Académicos e académicas

Manuel Lago González
Tui, Pontevedra, 1865 - Santiago de Compostela, 1925
Data de ingreso
12/10/1917
A proposta de
Académico fundador
Nesta cadeira
Ana Isabel Boullón Agrelo (11/12/2021 - Actualidade)
Xosé Luís Franco Grande (03/07/1998 - 31/03/2020)
Leandro Carré Alvarellos (03/03/1945 - 14/02/1976)
Rafael González Villar (27/07/1941 - 14/03/1941)
Antón Villar Ponte (24/07/1934 - 04/03/1936)
Manuel Lago González (12/10/1917 - 18/03/1925)
Manuel Lago González (04/09/1905 - 17/11/1910)
Relixioso, teólogo, escritor e poeta, foi membro da Asociación Regionalista de Murguía e un dos organizadores dos Xogos Florais de Tui, os primeiros celebrados integramente en galego. Foi bispo de El Burgo de Osma e de Tui, e o primeiro arcebispo galego de Santiago de Compostela en cento vinte e cinco anos. Nos seus escritos procurou conciliar os ideais do galeguismo cultural e dun catolicismo de liña tradicionalista. Foi presidente honorario do Seminario de Estudos Galegos e o autor dun dos dous discursos lidos no acto de constitución da Real Academia Galega.
Tras ingresar aos trece anos no seminario de Tui para cursar o bacharelato, cursou as carreiras de Humanidades, Filosofía, Teoloxía e Dereito Canónico. En 1886 estudou Latín e Grego en Santiago de Compostela, materias das que foi catedrático no Seminario de Tui, onde tamén impartiu outras como historia eclesiástica, arqueoloxía ou teoloxía dogmática. En 1888 foi ordenado presbítero e en 1893 acadou o doutorado en teoloxía.
Comezou a publicar os seus primeiros poemas –quer co seu propio nome, quer con pseudónimo – xa en 1880 no xornal El Eco del Miño, e entre 1888 e 1896 colaborou asiduamente nas páxinas do xornal católico La Integridad, inspirado por Ramón Nocedal e de tendencia integrista. Nas súas páxinas ocupouse das seccións “Ripios” e “A la menuda”, nas que se amosou como un articulista mordaz que non eludía a polémica e que tentaba harmonizar os ideais do galeguismo rexionalista e do integrismo católico. Así, cando en 1891 se constituíu a Asociación Regionalista Gallega, presidida por Murguía, Lago González incorporouse de inmediato á Junta Regionalista de Tui, que aquel mesmo ano organizou os Xogos Florais de Tui, os primeiros celebrados exclusivamente en galego e nos que o relixioso tudense contribuíu co discurso “Gabanza da lingua galega”, do que non se conserva copia.
Enfrontado co novo bispo tudense, Valeriano Menéndez Conde, desde 1894 e tras varios incidentes coas autoridades civís de Tui polo seu integrismo católico, en 1896 foi trasladado a Lugo, cidade da que é fillo adoptivo e onde exerceu como cóengo da catedral e catedrático de hebreo e teoloxía no seu seminario. En Lugo publicou El renacimiento de la escolástica en España (1902), discurso lido na inauguración do curso 1901-1902 do seminario; e colaborou, asemade, co padre Merino na recollida de plantas nas ribeiras do Miño. Unha delas foi bautizada como Narcisus lagoi na súa honra.
En 1909 é nomeado bispo de El Burgo de Osma, diocese que dirixe entre 1910 e 1917. Na vila soriana Lago González dedícase ao estudo, ás obras sociais e redacta varias pastorais, como Excelencia de la fe (1917) e El régimen espiritual (1917) ou o discurso El catecismo y la civilización (1914). Ese mesmo ano é escollido senador polo arcebispado de Burgos. En 1917 é preconizado bispo de Tui e regresa á súa terra natal tras o traslado do seu titular, Eijo Garay, á sede de Vitoria. Na súa vila natal escribe e publica a pastoral “El régimen espiritual” e estimula a recuperación das formas de culto tradicional e populares galegas.
En 1923 foi preconizado arcebispo de Santiago de Compostela, sede da que toma posesión ao ano seguinte. Facíanse 125 anos desde a última vez que un galego ocupara a sede compostelá e o seu nomeamento foi recibido con entusiasmo polo galeguismo da época. Recibiu as loanzas de persoeiros como Amor Ruibal, Ramón Cabanillas –quen lle dedica o poema “As pombas do perdón” – e Antón Vilar Ponte, que escribe para a ocasión o artigo encomiástico “El heredero de Gelmírez y Rajoy”.
Xa en Santiago de Compostela, foi nomeado presidente de honra do Seminario de Estudos Galegos (SEG). Un grupo de estudantes desta institución publica Os estudantes a o arcebispo: A noso siñor o arcebispo de Sant-Iago don Manoel Lago González (1924), que contiña unha colectánea de poemas do académico cunha introdución anónima atribuída a Fermín Bouza Brey. Durante o acto da súa recepción no SEG, Castelao leu o discurso “O novo espírito” e Lago González pechou a xornada cunha apoloxía da cultura e da lingua galegas. Á súa morte, a Universidade de Santiago de Compostela adquiriu a súa biblioteca, composta por máis de sete mil volumes, e dedicoulle unha sala inaugurada en 1929.
Lago González escribiu 62 poesías en galego que se conservaron, na súa maioría, manuscritas. Outras publicáronse en diversos periódicos como La Integridad, El Norte de Galicia, Galicia Diplomática ou Galicia Católica. O seu canon literario galego fórmano autores como Añón, Alberto Camino, Pondal, Curros, Rosalía ou Lamas Carvajal . Versificador áxil, podía usar rexistros lingüísticos elevados ou máis achegados á oralidade. Nas súas composicións tratou desde temas devotos ata a paisaxe da terra natal, os costumes populares e personaxes históricos e lendarios, como no romance dedicado a Pedro Madruga ou na oda patriótica de estilo pondaliano “O derradeiro celta”. Algunhas das súas pezas, como “Alborada”, “San Campio”, “Fror Nova” e “O neno Xesús” foron musicadas por José Torres Crego e outras polo mestre de capela de Tui Martínez Posse.
Afeccionado á historia, en 1882 foi nomeado membro da Academia Mont-Réal de Toulouse. Publicou os seus primeiros traballos, “Galicia antigua” (1883) e “Las religiones de Galicia” (1896) en El independiente. Cómpre salientar tamén a súa edición do “Onomástico etimológico de la lengua gallega” (1923) do padre Sarmiento e un artigo sobre a sinatura de Colón publicado no Boletín da Real Academia Galega.
Lago González foi autor, canda Murguía, dun dos dous discursos lidos no acto de constitución da Academia, o 30 de setembro de 1906, titulado “Elogio de la lengua gallega”, que leu Uxío Carré Aldao. O relixioso salienta nel a antigüidade da lingua galega e debuxa a súa historia culta, desde o esplendor da lírica medieval deica o Rerxurdimento novecentista.
Manoel Lago González foi o protagonista do Día das Letras Galegas de 1973. O académico Xosé Filgueira Valverde, un dos grandes especialistas na súa obra, é autor da nota biográfica e da escolma de textos galegos Lago González: biografía y selección de su obra gallega (1965) e de Escolma de poesías (1973).