A RAG e Ames asinan un convenio para elaborar o mapa sociolingüístico escolar do concello

A Real Academia Galega analizará a situación da lingua entre a infancia e a mocidade do Concello de Ames ao abeiro do convenio asinado hoxe entre ambas as institucións para o desenvolvemento do proxecto denominado I Mapa Sociolingüístico Escolar de Ames 2019-2020. O Seminario de Sociolingüística estudará os principais contextos de socialización da poboación de ata 18 anos do considerado como municipio máis novo de Galicia, desde o ámbito familiar e o sistema educativo ata a educación non formal que se desenvolve a través dos programas de conciliación de vida familiar e laboral ou das actividades culturais e deportivas. A análise prestará tamén atención ás prácticas lingüísticas dos menores de idade nas relacións entre iguais. A partir dos resultados obtidos, A RAG proporá posibles liñas de intervención para os distintos grupos de idade co propósito de recuperar terreo para a lingua nun segmento de poboación fundamental para o seu futuro.

Pola esquerda, Henrique Monteagudo, José Miñones, Víctor F. Freixanes e Isabel Vaquero tras a sinatura do convenio


O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Ames, José Miñones, asinaron hoxe un convenio para realizar este estudo, que se desenvolverá grazas á colaboración do alumnado, das familias, dos centros educativos do Concello de Ames, tanto públicos como privados, e da monitoraxe que desenvolve actividades de conciliación do propio concello. No acto de sinatura tamén estiveron a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, e o secretario da RAG e coordinador do Seminario de Sociolingüística, Henrique Monteagudo.

A partir dos datos obtidos neste traballo, os centros elaborarán os seus propios plans lingüísticos e o Concello establecerá as liñas xerais da política lingüística municipal en relación á infancia e á mocidade. "Agradecémoslles ao Concello de Ames, aos colexios e demais partes implicadas a colaboración nun traballo que ten que ver cunha causa que é a causa de todos", expresa Víctor F. Freixanes. O presidente da RAG lembra que a institución está a priorizar desde o Seminario de Sociolingüística a infancia e a mocidade por seren un sector clave para o futuro do idioma. "Para soster sempre os argumentos en datos obxectivos, son fundamentais traballos de campo como o que se fará en Ames, que nos ofrecerá un coñecemento de primeira man sobre a situación da lingua na infancia e na mocidade que será tamén esencial para unha axeitada planificación", engade.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca que o goberno municipal avanza na análise da situación da lingua na infancia e na mocidade amesá. Tras a elaboración do Informe sociolingüístico A lingua no CEIP Agro do Muíño, presentado no pasado mes de setembro, agora, imos darlle continuidade a este traballo cun mapa sociolingüístico de todos os centros escolares do concello. Agradecemos a implicación neste proxecto da Real Academia Galega e dos centros escolares de Ames e agardamos que o informe de conclusións e valoracións nos sirva para poder desenvolver diferentes políticas de normalización lingüística que axuden a fomentar o uso da nosa lingua".

A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, explicou que coa elaboración deste mapa sociolingüístico se pretende dispor dunha panorámica xeral da situación do alumnado dos centros de ensino de Ames, co obxectivo de ter pautas para a intervención política. "Trátase de adoptar medidas que contribúan a que os nenos e nenas de familias galegofalantes non muden de lingua e motivar, especialmente as familias bilingües, para que como mínimo reteñan e, sobre todo, aumenten o uso do galego cos seus nenos e nenas, porque a familia é un caldo de cultivo inicial fundamental para a supervivencia do idioma".

Pola súa banda, Henrique Monteagudo subliñou que este proxecto ten un interese moi particular para o Seminario de Sociolingüística da RAG e en xeral para as persoas preocupadas pola situación e o futuro do galego, por varias razóns. "En primeiro lugar, porque é a primeira vez que se consegue unha implicación tan intensa dun concello e dunha comunidade educativa tan ampla e variada; en segundo lugar, porque o Concello de Ames ten un perfil demográfico e social moi interesante, dada a elevada porcentaxe de poboación infantil e xuvenil (das máis altas de Galicia), e a súa condición periurbana, nunha comarca que medrou e continúa a medrar extraordinariamente. Dalgún xeito, imos explorar as condicións de futuro da lingua galega".

Unha colaboración que medra
O acordo profunda na liña de colaboración que deu lugar á presentación o pasado mes de setembro do informe A lingua no CEIP Agro do Muíño, baseado en datos recollidos por este colexio e analizados pola Academia. Desta volta será o propio Seminario de Sociolingüística o que elabore e administre tamén as enquisas que logo analizará. Parte delas estarán dirixidas ao profesorado e á monitoraxe e outras ás propias familias con fillos e fillas matriculados nas escolas infantís (0-6 anos), colexios de primaria (6-12 anos) e institutos (12-18 anos).

Este convenio, que ten unha vixencia de dous anos, establece que o devandito proxecto se executará en dúas fases. Na primeira fase farase un mapa sociolingüístico dos centros escolares de infantil e primaria, mentres que na segunda fase se realizará o estudo dos centros de ensino de ESO e bacharelato.

Na primeira fase elaboraranse enquisas específicas dirixidas a alumnado, profesorado e familias con nenos e nenas matriculados nas escolas infantís e en centros escolares de educación primaria de Ames, tanto de titularidade pública coma privada. Na segunda fase faranse enquisas específicas dirixidas ao alumnado, profesorado de ensino secundario e bacharelato dos institutos amesáns e ás súas familias.

Unha vez feita a recollida de datos, analizarase a información obtida e elaborarase un informe co resultado e con propostas de intervención sobre cada un dos niveis educativos; un informe xeral da situación no Concello de Ames e informes individualizados por cada un dos centros escolares obxecto deste estudo. Ademais, entregaráselle ao Concello de Ames un informe cos datos analizados, cos resultados obtidos e con recomendacións sobre as posibles liñas de intervención.

Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 27 de maio de 2019 / 18:00 h
Entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Novas da Academia

Subscríbete

Cursos de Verán 2019


Toda a información
nesta páxina

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 378

Boletín da Real Academia Galega
nº 378

Consultar

Cadernos de Lingua
nº 36

Consultar