Discurso de ingreso de Otero Pedrayo

O 10 de abril de 1976 finaba en Ourense o xeógrafo, escritor, político e académico, Ramón Otero Pedrayo, un dos personaxes centrais na vida cultural galega do século XX.
Ramón Otero Pedrayo
Ramón Otero Pedrayo


Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía Castro e Pondal
é o extenso título do discurso de ingreso de Ramón Otero Pedrayo na Academia, lido o 9 de Nadal de 1929. Fio uns días despois da data prevista por mor dun accidente de tráfico que sufrira na Coruña en compaña da súa dona, Josefina Bustamante, precisamente durante a mañá da xornada disposta en principio para o seu ingreso. A crónica da súa entrada na Academia publicada no número 268 de A Nosa Terra, o 1 de xaneiro de 1930. pódese ler aquí.

Coa súa entrada en 1929, xunto coa de Vicente Risco, encargado de darlle resposta en nome da Academia, íanse incorporando a esta institución as figuras máis relevantes da Xeración Nós, ás que se lle sumarían, xa en 1934, Antón Villar Ponte e Castelao, completándose, deste xeito, o proceso de integración na Real Academia Galega da xeración moza organizada arredor das Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista.

O discurso de Otero Pedrayo, que se pode descargar aquí, analiza a obra de tres autores galegos do Dezanove -Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Pondal- desde a óptica da súa afinidade co movemento artístico romántico, con especial atención ao seu tratamento da paisaxe.

O pasamento de Otero Pedrayo en 1976 supuxo unha verdadeira xornada de loito nacional, aínda a pesar de non ser decretada oficialmente, e mereceu un tratamento exhaustivo por parte de La Voz de Galicia, quen lle concedeu a este feito a portada do seu número do 12 de abril, así como unha extensa reportaxe en páxinas interiores na que colaboraron, entre outros, Paz Andrade, Alonso Montero, García-Sabell ou Carballo Calero. Unha copia das páxinas de La Voz de Galicia dese día dedicadas a Otero pódese descargar aquí.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 19 de outubro de 2019 / 9:30 h
IV Xornada de Onomástica Galega. Os nomes das rúas - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete