Francisco María de la Iglesia e o rexurdimento do teatro galego

Imaxe da entrada para ver A fonte do xuramento no liceo brigantino.
Entrada para asistir á representación no Liceo Brigantino 9-X-1881)


Foron os rexionalistas galegos das últimas décadas do século XIX os que asentaron os alicerces para a creación da literatura teatral galega. De feito vénse considerando a estrea, en 1882, d'A fonte do xuramento de Francisco María de la Iglesia como o seu momento fundacional, a pesar de que se conservan outros textos teatrais anteriores, así como se coñece a existencia dun teatro popular en galego, vinculado a celebracións locais. Porén, estas primeiras obras e representacións aínda que, sen dúbida, precursoras do noso teatro, permaneceron alleas ao movemento ideolóxico que animou a recuperación da literatura galega no XIX. Deste xeito, sería a partir d'A fonte do xuramento cando comezaría o verdadeiro rexurdimento da literatura dramática galega (Laura Tato Fontaíña, Historia do teatro galego, 1999: 25, 32).

Francisco María de la Iglesia (Santiago de Compostela, 1827 – A Coruña, 1897), mestre de profesión, foi unha das principias figuras do noso Rexurdimento, tanto pola súa obra de creación como polo seu activismo a prol da nosa cultura. Ademais de fundar e dirixir xornais e revistas, tamén participou na asociación do Folklore Galego, fundada en 1883, e na Asociación Rexionalista da Coruña de 1891.

Como escritor, pódese considerar -xunto a Xoán Manuel Pintos- o poeta en galego coa obra de maior amplitude, riqueza e variedade entre os anteriores a Rosalía de Castro. A súa única obra teatral, A Fonte do xuramento, ben se pode poñer en relación con esa produción poética, posto que foi tamén o verso o medio de expresión do que se serviu o autor. Por outro lado, podemos citar varias composicións poéticas escritas en forma de diálogo próximas ao xénero dramático. É o caso de Os Ártabros: escena orfeónica, unha peza para orfeón, musicada por Pascual Veiga, que foi editada por primeira vez na Habana en 1885 (en A gaita gallega, ano I, Tocata 5ª, A Habana, 8-11-1885, pp. 6-7); do monólogo dramático Delirio d'unha nay (publicado na Revista de Galicia, n. 17, 10, setembro, 1880, pp. 283-284); ou a escena poética Drama d'aldea (publicada en Galicia Humorística, ano I, t. II, núm. 1, 15, xullo, 1888). Por último, debemos engadir a esta listaxe tres manuscritos poéticos con outras tantas composicións, conservados no Arquivo da Real Academia Galega entre os papeis que Francisco deixou á súa morte e que a súa familia doou a esta institución, os cales ofrecemos ao lector curioso nesta ligazón. (M. R. Saurín de la Iglesia publicou un libro de poesías de Francisco María, que foi editado pola Real Academia Galega no ano 2011).

A fonte do xuramento foi estreada no salón do Liceo Brigantino da Coruña o 13 de agosto de 1882, ano en que tamén se imprentou no establecemento coruñés de Vicenzo Abade. A obra estaba a cargo da sección de declamación do Liceo, dirixida polo actor Francisco Lumbreras.

A representación tivo unha boa acollida entre o público, pois volveuse poñer en escena o 27 de agosto no propio Liceo Brigantino e o 23 de outubro no Teatro Principal da Coruña (se ben tamén foi obxecto dalgunha crítica negativa, como a de La Voz de Galicia do 24 de outubro, asinada por Trompa). Dous anos despois foi novamente representada pola sección de declamación da asociación brigantina, o día 13 de xuño de 1884, tal como informa o xornal La Voz de Galicia dese día.

Non hai dúbida acerca do bo recibimento que tivo A fonte do xuramento, pois entre os papeis de Francisco de la Iglesia consérvanse tres cartas de felicitación polo éxito da obra. A primeira, de Maximiliano Linares Rivas, político coruñés e tío do dramaturgo Manuel Linares Rivas, quen lle agradece o envío dun exemplar da obra e o felicita polo seu éxito. A segunda é un oficio do secretario da Real Academia Española, o dramaturgo Manuel Tamayo y Baus, quen agradece o envío á institución dun exemplar da súa peza teatral. E a última é de Francisco Portela Pérez, xornalista pontevedrés e colaborador en xornais monolingües en galego, como A Monteira ou O Galiciano, quen pretende "demostrarle el profundo agradecimiento que siento hacia V. porque indudablemente prestó un gran servicio a la literatura patria con su última producción".

Dos anos seguintes hai constancia de varios intentos de levar a obra de novo ás táboas. O primeiro en terras arxentinas, onde o Centro Dramático Gallego de Buenos Aires, creado polo actor Joaquín Otero, quixo representala o 15 de decembro de 1898 no Teatro Apolo. Anos máis tarde e xa de volta en Galicia, en 1913, a Escola Dramática Galega de Ferrol, dirixida por Eduardo Sánchez Miño, incluíu no seu repertorio a obra, se ben parece ser que non chegou a levala á escena.

Por fin, en 1919, en Vilagarcía, A fonte do xuramento volve ser representada polo Orfeón de Santiago. A función tivo lugar o 14 de setembro dese ano e comezou coa interpretación do Himno galego.

Quizais un dos asistentes a esta nova interpretación foi Alfredo de la Iglesia, fillo de Francisco, e, por esas datas, catedrático de literatura do Instituto de Pontevedra. Respecto ao éxito da representación, temos varios recortes de prensa, conservados no Arquivo da Real Academia Galega, do Diario de Pontevedra, Galicia Nueva de Vilagarcía e de El Progreso, os cales poden consultarse aquí (Neste último caso o recorte ten anotada a data de setembro de 1921, un erro, xa que en realidade o recorte procede do exemplar do día 18 de setembro de 1919).