O IES Torrente Ballester recorda a María Victoria Moreno

No IES Torrente Ballester (Pontevedra) segue moi vivo o recordo de María Victoria Moreno. As súas aulas foron o último destino como docente da protagonista do Día das Letras Galegas 2018, unha celebración á que se sumou onte o centro educativo cunha homenaxe á profesora, compañeira e amiga na que participaron varios membros da Real Academia Galega.

Un momento da mesa redonda con Xesús Alonso Montero, Víctor F. Freixanes, Fina Casalderrey e Xavier Senín


Antigas e antigos alumnos, compañeiros de claustro, familiares da escritora e personalidades do mundo literario participaron no acto celebrado no salón de actos do IES Torrente Ballester, a cuxa biblioteca María Victoria Moreno legou a súa colección de libros. O académico Xesús Alonso Montero, amigo persoal da autora desde a súa chegada a outro instituto, o Masculino de Lugo, nos primeiros anos 60, foi o encargado de impartir a conferencia inaugural, antes da proxección dun vídeo realizado por un dos seus ex-alumnos, Gaspar Broullón, cheo de testemuños emotivos de familia, persoas que tiveron a María Victoria Moreno como profesora e compañeiros de profesión.

O acto continuou cunha mesa redonda na que participaron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o académico Xesús Alonso Montero, a académica Fina Casalderrey e o escritor e tradutor Xavier Senín. Víctor F. Freixanes salientou que a escolla de María Victoria Moreno como protagonista das Letras Galegas 2018 permitirá non só volver á obra dunha figura de referencia da nosa literatura, senón tamén abrir espazos de debate social arredor de aspectos como a conquista de lectores novos -no que ela destacou como escritora mais tamén como editora-, a importancia do papel do profesorado, o compromiso coa cultura e a lingua galegas das persoas que chegan a Galicia procedentes doutras realidades, ou a conquista das mulleres nas últimas décadas de espazos que tradicionalmente lles foran vetados.

Fina Casalderrey e Xavier Senín recordaron momentos da vida de María Victoria Moreno que proban a súa gran xenerosidade e o compromiso coa lingua que axiña aprendeu, ata o punto de impartir cursos de galego nos anos 70 polos que se lle chegou a retirar o pasaporte.

O director do centro, David Castro, abriu o acto recordando a importancia que tiña para a autora o mundo do ensino. "A escola era a súa vida", salientou. Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que María Victoria Moreno é a "protagonista absoluta do ano en Pontevedra". Nesta mesma cidade, onde se estableceu nada máis chegar a Galicia, e noutro centro educativo, o CEP Marcos da Portela, a Real Academia Galega presentou o pasado mes de febreiro o proxecto Primavera das Letras, un espazo web dedicado á autora con recursos didácticos e lúdicos dirixidos ao alumnado de infantil e primaria. A Academia volverá a Pontevedra o 17 de maio para celebrar o Día das Letras Galegas cun acto académico no Teatro Principal.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 16 de novembro de 2018 / 20:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Moaña
Mércores 21 de novembro de 2018 / 16:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Miño
Venres 23 de novembro de 2018 / 17:30 h
Charla da campaña Toponimízate en Parada de Sil
Martes 27 de novembro de 2018 / 13:00 h
'Toponimízate' chega a Cospeito
Martes 27 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Mércores 28 de novembro de 2018 / 16:30 h
Simposio María Victoria Moreno
Venres 30 de novembro de 2018 / 19:00 h
Charla da campaña Toponimízate en Cariño

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar