Unha edición facsimilar recolle todos os manuscritos de Rosalía e a súa poesía completa

A Real Academia Galega acolleu hoxe a presentación en rolda de prensa da edición especial Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos de Boreal Ediciones. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, acompañou o editor Manuel Mariño, a artista Gosia Trebacz, autora das nove obras gráficas que completa esta tiraxe singular que inclúe a reprodución facsimilar de todos os manuscritos de Rosalía, e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, que editou e revisou os textos da escritora. Marina Mayoral, académica de honra da RAG, unha das máis recoñecidas especialistas en Rosalía, colabora tamén neste proxecto achegando o lector á súa obra poética e ao tempo histórico en que se produciu.

Pola esquerda, Henrique Monteagudo, Víctor F. Freixanes, Gosia Trebacz e Manuel Mariño. Fonte: RAG


A edición recolle toda a obra poética de Rosalía de Castro en galego e castelán, o único relato en prosa que redactou en galego e as dezaseis cartas escritas por ela exhumadas a día de hoxe (catro delas en estado fragmentario). Todo isto acompáñase da reprodución facsimilar dos manuscritos autógrafos da autora que se conservan na actualidade e da súa correspondente transcrición.

Os textos orixinais pertencen aos fondos da Real Academia Galega, o Arquivo Municipal da Coruña, o Arquivo da Deputación da Coruña, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Penzol e arquivos privados. Son todos os conservados, mais en realidade só unha pequena parte dos orixinais de toda a obra de Rosalía de Castro, que se supón que ela mesma ordenou destruír antes de morrer. A esta perda sumouse, tras o seu pasamento, a das cartas que lle escribira ao seu home e editor, Manuel Murguía, que as fixo desaparecer.

"A xustiza pola man", unha reivindicación pioneira contra a violencia de xénero
"Este libro concíbese coma unha celebración e, ao mesmo tempo, coma unha homenaxe. Non substitúe outras iniciativas, por suposto, mais o editor merece parabéns", subliña o presidente da Academia dunha obra que constitúe "un esmerado produto editorial" que contén "o tesouro da palabra, unha das voces máis intensas, auténticas, comprometidas e libres da literatura de todos os tempos". "Rosalía é esa voz universal, loitadora e feminista que cultivou unha poesía social ata entón descoñecida. Con ela comeza o renacemento da literatura galega, ata converterse na voz do pobo que ama", salientou igualmente Ramón Mariño ante o libro, aberto neste Día internacional da eliminación da violencia contra a muller pola reprodución do poema "A xustiza pola man", toda unha reivindicación pioneira contra a violencia de xénero incluída en Follas novas (1880).

O volume principal, de 640 páxinas, está encadernado en pergameo e preséntase nun estoxo que garda tamén a contribución artística de Gosia Trebacz. "A miña achega é unha serie de retratos de Rosalía interpretados nun ton do clima húmido galego, en papel vexetal de alta gramaxe. As transparencias e a textura do pergameo dialogan cos manuscritos, os apuntamentos e os seus marabillosos poemas. Unha parte dos retratos teñen un aire de arte pop e outra, do tradicional", describe a artista polaca, residente en Galicia dende hai décadas.

Dos poemarios aos textos inéditos e publicados en revistas
Rosalía de Castro: obra poética e manuscritos inclúe a reprodución facsimilar dos escasos manuscritos da autora fundacional das letras galegas contemporáneas que se conservan, incluídas as últimas descubertas, entre elas a realizada no arquivo da Real Academia Galega no ano 2014. "Foi aquí onde atopamos un libro final de Rosalía, Postrimerías, como ela mesma o titulou, obra que debe de estar relacionada dalgunha maneira con En las orillas de Sar", explica Henrique Monteagudo.

Esta edición é tamén unha nova ocasión para profundar en toda a obra poética rosaliana. Ademais de xuntar os libros da autora, recompila textos publicados en revistas e outros que ficaron inéditos.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 10 de decembro de 2019 / 18:30 h
Achegamento á literatura de Urbano Lugrís González
Mércores 11 de decembro de 2019 / 11:30 h
Charla da campaña Toponimízate nas Neves
Luns 16 de decembro de 2019 / 14:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Folgoso do Courel
Martes 17 de decembro de 2019 / 15:45 h
Charla da campaña Toponimízate - Cerdedo-Cotobade
Xoves 19 de decembro de 2019 / 12:30 h
Charla da campaña Toponimízate - Pazos de Borbén

Novas da Academia

Subscríbete