Académicos e académicas
Ramón Armada Teixeiro
Ortigueira, A Coruña, 1848 - A Habana, Cuba, 1920
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador
(Ortigueira, A Coruña, 1848 - A Habana, Cuba, 1920). Escritor e xornalista, pasou boa parte da súa vida en Cuba e fixo da emigración o principal tema da súa literatura. Fundou, canda Manuel Lugrís Freire, o xornal La Gaita Gallega, o primeiro editado integramente en galego en América. A súa obra de teatro Non máis emigración foi a segunda escrita en galego despois de A fonte do xuramento. Foi membro da Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega, entidade precursora da Real Academia Galega, da que foi tamén membro fundador.
Nado no seo dunha familia acomodada, emigrou á Arxentina con 17 anos e, tras retornar a Galicia, aos 30 marchou de novo á emigración, desta volta a Cuba, onde casou e permaneceu ata a independencia da illa en 1899. Durante a súa primeira xeira en Cuba, Armada Teixeiro integrouse plenamente no tecido asociativo da emigración galega, e desenvolveu cargos como o de secretario do Centro Galego (1886–1893) e vogal da Sección Instrutiva da Entidade Galega (1893–1899). De regreso en Ortigueira, fundou o semanario El Eco de Ortigueira e traballou como xuíz municipal e secretario do concello. En 1909 volveu a Cuba, onde permaneceu deica a súa morte exercendo diversos oficios, como o de redactor no Diario de la Marina. Soterrado no cemiterio Colón da Habana, o seu mausoleo contén a lenda “O cantor da Terriña”.
Durante a súa primeira estancia en Cuba, Armada Teixeiro fundou en 1885, con Manuel Lugrís Freire, La Gaita Gallega, a primeira revista editada integramente en galego en América, na que Armada Teixeiro empregaba a miúdo o pseudónimo Chumín de Céltegos. Este periódico distinguíase pola súa defensa afervoada de Galicia e do seu idioma e pola denuncia constante do caciquismo, considerado a causa principal da emigración galega. As desavinzas entre os dous promotores da publicación resolveuse coa saída de Lugrís Freire do xornal.
O 10 de abril de 1886 Armada Teixeiro estreou na Habana unha obra teatral titulada Non máis emigración, con música de Felisindo Rego. Nesta representación lírico-dramática en dous actos e sete cadros, a segunda peza dramática publicada en galego logo de A fonte do xuramento (1882), o autor retrata a vida dos emigrantes galegos en América e realiza unha denuncia da emigración. No monólogo Mexamorno en Viveiro (1912), editado no Boletín da Real Academia Galega, comparece de novo a temática da emigración, desta volta, para chamar polo regreso a Galicia dos galegos emigrados na Habana.
No eido da poesía, o seu primeiro libro, Caldo de Grelos (1895), con prólogo de Vicente Fraiz Andón, recolle textos de ton patriótico que denuncian o caciquismo e a explotación do campesiñado galego que están no cerne da súa emigración, cantos de fraternidade entre Cuba e Galicia, odas a Rosalía ou evocacións nostálxicas da súa comarca nativa de Ortegal. En Aturuxos (1898), introducido por Manuel Curros Enríquez, o autor publicou unha miscelánea de coplas populares que recrean escenas costumistas dunha vida labrega e mariñeira idealizada. Saídos do prelo no contexto da guerra de Independencia cubana, Curros salientaba no seu limiar o contraste entre a violencia da época e o ton lixeiro do libro “Pol-a época y-o medio en que se concibeu e say á luz, pode dicirse que este libriño é un estranxeiro”. En Milicroques recolleu poemas escritos entre 1901 e 1906. Finalmente, a súa poesía reunida foi publicada no volume Da terriña (1918), que conta cun estudo preliminar de Antonio de la Iglesia.
En castelán publicou os libros Galicia, su agricultura, industria y comercio, discurso inaugural da tempada 1895-1896 do Centro Galego da Habana; Misión del Municipio y su importancia como órgano social; Memorias del Centro Gallego de La Habana; Galicia en 1907-1909; Efemérides de Ortigueira; e Labor moralizadora de las sociedades gallegas en América.