Académicos e académicas

Salvador Cabeza de León
Betanzos, A Coruña, 1864 - Santiago de Compostela, 1934
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador
Eminente xurista, escritor e político galeguista, foi un dos promotores da Asociación Regionalista Gallega, dirixida por Manuel Murguía. Foi alcalde de Santiago de Compostela entre 1911 e 1914 e presidiu o Seminario de Estudos Galegos entre 1925 e 1934.
Nado en Betanzos, cando tiña dous anos trasladouse coa súa familia a Santiago de Compostela, onde o seu pai traballaba como mestre. Comezou a carreira de Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela (USC), que axiña abandonou para cursar a de Dereito, na que en 1882 foi distinguido como mellor alumno coa Cruz de Isabel a Católica. Licenciouse en 1884 e tres anos máis tarde obtivo o doutoramento pola Universidade Central de Madrid. A continuación regresou á USC como profesor auxiliar. En 1903 gañou por oposición a cátedra de Dereito Internacional e, en 1919, pasou a ocupar a de Canónico. Entre 1920 e 1928 exerceu como decano da súa facultade. Recoñecido internacionalista, a nacente Sociedade de Nacións solicitou os seus servizos para diversos informes tras a primeira guerra mundial.
Comprometido co rexionalismo galego desde mozo, en 1890 foi un dos fundadores da Asociación Regionalista Gallega, da que redactou as bases canda o seu mentor, Alfredo Brañas. Cabeza de León contribuíu, así mesmo activamente publicando varios artigos no órgano desta entidade, o xornal La Patria Gallega, iniciado en 1891 e do que se chegaron a tirar 14 números.
Ese mesmo ano, a Asociación Regionalista Gallega organizou os Xogos Florais de Tui, os primeiros celebrados integramente en galego e nos que Murguía pronunciou o seu célebre discurso. Cabeza de León oficiou de secretario deste encontro, redactando unha memoria escrita e lida tamén en galego que mereceu un gran recoñecemento. En maio de 1891 participou tamén na comisión para o traslado dos restos mortais de Rosalía de Castro desde Padrón ata San Domingos de Bonaval.
Disolvida a Asociación Regionalista, en 1897 Cabeza de León integrouse decontado na súa sucesora, a Liga Gallega, da que dirixía o grupo de Santiago de Compostela, do que formaban parte, entre outros, Juan Barcia Caballero e Alfredo Brañas. De liña conservadora, a Liga santiaguesa mantivo unha relación conflitiva coa coruñesa, con Murguía á fronte e de tendencia liberal. Como mostra do seu activismo conservador, cómpre salientar a participación de Cabeza de León en diversas causas do tradicionalismo e do incipiente socialcatolicismo santiagués, como o Ateneo León XIII e o Círculo Católico de Obreiros.
Membro da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela, entre 1910 e 1914 foi alcalde da cidade, unha etapa caracterizada pola posta en marcha de novas institucións públicas e a inauguración de varios monumentos.
En 1924 integrouse no Seminario de Estudos Galegos cun traballo sobre Domingo Fontán publicado no Boletín da Real Academia Galega. A partir de 1925 presidiu o SEG, en substitución de Armando Cotarelo Valledor. No seu seo, encadrouse na sección de Historia que, dirixida por Xosé Filgueira Valverde, publicou traballos como a transcrición do Codex Calixtinus ou a Crónica Gallega de Iria. Nesta xeira Cabeza de León escribiu diversos artigos, como “Festejos de la Universidad compostelana por el nacimiento del Rey don Luis I”; “O Conde de Monterrey e a Universidá de Sant-Yago”, (1931) e “Notas de un preito antre os veciños de varias freiguesías da xurisdición de Noia e o Arcebispe de Sant-Yago, sobre o aproveitamento de unha balea botada pol-o mar, 1577” (1930). Foi ademais o mantedor da Festa da Lingua Galega, xornada organizada en 1924 pola Liga de Amigos de Santiago e pola Sección de Artes e Letras do Seminario de Estudos Galegos. Durante a súa presidencia no Seminario acordouse tamén a creación da sección de Filoloxía Galega.
Como escritor, publicou o poemario Primicias (1898) na imprenta de Andrés Martínez Salazar. Un libro de poesías en galego de estilo tradicional sobre temas costumistas ou paisaxistas, nos que salientan o uso da ironía e as homenaxes a figuras como as de Rosalía de Castro ou Jovellanos. No xénero dramático levou ao prelo Camiño da vila. Cuadro dramático en prosa e verso (1915), con música de Antonio García Jiménez. Tempo antes, en 1891, traducira do catalán o poema de Joaquim Rubió i Ors “A la memoria de na Rosalía Castro de Murguía”.
No ámbito da ciencia xurídica preparou, canda Alfredo Brañas e Juan Barcia Caballero, a edición das obras completas de Díaz de Rábago, e publicou varias monografías como El Sistema de la personalidad del derecho, exposición y crítica (1903), Programa de Derecho Internacional Público (1908), Algunas ideas de Saavedra Fajardo referentes al derecho internacional (1906), Notas sobre la disciplina escolar en la Universidad de Santiago en los siglos XVI, XVII y XVIII (1917), La Universidad de Santiago y D. Ramón de la Sagra (1919), Fundación Benéfica de Ramón Plá. El momento actual de España (1923) ou A insinanza do Dereito román na Universidá de Sant-Yago, hastra o plan de estudos de 1772 (1927).
No ámbito da historia, publicou “Coronación de Alfonso VII rey de Galicia en 1111” (1896) e, logo dun extenso traballo de esculca sobre a historia da Universidade de Santiago de Compostela, os seus escritos sobre o tema foron reunidos e editados por Enrique Fernández Villamil. Viron a luz en tres tomos, con limiar de Paulino Pedret e co título de Historia de la Universidad de Santiago de Compostela (1946-1947).
Tamén fixo artigos de crítica literaria e foi un asiduo colaborador coa prensa da época, con artigos en revistas e xornais como El Libredón, La Unión, La Patria Gallega, La Defensa de Galicia, A Nosa Terra, El Correo de Madrid, La Ilustración Artística ou La España Regional de Barcelona. Morreu o mesmo día que cesaba o seu curso de Dereito Internacional.
Salvador Cabeza de León foi membro fundador da Real Academia Galega e correspondente da Academia da Historia desde 1918. En 1927 foi nomeado membro da Real Academia Española e pertenceu ademais ao Instituto Histórico do Minho e á Sociedade Martíns Sarmento de Guimarães.