Académicos e académicas

Paulino Pedret Casado
Santiago de Compostela, 1899 - 1969
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Narciso Correal, Alejandro Barreiro Noya e Ramón de Artaza
Título do discurso
*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás. Paulino Pedret Casado formaba parte deste grupo de académicos.
Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández
Relixioso, xurista e polígrafo, membro do Seminario de Estudos Galegos, foi o tradutor ao galego do libro De correctione rusticorum (s. VI), de Martiño Dumio. Foi o decano da facultade de Dereito da Universidade de Compostela entre 1961 e 1965 e nomeárono doutor honoris causa pola Universidade de Coímbra en 1944.
De pai catalán e nai galega, Paulino Ceferino Buenaventura Pedret Casado pasou a infancia na casa familiar da rúa do Vilar de Santiago de Compostela e cursou o bacharelato ao tempo que iniciaba a carreira eclesiástica no Seminario Conciliar, onde se achegou por vez primeira ao galeguismo da man do seu profesor de latín, Jacinto Piñeiro. Estudou durante tres cursos Filosofía na Universidade Gregoriana de Roma ata acadar o doutoramento, e en 1922 foi ordenado sacerdote en Tui polo bispo desta sede, o académico Manuel Lago González. Exerceu como capelán do exército desde 1923 e da Armada a partir de 1925. Dominaba o latín, o grego, o alemán, o francés, o inglés e o italiano.
En 1921, un ano antes se ordenar sacerdote, rematara a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela (USC), pola que se doutorou dous anos máis tarde coa tese titulada El impedimento de impotencia en la historia del Derecho Canónico. Tamén completou a carreira de Filosofía e Letras na sección de Historia, disciplina á cal lle dedicou boa parte das súas publicacións. En 1928 foi nomeado profesor axudante na facultade de Dereito compostelá, dous anos máis tarde gañou por oposición a praza de profesor auxiliar e en 1942 a cátedra de Dereito Canónico do mesmo centro, onde substituíu a Salvador Cabeza de León. Visitou universidades de Alemaña, Francia e Bélxica para completar a súa formación e impartir conferencias da súa especialidade, e foi decano da súa facultade entre 1961 e 1965.
A USC tributoulle unha homenaxe en 1969 con motivo da súa xubilación, uns meses antes da súa morte. Publicou numerosos traballos relacionados co dereito canónico en revistas de ciencia xurídica como Anuario de Historia del Derecho Español. Dirixiu as teses de doutoramento de Jesús Pintos Uribe e Luciano Fariña Couto.
Como membro do Seminario de Estudos Galegos (SEG), Paulino Pedret participou nas súas misións científicas, as chamadas xeiras, e publicou nos seus Arquivos o ensaio “Contribuizón ao estudo da historia de Galiza”, sobre un tema que será recorrente nas súas pescudas: a vida e obra de Martiño de Dumio, tamén coñecido como san Martiño de Braga. Este relixioso orixinario de Panonia, en Europa Central, combateu as herexías arriana e priscilianista no reino suevo e prestou consello a reis coevos seus, como Teodomiro. No seu artigo, Pedret fai un resumo dos Capitula Martini, a tradución ao latín de oitenta catro canons da igrexa oriental redactados orixinalmente en grego. Neste mesmo traballo anunciábase a publicación nos Arquivos do SEG da tradución doutro libro do mesmo autor, De correctione rusticorum (1932) que, porén, apareceron publicadas finalmente na revista ourensá Nós.
Tamén no seo do Seminario, foi un dos autores da ortografía Algunhas normas pra a unificazón do idioma galego (s.a.). Logo da disolución desta entidade coa chegada da ditadura, Paulino Pedret, canda o seu amigo o tamén crego e membro do SEG Xesús Carro, foi un dos responsables da salvación da súa biblioteca da queima organizada polos falanxistas. Máis adiante, participou na creación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do que era vicedirector no momento da súa morte.
Autor dunha vizosa produción científica espallada en xornais, revistas galegas, españolas e internacionais, cómpre salientar os seus traballos sobre a historia da igrexa galega e figuras como as de Prisciliano, san Froitoso de Braga ou o padronés Alonso de la Peña, que foi bispo de Quito. Editou e prologou a Historia de la Universidad de Santiago de Compostela (1945-1947), na que reuniu as investigacións que deixara inéditas Salvador Cabeza de León sobre o tema logo da súa morte; interesouse tamén por outras cuestións relacionadas con Galicia, como a toponimia de Queixumes dos pinos e as biografías de persoeiros como Celestino Sánchez Rivera, Eladio Oviedo Arce, Antonio López Ferreiro, Cornide, o padre Sobreira, Gumersindo Laverde Ruiz, Manuel Colmeiro Penido, Amor Ruibal, Pablo Pérez Costanti, Aureliano Pardo Villar, Salvador Cabeza de León, Otero Pedrayo, Celestino Sánchez Rivera, Saco Arce, Eijo Garay ou Uxío Carré Aldao. Algunhas destas achegas publicáronse no Boletín da Real Academia Galega.
Defensor dunha concepción conservadora e culturalista do galeguismo, nun artigo publicado en 1935 na revista Alento, dirixida naquela altura por Álvaro das Casas, defende a personalidade propia do pobo galego e realiza unha síntese histórica, parándose en feitos senlleiros como a separación de Galicia e Portugal, o centralismo castelán, a figura de Sarmiento ou a carencia dunha grande urbe, ao modo de Barcelona, capaz de nacionalizar o resto do país.
En 1944 foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Coímbra. Era membro da Academia Galega de Xurisprudencia. Logo da súa morte, o académico Antón Fraguas publicou unha extensa nota necrolóxica no Boletín da Real Academia Galega.
Proposto por Narciso Correal, Alejandro Barreiro Noya e Ramón de Artaza, ingresou na Real Academia Galega nunha cerimonia conxunta celebrada no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela en 1941, canda outros dezaoito membros numerarios. No seu transcurso, só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en el noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da institución o presidente, Manuel Casás.