Académicos e académicas

Xesús Carro García
Santiago de Compostela, 1884 - 1973
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Manuel Casás Fernández, Ángel del Castillo e Alejandro Barreiro Noya
Título do discurso
*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás. Jesús Carro García formaba parte deste grupo de académicos.
Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández
Relixioso e arqueólogo especializado no estudo da catedral de Santiago de Compostela e na historia das súas peregrinacións. Membro do Seminario de Estudos Galegos, foi o responsable da salvación de parte do seu patrimonio logo do estoupido da guerra civil española.
Xesús Carro rematou en 1919 a carreira sacerdotal na Universidade Pontificia de Santiago de Compostela. A seguir, realizou dous cursos de Dereito Canónico na mesma universidade, baixo a tutela de Samuel Eijo Garay, e pasou a exercer brevemente como coadxutor en diversas parroquias da contorna compostelá, como as de Conxo, Sar, Santa Susana, Os Ánxeles e Ames.
Na súa etapa como seminarista recibiu un premio, en 1909, do seminario de Sevilla polo relato “Un paseo en la playa: diálogo entre un seminarista y un lector de la mala prensa”.
Afeccionado ao estudo da arqueoloxía desde moi cedo, tivo como mestres na materia a Eladio Oviedo Arce e a Antonio López Ferreiro e, xa en 1916, foi nomeado secretario da Sección de Historia e Arqueoloxía da Sociedad de Amigos del País de Santiago de Compostela. Entre 1928 e 1931realizou, como bolseiro da Junta para la Ampliación de Estudios, varias viaxes por Europa nas que visitou museos de Francia, Alemaña e Inglaterra. Ao seu regreso, promoveu a creación dunha oficina e do padroado de turismo de Santiago de Compostela.
En 1928 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, do que dirixiu a sección de Arqueoloxía e Arte. Colaborou na publicación Terra de Melide (1936), co estudo sobre a arqueoloxía relixiosa deste concello, escrito canda Emilio Camps e Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey). Nesta xeira, interveu tamén en faladoiros organizados polas mocidades do Partido Galeguista, Ultreya, con cursos de arqueoloxía galega. Logo do golpe de Estado de 1936 foi quen de rescatar material da editorial Nós e mais do Seminario de Estudos Galegos, como algunhas miniaturas do Códice Calixtino que o Seminario estaba a transcribir.
En 1932 colaborou con Walter Muir Whitehill na transcrición do Códice Calixtino e en 1935 foi nomeado membro correspondente do Instituto Español de Estudios Medievales, dirixido por Menéndez Pidal, en recoñecemento ás súas achegas no eido da arqueoloxía galega. En 1939 designárono apoderado en Compostela do Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional e, coa creación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento en 1944, dirixido por Francisco Javier Sánchez Cantón, Xesús Carro pasou a ser o xefe da sección de Estudos Composteláns e da Peregrinación nesta institución.
Profundo coñecedor da catedral compostelá, publicou numerosas monografías sobre este tema e artigos dispersos en diversas publicacións como as revistas Nós, Logos, Spes ou Compostellanum e en xornais como El Pueblo Gallego, La Noche, El Ideal Gallego, Faro de Vigo ou El Correo Gallego. Nos seus ensaios, Xesús Carro analizou desde un punto de vista artístico os pórticos da Gloria e de Praterías da catedral de Santiago, a Cámara Santa, o Botafumeiro, o sepulcro ou a Torre da Berenguela. O seu interese pola Catedral catedral estendeuse tamén á historia das peregrinacións que, desde a Idade Media, tiñan como meta a diocese compostelá. Froito deste traballo son libros como Estudios jacobeos (1954), A pelengrinaxe ao Xacobe de Galicia (1965) e un bo feixe de artigos diseminados en diversos publicacións.
Outros aspectos da arte sacra galega tratounos en libros como Las catedrales gallegas (1950), Crónica de Santa María de Iria (1951) ou Arca marmórica (1954), así como en numerosos artigos e ensaios sobre outras cuestións relacionadas con este tema, como a diocese de Tui, o castro de Recouso, o período prerromano, as miniaturas do Tombo A da catedral, o Códice Calixtino, o cemiterio de Belvís, o pazo de Xelmírez ou a obra do escultor Bonome, entre outras.
Xesús Carro foi membro correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, membro do Instituto de Estudos Xacobeos, do Museo de Belas Artes da Coruña e cabaleiro comendador da Orde de Afonso X o Sabio. Foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega en 1925 a iniciativa de Pablo Pérez Constanti, Florencio Vaamonde e Francisco Ponte Blanco. Posteriormente ingresou como numerario o 27 de xullo de 1941 a proposta de Manuel Casás Fernández, Ángel del Castillo López e Alejandro Barreiro Noya. Ese día tivo lugar no paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, mais no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, lido por Fermín Bouza-Brey en nome de todos. En 1971 foi nomeado fillo predilecto de Santiago de Compostela.