar non fixese referencia a ningún deles e que tirase a súa información sobre a lenda dun artigo de John Henry Rivett-Carnac publicado en 1902 no Boletín de la Real Academia de la Historia. Nese artigo o arqueólogo inglés argumentara que a Pedra do Fado usada por Gatelo -a quen el denominaba Haythekes- era en realidade un obxecto arqueolóxico porque contiña mostras dunha inscrición prehistórica feita cunha misteriosa escritura hemisférica. Maciñeira, quen seguiu no seu relato a versión da lenda presentada por Rivett-Carnac, tamén usou o nome de Haythekes en troques de Gatelo para se referir ao mítico personaxe, e igualmente defendeu a posibilidade de que a pedra contivese unha inscrición realizada coa escritura hemisférica.
Mais, por que razón quixo Maciñeira reintegrar no pasado galego un personaxe xa case totalmente esquecido na nosa tradición historiográfica e que estaba ausente das referencias culturais da época? Obviamente a súa intención non foi defender a existencia dunha antiga monarquía galega, como si fixeran os seus predecesores. En troques el pensou que o relato da lenda, unha vez despoxado das súas roupaxes fabulosas, podía empregarse a xeito de fonte de información para coñecer certos acontecementos da prehistoria europea. Máis concretamente, Maciñeira coidou que a narrativa da viaxe de Gatelo e de Scota desde Exipto ata as costas galegas, e a do paso dos descendentes de Gatelo desde Galicia deica Irlanda e Escocia, eran unha lembranza esvaecida dos movementos migratorios da "raza libio-ibérica" que saíndo de África se asentou en España, en Irlanda e en Gran Bretaña nos tempos prehistóricos, e por tanto viña confirmar os vencellos étnicos entre Galicia e as illas británicas. Deste modo o arqueólogo ortigueirés, ao aceptar a presenza dunha cerna de veracidade histórica dentro do relato lendario, asignáballe unha nova funcionalidade á vella lenda de Gatelo e recuperábaa de novo para a (pre)historia do noso país. Hai que dicir que o interese de Maciñeira pola lenda de Gatelo non se limitou ao opúsculo que aquí comentamos, pois volveu mencionala novamente noutros dos seus traballos, sempre tirando partido dela en calidade de narración lendaria que contiña informacións útiles verbo do pasado prehistórico de Galicia e sobre a presenza de xentes orientais no litoral galaico.
(Acceda aquí a un artigo de Maciñeira no Boletín da Real Academia Galega)
Hoxe en día o personaxe de Gatelo e a súa historia son moi descoñecidos entre nós, ao ficaren eclipsados pola figura de Breogán que popularizou o poema Os Pinos de Eduardo Pondal, base do noso himno. Porén, tanto Breogán como Gatelo/Gaedhil forman parte do mesmo ciclo de lendas históricas gaélicas nas que se describía o poboamento de Irlanda levado a cabo desde Brigantia, a cidade fundada na península ibérica por Breogán ou por Gatelo. Considerando que Gatelo se incorporou ao imaxinario histórico galego moito antes ca Breogán, podería ser un acto de rehabilitación da súa figura reintegrarmos o mítico príncipe ateniense e a Pedra do Fado dentro do patrimonio simbólico do noso país, en pé de igualdade co igualmente mítico Breogán. No fin de contas, coñecendo o orgullo con que os escoceses conservan a Stone of Destiny, símbolo da súa nacionalidade, non debería Galicia -primeira depositaria da Pedra do Fado, consonte a lenda- sentirse tamén partícipe desas tradicións que nos vinculan co mundo atlántico?