Urco saca á luz o derradeiro conto infantil de María Victoria Moreno

O derradeiro conto infantil que María Victoria Moreno escribiu permanecía ata o momento inédito. As cinco castes sae agora á luz a través de Urco Editora, grazas á colaboración da familia da protagonista do Día das Letras Galegas 2018 e o seu amigo Xavier Senín. O relato, "unha fermosa historia sobre os seres que habitan a Terra", foi ilustrado por Lidia Cao.

A familia de María Victoria Moreno atopou As cinco castes no ordenador da autora tempo despois do seu pasamento. O texto súmase agora a outros inéditos da escritora publicados por Urco Editora nos volumes O amor e as palabras e Nosoutras.

"María Victoria Moreno foi pioneira en poñer como protagonistas das súas historias a nenas, mulleres de avanzada idade e incluso animais, coma neste libro, As cinco castes", salienta o selo editorial. O título está dedicado aos diferentes seres que poboan a Terra, que se distinguen "non só polo xeito de se comportar, senón tamén polas súas cores e feituras". "Estes agrúpanse en castes segundo as súas características e poden pertencer á caste dos paxariños, dos bichos, dos animais, dos nós ou dos amos", resume a sinopse. O libro xa está á venda nas librarías e na páxina web de Urco Editora.

Dicionario

Novas da Academia

Subscríbete