'Ausencia. Melodía gallega', de Eugenia Osterberger

O Arquivo da Academia atesoura a partitura de Ausencia. Melodía gallega. Esta composición musical manuscrita é obra de Eugenia Osterberger, música galega e membro correspondente desta institución.
Eugenia Osterberger.
Eugenia Osterberger.


Nada en Santiago de Compostela o 20 de decembro de 1852, filla da coruñesa Emilia Luard Álvarez e do litógrafo de orixe alemán Jorge Osterberger, a futura música Eugenia Osterberger recibiu unha esmerada formación cultural que incluía -ademais de clases de piano- o coñecemento do francés, o alemán paterno e frecuentes viaxes ao estranxeiro, nomeadamente, a París.

En 1879 Eugenia Osterberger casa co enxeñeiro francés Francisco Saunier e o matrimonio pasa a instalarse na Coruña onde o seu marido traballaba como director da fábrica de gas. Na cidade herculina, Eugenia Osterberger entra en contacto co grupo rexionalista da "Cova Céltica" -que promoverá anos máis tarde a posta en marcha da Real Academia Galega da que ela será nomeada membro correspondente desde a súa fundación- así como co vizoso círculo artístico e musical coruñés da época do que formaban parte, entre outros, Marcial del Adalid, Pascual Veiga, José Castro "Chané" e, sobre todo, Canuto Berea, quen será o editor de parte da súa obra.

A partitura de Ausencia. Melodía gallega, que se pode descargar nesta ligazón e escoitar nestoutra ligazón, foi doada á Academia por Leandro Carré Alvarellos en 1970 e ten como letra un poema do mesmo título de Carlos Vaamonde Lores, irmán dos académicos Florencio e César Vaamonde Lores. A composición delata, tanto polo seu tema como pola súa procedencia, a influencia das teses rexionalistas na concepción artística de Eugenia Osterberger-Saunier, unha autora comprometida na empresa colectiva que foi o Rexurdimento.

En 1907, o matrimonio Saunier-Osterbeger múdase á Costa Azul francesa e o destino posterior de Eugenia  Osterberger resulta, polo de agora, descoñecido.

Para ampliar información, podes consultar Eugenia Osterberger (Mme. Saunier). Una aportación femenina a la creación musical gallega, de Beatriz López-Suevos e Mª Rosario Martínez Martínez (2013).

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete