Manuel Lago González

Ano 1973

Manuel Lago González

1/3

Biografía

Os estudos eclesiásticos de Manuel Lago González, que chegou a ser arcebispo de Compostela, marcaron a súa obra poética, onde continuou os preceptos da norma e do canon fuxindo de innovacións.

Naceu en Tui o 25 de outubro de 1865. Alí estudou a carreira eclesiástica, realizando trece cursos en dez anos coas mellores cualificacións e premios. Comezou a escribir aos catorce anos e, só dous máis tarde, recibiu xa as súas primeiras distincións académicas. En 1887 desempeñou a cátedra de Grego e Hebreo no Seminario de Tui, onde un ano despois recibiu as Ordes Maiores.

Na súa cidade natal contribuíu a crear o diario La Integridad (1888) e participou nos famosos Xogos Florais de 1891 co discurso "Gabanza da lingua galega". En 1896 trasladouse a Lugo para desempeñar a cátedra de Teoloxía do seminario e gañou por oposición unha praza de cóengo na catedral desa cidade. Posteriormente accedeu á dignidade episcopal. Xa en 1906 ingresou na Real Academia Galega co discurso "Elogio de la lengua gallega". Foi nomeado bispo de Burgo de Osma en 1909. De alí pasou a Tui, e en 1923 marchou como arcebispo a Compostela, cidade onde faleceu o 18 de marzo de 1925.

Lago González foi un importante teólogo, gran coñecedor de linguas, orador, arqueólogo e, especialmente, un destacado poeta. Era un creador formalista, que puña freo á súa creación coa rixidez da norma e do canon. A formación bíblica e clásica recibida ao longo da súa vida levouno ao uso das amplificacións, reiteracións e estruturas paralelísticas.

Os principais eixes temáticos da súa obra son a natureza, algúns motivos histórico-narrativos e relixiosos, así como as lembranzas da mocidade, da cidade natal e das súas xentes. A lingua empregada oscila, dependendo do poema, entre un amplo repertorio de ornamentos literarios e os xiros da fala familiar aldeá.

O conxunto dos seus sesenta e dous poemas galegos foi recollido en 1967 por Filgueira Valverde, ao quedaren moitos deles manuscritos ou espallados en publicacións da época, como La Integridad, El Norte de Galicia ou Galicia Diplomática. Tamén é autor dalgúns poemas e obras eruditas en castelán.

Torres Queiruga sobre Lago González.

Obra

- El renacimiento de la escolástica en España: Discurso leido en la inauguración del curso académico de 1901-1902 en el Seminario Conciliar de Lugo. Lugo: [s.n.], 1902.
- El catecismo y la civilización: discurso. Tui: Tip. Regional, 1914.
- El régimen espiritual: carta pastoral. Tui: Tip. Regional, 1917.
- Poesía galega. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1966.

Escolmas, homenaxes e obras sobre o autor

- Homaxe ao arcebispo Manoel Lago González. Santiago de Compostela: Nós, 1934.
- CÁTEDRA DE LINGÜÍSTICA E LITERATURA GALEGA, USC (ed.)
Algunhas características do galego de Lago González. Santiago de Compostela: Universidade, 1973.
- CENTRO GALLEGO DE BUENOS AIRES (ed.)
Homaxe ó Arcebispo Lago González. Día das Letras Galegas: 17 de maio de 1973. Bos Aires: Centro Gallego de Buenos Aires, 1973.
- FILGUEIRA VALVERDE, X. (ed.)
Lago González. Pontevedra: Antúnez, 1934.
- FILGUEIRA VALVERDE, X. (ed.)
Lago González: biografía y selección de su obra gallega. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1965.
- REAL ACADEMIA GALEGA (ed.)
Escolma de poesías. A Coruña: Real Academia Galega, 1973.